Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2018 Páx. 45623

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

ACORDO do 8 de outubro de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, polo que se fai pública a lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas no concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia.

O punto segundo da Resolución do 2 de xullo de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se convoca concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia (DOG núm. 129, do 6 de xullo), establece que a súa tramitación rexerase polo disposto nos artigos 22 e seguintes do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia, con aplicación do baremo específico de méritos e criterios para a súa valoración establecido no dito decreto, así como no anexo II da devandita resolución.

Por iso, de conformidade co disposto no punto 8 do artigo 22 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, por proposta da comisión de valoración constituída para o efecto, e logo da comprobación do cumprimento por parte das persoas aspirantes dos requisitos necesarios para participar no concurso, esta Secretaría Xeral Técnica

ACORDA:

Primeiro. Aprobar a lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas no concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia, con indicación, neste último caso, das causas de exclusión.

A citada lista poderá ser consultada na páxina web oficial da Consellería de Sanidade (www.sergas.es) desde o mesmo día da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. De acordo co sinalado no punto 9 do artigo 22 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, as persoas aspirantes disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contado desde o día seguinte ao da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia, para formular as reclamacións que consideren oportunas ou presentar, de ser o caso, a documentación para a emenda das solicitudes presentadas. Transcorrido o prazo sinalado sen proceder á súa emenda, consideraranse definitivamente excluídas do proceso.

A emenda das causas de exclusión realizarase, para aquelas persoas obrigadas a relacionarse electronicamente coa administración, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, podendo as persoas non obrigadas optar pola súa presentación presencial. En todo caso, sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del, consonte o sinalado na epígrafe terceira II.4 da Resolución do 2 de xullo de 2018.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2018

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade