Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 25 de setembro de 2018 Páx. 43320

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplían os prazos de presentación de solicitudes e de xustificación da Resolución do 21 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Mediante a Resolución do 21 de marzo de 2018 (DOG núm. 66, do 5 de abril), se aprobáronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2018.

De conformidade co establecido no artigo 8 da dita resolución, o prazo para a presentación de solicitudes remata o día 28 de setembro de 2018.

Pola súa parte, no artigo 17 establécese que o prazo de xustificación da actividade subvencionada finaliza o día 31 de outubro de 2018 incluído.

Próximo a rematar o prazo de presentación de solicitudes, e á vista das solicitudes presentadas, esta secretaría xeral considera conveniente ampliar o prazo de presentación de solicitudes e, consecuentemente, o prazo de xustificación das subvencións solicitadas conforme o novo prazo.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar ata o 31 de outubro de 2018, incluído, o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 8 da Resolución do 21 de marzo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Artigo 2. Ampliación do prazo de xustificación

Ampliar ata o 30 de novembro de 2018, incluído, o prazo de xustificación previsto no artigo 17 da dita resolución.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2018

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración