Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 9 de outubro de 2018 Páx. 45228

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2018 pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.3 (cooperación no ámbito de Leader), da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2018 e 2019, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

A programación para a medida Leader correspondente ao período 2014-2020 réxese polo disposto nos artigos 32 a 35 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre disposicións comúns referidas aos fondos Feader, Feder, Fondo de Cohesión, FSE e FEMP, e polo disposto nos artigos do 42 a 44 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader). Os citados artigos regulan o desenvolvemento local participativo a través dos grupos Leader de desenvolvemento rural (en diante, GDR).

O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015 (CCI: 2014ES06RDRP011) e modificado por Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo de 2018, prevé na ficha correspondente á medida 19 (Leader) a tramitación de subvencións destinadas á cooperación (submedida 19.3).

Neste marco, mediante o Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 30 de xullo de 2018, aprobáronse as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural (submedida 19.3 da medida Leader), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvmento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), e publicáronse mediante a Resolución do director xeral da Agader do 30 de xullo de 2018 (DOG núm.153, do 10 de agosto).

Esta convocatoria está sometida ás bases reguladoras anteriores e refírese unicamente ao importe dispoñible na submedida 19.3 da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 para as anualidades 2018 e 2019.

Para esta convocatoria, a Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, ten consignado un crédito de 200.000 euros e, con respecto á anualidade 2019, está previsto un gasto de 200.000 euros.

Desde o punto de vista da normativa de axudas de Estado, conforme o previsto no artigo 15 das bases reguladoras que rexen esta convocatoria, esta convocatoria de axudas non terá, en principio, a consideración de axuda de Estado, aínda que cando o destinatario último da subvención sexa unha empresa ou calquera outra entidade que realice unha actividade económica e/ou que poida influír na libre competencia, estará suxeita aos límites establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. En consecuencia, as axudas de minimis concedidas por un Estado membro non poderán exceder 200.000 euros durante tres anos fiscais.

Esta convocatoria de axudas está cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nunha porcentaxe do 75 %.

O Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 11 de xullo de 2013, publicado mediante a Resolución do director xeral da Agader do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto), delegou na persoa titular da Dirección Xeral da Agader a competencia para realizar esta convocatoria.

Tendo en conta o anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten o obxecto de convocar, en relación coa medida 19 (Leader) do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), con cargo ás anualidades 2018 e 2019, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións que corresponden coa submedida 19.3 do PDR (cooperación).

2. Esta convocatoria está sometida ás bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural (submedida 19.3 da medida Leader), cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR), que se publicaron mediante a Resolución do director xeral da Agader do 30 de xullo de 2018 (DOG núm. 153, do 10 de agosto).

3. O código do procedemento que corresponde a esta convocatoria é MR710A.

Aplicacións-proxectos para a anualidade 2018:

Acción

(submedida)

Aplicación Agader

Proxecto Agader

Orzamento inicial GPT

Orzamento inicial Feader

01/19/30

13.A1.712A.7810

2017-00001

200.000 €

150.000 €

Total

Aplicacións-proxectos para a anualidade 2019:

Acción

(submedida)

Aplicación Agader

Proxecto Agader

Orzamento inicial GPT

Orzamento inicial Feader

01/19/30

13.A1.712A.7810

2017-00001

200.000 €

150.000 €

Total

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento desta convocatoria no ano 2018 será de 200.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria da Agader 13.A1.712A.7810 (aplicación orzamentaria 13.04.712A.732.09 da Consellería do Medio Rural, proxecto 2016-00221 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural). Estes fondos financiarán os proxectos que sexan seleccionados no primeiro procedemento de selección.

O financiamento desta convocatoria para o ano 2019 será de 200.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria da Agader 13.A1.712A.7810 (aplicación orzamentaria 13.04.712A.732.09 da Consellería do Medio Rural, proxecto 2016-00221 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural).

A concesión de subvencións ao abeiro desta convocatoria está sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. No marco da medida 19 (Leader), submedida 19.3 (cooperación), do PDR de Galicia 2014-2020, o crédito indicado está cofinanciado nun 75 % polo Feader, nun 2,5 % pola Administración xeral do Estado e nun 22,5 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia e o artigo 30 do Regulamento da dita lei, que se aprobou mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), debéndose publicar no DOG o aludido incremento de contía.

Artigo 3. Solicitudes de axuda

Esta convocatoria ten o carácter de aberta e establécese un só procedemento de selección. Neste senso, o prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 15 de novembro de 2018.

O prazo máximo para a resolución e notificación do procedemento de selección será de catro meses, contados a partir da data de finalización do correspondente prazo de presentación de solicitudes, de acordo co artigo 25.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

As obrigacións de información e publicidade establecidas na normativa comunitaria aplicable a estas subvencións faranse efectivas a través da páxina web do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).

A solicitude de axuda presentarase segundo o modelo normalizado establecido na Resolución do director xeral da Agader do 30 de xullo de 2018 (DOG núm.153, do 10 de agosto).

Artigo 4. Execución e xustificación dos investimentos

A data límite para executar e xustificar os investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será a que estableza cada unha das resolucións de concesión de axuda.

Artigo 5. Devolución de axudas

Conforme o previsto no artigo 64 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, os beneficiarios poderán devolver voluntariamente na conta da entidade financeira Abanca núm. ES19 2080 0388 2831 1000 1396 as axudas percibidas. No concepto da transferencia indicarase «Devolución da convocatoria Cooperación Leader 2018-2019» e mais o «Número de expediente».

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, no prazo de dous meses contados igualmente desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Información

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Agader: http://agader.xunta.es.

b) Na guía de procedementos e servizos, no enderezo:

https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos

c) No teléfono 981 54 73 62 (Agader).

d) De xeito presencial, na Agader (lugar da Barcia, 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 62.

e) Páxina web e sede dos GDR de Galicia. A relación dos GDR está publicada na antedita páxina web da Agader.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a xestión da convocatoria

A persoa titular da Dirección Xeral da Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento previsto na presente resolución poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira terceira. Eficacia da convocatoria

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2018

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural