Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 26 de setembro de 2018 Páx. 43586

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 19 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter ao procedemento de información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

O artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia) sinala a potestade para ditar «normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23».

Este espazo foi declarado parque natural mediante o Decreto 139/1992, do 5 de xuño.

Neste senso, o territorio delimitado polo Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán formou parte da proposta galega á rede Natura 2000, integrando a zona especial de conservación (ZEC) «Complexo húmido de Corrubedo» (ES1110006, con 9.263 ha) e zona de especial protección para as aves (ZEPA) «Complexo litoral de Corrubedo» (ES0000313, con 971 ha). Tamén ten as seguintes figuras de protección: zona Ramsar «Complexo de Corrubedo» (7ES024, con 550 ha), humidal protexido «Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo’» (984 ha), zona de especial protección dos valores naturais «Complexo húmido de Corrubedo» (9.265 ha) e zona de especial protección dos valores naturais «Complexo litoral de Corrubedo» (971 ha).

Ante a necesidade de axustar a xestión dos espazos naturais e das especies que se deben protexer aos seus principios inspiradores, resultou necesario elaborar un instrumento de planificación dos recursos naturais que permita acadar os obxectivos de conservación do ecosistema e harmonice os distintos intereses implicados no uso sustentable e gozo público destes espazos. Por todo o anterior procedeuse á redacción e aprobación do Plan de ordenación de recursos naturais (PORN), mediante o Decreto 148/1992, do 5 de xuño, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

O Decreto polo que se aprobou o Plan de ordenación dos recursos naturais do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, recolle no seu articulado a necesidade de que un Plan reitor de uso e xestión o desenvolva mediante programas básicos de actuación sectorial, plan que se elaborará segundo o disposto na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, establece o réxime xurídico básico da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade no territorio español, como parte de deber de conservar e do obxectivo de garantir os dereitos das persoas a un medio axeitado para o seu benestar, saúde e desenvolvemento.

Neste sentido, a Lei 42/2007 do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, indica no seu artigo 31 que nos parques elaboraranse os plans reitores de uso e xestión, cuxa aprobación corresponderá ao órgano competente da comunidade autónoma; as administracións competentes en materia urbanística informarán preceptivamente os ditos plans antes da súa aprobación. Nestes plans, que serán periodicamente revisados, fixaranse as normas xerais de uso e xestión do parque. Así mesmo, establece que os plans reitores prevalecerán sobre o plan urbanístico; cando as súas determinacións sexan incompatibles coas da normativa urbanística en vigor, esta revisarase de oficio polos órganos competentes.

No ano 2001, a Xunta de Galicia, facendo uso das facultades que lle outorga o artigo 27.30 do Estatuto de autonomía para establecer normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe, aproba a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que é o marco normativo galego para a conservación dos espazos naturais e da biodiversidade. Esta norma, no seu artigo 34, establece o contido mínimo dos plans reitores de uso e xestión, que desenvolverán as directrices emanadas do PORN e as previsións de actuacións da Administración no seu ámbito de aplicación segundo establece o artigo 33. Tamén se instaura que estes plans prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación do territorio. Así mesmo, determina que a vixencia máxima do plan reitor de uso e xestión será de seis anos, e que será obrigatorio revisalos ao final de cada período ou antes, se for necesario.

O plan poderá ser revisado con anterioridade ao seu vencemento, por iniciativa da consellería competente en materia conservación da natureza, ao ser a responsable da xestión dos espazos incluidos na Rede galega de espazos naturais protexidos, conforme sinala o artigo 41.1 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, cando se produzan episodios ambientais imprevistos de orixe natural ou antrópica que afecten á integridade do medio e desborden as medidas previstas no presente plan reitor.

Como paso previo para a elaboración do Plan reitor de uso e xestión elaborouse un documento preliminar, que foi sometido á participación pública en virtude do establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

En consecuencia, en virtude do establecido nos artigos 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, por un período de 45 días naturais, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, coa finalidade de que se poidan remitir as observacións e opinións que se consideren mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico parques.naturais@xunta.gal poñendo no asunto: PRUX CORRUBEDO.

Segundo. Durante o citado prazo, o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña, Vicente Ferrer, 2-8ª planta (Edificio Monelos), 15008 A Coruña.

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: http://cmaot.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2018

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural