Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 17 de setembro de 2018 Páx. 42636

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Cidade da Cultura de Galicia

EXTRACTO do Anuncio das bases reguladoras relativas á convocatoria 2018 do programa dos premios Emprende Cultura Gaiás-Sixto Seco.

BDNS (Identif.): 414367.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas que poden participar na convocatoria

1. Poderá participar nesta convocatoria calquera emprendedor maior de idade, de calquera nacionalidade, que desexe implantar a súa idea ou desenvolver o seu proxecto dentro do ámbito das industrias culturais e creativas, co fin de converter a idea nunha actividade sustentable. Terán preferencia os proxectos presentados por emprendedores nados ou afincados en Galicia e os proxectos que teñan como obxectivo o seu desenvolvemento e implantación na nosa comunidade.

2. Non poderán participar na convocatoria aquelas persoas solicitantes que iniciasen unha actividade empresarial e/ou profesional para a posta en funcionamento da «idea emprendedora» a que se refire o artigo 5 das bases, sempre que medien máis de seis meses desde o inicio da dita actividade empresarial e/ou profesional.

3. A persoa solicitante non poderá estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberá estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da devandita lei e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Segundo. Obxecto

Impulsar o desenvolvemento de novas ideas emprendedoras relacionadas coas industrias culturais e que queiran desenvolver a súa actividade no Gaiás Cidade da Cultura de Galicia: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e de proxectos culturais na internet e calquera outra persoa con vinculación no emprendemento cultural.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 1 de xuño de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras relativas á convocatoria 2018 do programa dos premios Emprende Cultura Gaiás-Sixto Seco.

Publícase o extracto das bases reguladoras relativas á convocatoria para 2018 do programa dos premios Emprende Cultura Gaiás-Sixto Seco, cuxo texto completo se pode consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na páxina web da Fundación Cidade da Cultura de Galicia (www.cidadedacultura.gal).

Cuarto. Premios

Os premios que se outorgarán á mellor idea emprendedora presentada en cada unha das modalidades consisten en:

A) Dous premios en metálico dotados con tres mil euros (3.000,00 €) cada un (un premio por categoría e proxecto seleccionado); o proxecto gañador en cada unha das categorías sinaladas no punto 5 recibirá tres mil euros en metálico para o desenvolvemento da idea premiada e diploma acreditativo. Só haberá un premio por categoría, polo que, no caso de empate entre varios candidatos na mesma modalidade, o premio en metálico repartirase entre estes gañadores/as.

B) Posibilidade de incorporación gratuíta durante doce meses ao espazo de cotraballo Centro de Emprendemento Creativo de Galicia da Cidade da Cultura de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes e da documentación será dun mes, que se contará a partir do seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2018

Ana Isabel Vázquez Reboredo
Directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia