Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 24 de outubro de 2018 Páx. 46909

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2018

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do
Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 6/2017,
do 12 de decembro, de Portos de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. De conformidade coas negociacións previas mantidas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, do 26 de febreiro de 2018, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 39, 44 e 52 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, ambas as partes considéranas solucionadas cos seguintes compromisos:

a) Ambas as partes coinciden en que o artigo 39 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, establece as particularidades do procedemento para a elaboración e aprobación dos plans especiais de ordenación dos portos no ámbito competencial da Comunidade Autónoma; este artigo e, en particular o seu inciso 6, debe entenderse sempre sen prexuízo da aplicación da lexislación estatal e, especialmente, da do artigo 117 da Lei 22/1988, de costas, segundo o teor do cal no procedemento para a tramitación e aprobación de todo plan que ordene o litoral o informe da Administración Xeral do Estado resulta preceptivo antes da aprobación inicial e tamén, ademais, antes da aprobación definitiva.

b) Ambas as partes coinciden en que o artigo 44 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, non debe comprenderse no sentido de establecer un réxime substantivo, xa que este artigo imbrícase no capítulo III («Proxectos e obras») do título II da lei («Planificación, ordenación, obras, ambiente e seguridade»). Os artigos 55 («actividades, instalacións e construcións permitidas») e 56 («réxime de prohibicións») da lei remítense expresamente á lexislación estatal de aplicación. Polo tanto, ambas as partes concordan en interpretar o artigo 44 da Lei 6/2017 no sentido de que non contradí nin exclúe a aplicación dos artigos 49.4 e 25 da Lei de costas e os artigos concordantes do seu regulamento.

c) Ambas as partes coinciden en que o artigo 52.1 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, non debe entenderse no sentido de que exclúa a aplicación do artigo 49 (2 e 4) da Lei de costas nin do artigo 106.3 do seu regulamento. O artigo 52.4 fai mención á necesidade de solicitar os informes previstos na lexislación estatal que regula o procedemento de adscrición e os artigos 55 e 56 remítense expresamente á Lei de costas en canto ás actividades, instalacións e construcións permitidas (artigo 55) e en canto ao réxime de prohibicións (artigo 56). Por tanto, ambas as partes coinciden en que o artigo 49 da Lei de costas e 106 do seu reglamento son de aplicación.

Segundo. En razón do acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coa Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

Terceiro. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 6 de setembro de 2018

Meritxel Batet Lamaña

Alfonso Rueda Valenzuela

Ministra de Política Territorial
e Función Pública

Vicepresidente e conselleiro de Administracións Pública e Xustiza