Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 27 de setembro de 2018 Páx. 43671

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 100/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada AC-175, desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 0+550, a prol do Concello de Oleiros.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Oleiros e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo a renovación da calzada da avenida Rosalía de Castro, AC-175, como actuación complementaria da realizada polo concello para renovar os servizos municipais e as beirarrúas na dita avenida.

O Concello de Oleiros, coa sinatura deste convenio, dá a súa conformidade ao cambio de titularidade previsto da estrada AC-175, desde o p.q. 0+000 ao p.q. 0+550.

A estrada AC-175 (Perillo-Perillo) discorre na súa totalidade por solo clasificado como urbano polo vixente Plan xeral de ordenación municipal, polo que se trata dun treito urbano para os efectos da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

A estrada, que se atopa integrada no tecido urbano do núcleo de Perillo, correspóndese coa avenida Rosalía de Castro e carece de funcionalidade dentro da rede autonómica. As marxes da vía están acoutadas polas edificacións, conta con múltiples accesos a rúas municipais e o tráfico existente é principalmente local.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da estrada AC-175 (p.q. 0+000 a p.q. 0+550) cunha lonxitude de 0,55 km, a prol do Concello de Oleiros.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de setembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Oleiros, da estrada AC-175 (p.q. 0+000 a p.q. 0+550) cunha lonxitude de 0,55 km.

– Modifícase o Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, suprimindo da relación de estradas da Comunidade Autónoma de Galicia a estrada AC-175 e modificando a denominación da estrada AC-174 do seguinte xeito:

• Antes da transferencia: «Perillo (AC-175)-Oleiros (Deput)».

• Despois da transferencia: «Perillo-Oleiros (Deput)».

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Oleiros deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Oleiros, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda