Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2018 Páx. 45521

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 10 de outubro de 2018 pola que se modifica o artigo 11 da Orde do 15 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2018, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 4, do 5 de xaneiro).

Pola Orde do 15 de decembro de 2017 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse subvencións para o ano 2018, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (DOG núm. 4, do 5 de xaneiro), que se tramitou como expediente anticipado de gasto.

No artigo 11.2 da devandita orde establécese que as entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 15 de outubro de 2018.

Unha vez instruídos os procedementos iniciados en virtude da orde, o prazo inicial de execución e xustificación establecido nela resulta de difícil cumprimento para as entidades beneficiarias. Xa que logo, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, considérase conveniente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 31 de outubro de 2018 co fin de facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación de prazo ampárase no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Segundo este precepto regulamentario o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, co Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e co disposto na Orde do 15 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2018, en réxime de concorrencia non competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o número 2 do artigo 11 da Orde do 15 de decembro de 2017, que queda redactado nos seguintes termos:

«2. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 31 de outubro de 2018».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administraciones Públicas y Justicia