Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 23 de outubro de 2018 Páx. 46775

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 9 de outubro de 2018 pola que se modifica a Orde do 14 de xuño de 2018 pola que se autorizan proxectos experimentais de formación profesional dual de ciclos formativos de formación profesional en centros educativos, en colaboración con diversas entidades.

A disposición adicional segunda do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, determina que a consellería con competencias en materia de educación promoverá a colaboración coas empresas e as entidades empresariais e, en particular, coas máis implicadas en sectores clave da economía galega e as relacionadas cos sectores emerxentes. Esta colaboración ten como finalidade, entre outras, a posibilidade de impartir módulos profesionais incluídos en títulos de formación profesional ou módulos formativos incluídos en certificados de profesionalidade nas instalacións das empresas, co fin de garantir que a formación se realice cos equipamentos propios da actividade, así como a actualización profesional.

Coa Orde do 14 de xuño de 2018 autorizáronse proxectos experimentais de formación profesional dual de ciclos formativos de formación profesional en centros educativos, en colaboración con diversas entidades ou empresas.

Co obxecto de adecuar as ensinanzas dos ciclos formativos ás necesidades específicas de formación que demandan as empresas e de acordo coas competencias que ten conferidas a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional,

DISPOÑO:

Artigo único. Actualización da oferta

Modifícase parcialmente a oferta educativa publicada na Orde do 14 de xuño de 2018 pola que se autorizan proxectos experimentais de formación profesional dual de ciclos formativos de formación profesional en centros educativos, en colaboración con diversas entidades coa implantación do ciclo de grao medio de Carrozaría no IES A Sangriña. Este proxecto terá como duración os cursos 2018/19 e 2019/20, e a distribución de módulos por curso académico será coincidente coa distribución para o réxime ordinario deste ciclo formativo.

A formación realizarase de forma compartida entre o centro educativo e as empresas Inturasa-Pérez Rumbao, S.A., Vehículos Pérez Rumbao, S.A., Celta Motor, S.L., Codelauto, S.A., Taller Sport Novas, S.L., Automarca Center, S.L., e Álvaro Hermida, S.L.

A distribución da formación curricular do ciclo formativo e a temporalización dos módulos profesionais será o establecido no convenio subscrito entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as empresas citadas con anterioridade. O convenio poderá ser consultado no enderezo http://www.edu.xunta.es/fp/convenios-dual.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2018

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional