Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 1 de outubro de 2018 Páx. 44171

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de novembro de 2017, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela, así como das disposicións normativas contidas no dito proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 9 de novembro de 2017, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela, promovido por Fergo Galicia Vento, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3.2.2011, polo que se declara a incidencia supramunicipal do devandito proxecto sectorial, os planeamentos dos concellos de Samos e Triacastela (Lugo) quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola disposición adicional 2ª da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV parque eólico Serra de
Oribio-subestación Triacastela

1. Proposta de modificación do planeamento urbanístico vixente.

1.1. Adecuación do planeamento xeral.

De acordo co artigo 11 do Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal «as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente».

A área delimitada polo presente proxecto sectorial deberá ser cualificada como solo rústico de protección de infraestruturas no planeamento xeral municipal, para que a súa clasificación sexa acorde co uso, segundo o artigo 34.2.e) da Lei 2/2016.

«e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á instalación de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio».

Esta área represéntase no plano Planeamento municipal modificado.

Por tanto, deberá incluírse nos planeamentos xerais afectados, neste caso os de Samos e Triacastela, a delimitación desta nova área de clasificación.

De acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, o ámbito en que se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superporase complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran.

O solo rústico de protección de Infraestruturas aquí indicado aterase ao definido pola Lei 2/2016 para este tipo de solo, xunto coas restricións que se describen a seguir.

1.2. Solo rústico de protección de infraestruturas.

1) Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo a zona delimitada nos planos destinada ás instalacións de distribución da enerxía eléctrica proveniente de diversos puntos de xeración, especialmente para a evacuación de enerxía renovable xerada en parques eólicos.

De acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, o ámbito en que se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superporase complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran.

2) Usos permitidos.

O réxime xeral do solo rústico de protección de infraestruturas ten por obxecto preservar os terreos ocupados polas infraestruturas e as súas zonas de afección, así como os que sexan necesarios para a implantación doutras novas. Esta categoría de solo queda suxeita ao seguinte réxime:

• Usos permitidos por licenza municipal:

Os relacionados con actividades de lecer, científicas, escolares e divulgativas. Instalacións necesarias para os servicios técnicos de telecomunicacións, a infraestrutura hidráulica e as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, gas, abastecemento de auga e saneamento, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos por que discorra.

Cerramentos e valados de leiras nas condicións establecidas en normativa de aplicación.

Permitiranse as instalacións necesarias para a execución e o funcionamento da dita infraestrutura.

• Usos permitidos pola Comunidade Autónoma:

Accións sobre o solo ou subsolo que impliquen movementos de terra, tales como dragaxes, defensa de ríos e rectificación de canles, socalcamentos, desmontes, recheos e outras análogas.

Instalacións vinculadas ao funcionamento das estradas e as infraestruturas e obras públicas en xeral.

• Contorna da liña eléctrica:

Tras a construción da liña eléctrica, esta contorna non poderá ser utilizada polos propietarios dos terreos para determinadas actividades que afecten negativamente a infraestrutura proxectada, como, por exemplo, edificar ou realizar plantacións de especies vexetais en altura.

Para o cálculo da área afectada pola contorna da liña eléctrica considerarase unha franxa de largura 10 m a cada lado da liña no tramo aéreo e unha rúa de 3 metros no tramo subterráneo onde a única limitación en canto aos usos por parte dos propietarios dos terreos será a perforación deses terreos.

3) Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación da LAT para poder implantarse nesta categoría de solo deberá contar coa correspondente declaración de impacto ambiental, de acordo co previsto na Ley 1/1995, do 2 de xaneiro, protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

4) Condicións de edificación.

Debido á particularidade do tipo de instalación que se proxecta, non se considera necesaria a instalación de ningún edificio pechado, polo que non se dispón unha superficie mínima de parcela para a edificación.

A altura máxima permitida para os apoios metálicos será de 55 metros.

5) Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 39.a) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa custa os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento e depuración.

– Enerxía eléctrica.

– Recolla, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos.

– Dotación de aparcadoiros.

6) Condicións estéticas.

Cumpriranse as prescricións descritas na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

1.3. Eficacia.

A Lei 10/1995, de ordenación do territorio, no seu artigo 24 establece que «as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o planeamento do ente ou entes locais en que se asenten os ditos plans e proxectos, que deberán adaptarse a elas dentro dos prazos que para tal efecto determinen».

No mesmo sentido, o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, no seu artigo 11.1 establece que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. No artigo 11.2 establécese que o municipio en que se asente a dotación obxecto do proxecto sectorial deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do proxecto no prazo que se establece.

Así mesmo, a Lei 2/2016 establece no seu artigo 36, número 5:

«Así mesmo, poderán implantarse en solo rústico aqueles usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, logo de obtención do título municipal habilitante e sen necesidade de autorización urbanística autonómica. […]».

Cando se revise o planeamento municipal dos municipios afectados e se adapten á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, terán que incluírse as delimitacións sinaladas nos planos deste documento clasificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas, que se rexerá pola normativa desenvolvida no punto anterior.

1.4. Prazo.

A adecuación dos planeamentos xerais deberá realizarse coa redacción e tramitación:

– Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que, obviamente, pode ser para esta adecuación.

– Da revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– Da adaptación, se for o caso, do planeamento á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia ou normativa que a substitúa.

2. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1.10.1997, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro.