Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 17 de setembro de 2018 Páx. 42573

III. Outras disposicións

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2018 pola que se fai público o Acordo do Consello Reitor da entidade pública empresarial Portos de Galicia, polo que se delegan na Presidencia desta as competencias do Consello Reitor, previstas nos artigos 13.3.m) e 23.5 da Lei 6/2017, e parcialmente as competencias previstas no artigo 16.4 no que atinxe á resolución de recursos de alzada contra actos administrativos que emita a Dirección con motivo da resolución dos procedementos sancionadores que lle competen en virtude do previsto no artigo 144.1.a) da dita Lei 6/2017.

No Diario Oficial de Galicia, no núm. 236, do día 14.12.2017 publicouse a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

A disposición derradeira segunda desta lei dispón que esta entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Xa que logo, a dita Lei 6/2017, entrou en vigor o día 14.6.2018.

A disposición derrogatoria única da tamén Lei 6/2017 dispón que:

1. Quedan derrogadas as disposicións seguintes:

a) A Lei 6/1987, do 12 de xuño, do Plan especial de portos da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

2. Quedan, así mesmo, derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei.

En consecuencia, o Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, resulta aplicable en canto non se opoña ao establecido na Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

A entrada en vigor o día 14 de xuño de 2018 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, implica, en virtude do disposto na súa disposición derrogatoria única, a derrogación expresa e formal da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, unha vez que a organización portuaria de Galicia e o estatuto orgánico da entidade pública empresarial Portos de Galicia se regulan agora no título I da Lei 6/2017.

Xa que logo, o artigo 13 (O Consello Reitor) da Lei 6/2017 xa referida,

DISPÓN:

«1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da entidade pública empresarial.

2. O Consello Reitor estará constituído pola Presidencia e a Dirección da entidade e mais polo número de vogais que se estableza regulamentariamente, nomeados estes pola persoa titular da consellaría competente en materia de portos, entre os que, en todo caso, estarán representadas a consellaría competente en materia de facenda e as distintas consellarías que poidan ter intereses na materia por razóns da súa competencia, en especial a consellaría competente en materia de pesca, así como as entidades locais, as corporacións e as entidades, organizacións e asociacións máis representativas das persoas usuarias».

O Decreto 227/1995, do 20 de xullo, no seu artigo 10, regulou a composición do Consello de Administración de Portos de Galicia establecendo que estaría integrado por dez vogais representantes da Administración Autonómica (entre elas a de Facenda), sete vogais en representación dos sectores económicos relacionados coas actividades portuarias (tres das confrarías de pescadores ou asociacións de produtores, un por cada provincia costeira; tres polas cámaras de comercio de Galicia, un por cada provincia costeira e a cota de asociacións de exportadores e vendedores, consignatarios e sectores de actividades portuarias tales como produtores de mexillón, conserveiros, industria do frío e armadores), tres vogais en representación das administracións locais (un por cada provincia costeira), e un en representación do persoal do ente público.

Polo exposto, a composición actual do Consello respecta os parámetros de representación establecidos no artigo 13.2 da Lei 6/2017.

Xa que logo, considerando de interese público manter a continuidade xurídica no funcionamento da entidade pública Portos de Galicia entrementes non se aproba o regulamento previsto no anterior artigo 13 da Lei 6/2017, debe entenderse que neste punto a regulación que o dito Decreto 227/1995 realiza no seus artigos 11 e 14 (este regula o funcionamento do Consello de Administración de Portos de Galicia canto, en resumo, a convocatoria, quórum e réxime de acordos) non se opón canto á composición e regras de funcionamento ao establecido na Lei 6/2017 nin ao establecido nos artigos 15 a 18 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas, nin ao establecido nos artigos 15 a 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de Administración xeral e do sector público de Galicia.

Ben que as competencias do Consello Reitor conforme a Lei 6/2017 son as que deben aplicarse canto ás materias de competencia deste, no funcionamento do órgano colexiado cabe a aplicación das normas fixadas no artigo 14 do dito Decreto 227/1995. En todo caso as referencias a este deben quedar entendidas e suplidas polas do Consello Reitor. O Consello de Administración, agora Reitor, de Portos de Galicia é o órgano colexiado de goberno da entidade pública Portos de Galicia.

Neste sentido, a regulación dese estatuto orgánico e na distribución competencial entre os órganos da entidade inclúense algunhas novidades lexislativas baseadas na experiencia e outras determinadas pola necesaria adaptación á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ben que, ao mesmo tempo, se mantén de maneira case invariable a asignación de competencias que xa figuraba na Lei 5/1994, e entre as ditas competencias atribuídas ao Consello de Administración, que pasa a denominarse Consello Reitor, constan competencias que, no seu momento, foron expresamente delegadas no presidente da entidade por motivacións e para responder a necesidades que se manteñen na actualidade.

Na súa sesión do 23 de xullo de 1997, o Consello de Administración delegou no presidente, entre outras competencias, a prevista no artigo 7.3.g) da Lei 5/1994, relativa á promoción e exercicio no ámbito da súa competencia de toda clase de pretensións, accións e recursos perante calquera órgano da Administración do Estado, da Comunidade Autónoma e das administracións locais, así como perante os xulgados e tribunais de xustiza de calquera órgano ou xurisdición, desistir dos formulados ou interpostos e transixir nas cuestións litixiosas, conferindo para o efecto as procuracións oportunas.

Esta competencia, formulada co mesmo teor literal inclúese entre as funcións do Consello Reitor no artigo 13.3.m) da Lei 6/2017.

Na súa sesión do 30 de xullo de 1998, o Consello de Administración delegou no presidente a competencia prevista no artigo 17.4 segundo parágrafo da Lei 5/1994, relativo ao desmantelamento e, se é o caso, venda de bens mobles para aplicar o seu produto ás atencións propias do ente sen necesidade de declaración previa de desafección do servizo.

Esta competencia, formulada co mesmo teor literal, inclúese no artigo 23.5 da Lei 6/2017, relativo ao patrimonio da entidade pública.

Finalmente, na súa sesión do 28 de xullo de 2008, o Consello de Administración efectuou no presidente unha delegación parcial das competencias previstas neste caso no artigo 6.2 do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, que aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia, sobre resolución dos recursos de alzada dos actos suxeitos a dereito administrativo emitidos pola Dirección, no que atinxe á resolución dos recursos de alzada interpostos contra resolucións sancionadoras emitidas pola Dirección ao abeiro do establecido no artigo 39.1.a) do regulamento do ente.

A regulación contida no artigo 6.2 do D. 227/1995 trasládase agora ao artigo 16 da Lei 6/2017, sobre actos administrativos da entidade pública empresarial e, en concreto, ao seu número 4, mentres que a competencia prevista no artigo 39.1.a) do D. 227/1995, que atribúe á Dirección a competencia para a imposición de sancións por infraccións leves sancionadas con contías inferiores a 100.000 pesetas, se regula agora no artigo 144.1.a) da Lei 6/2017, que atribúe á persoa titular da Dirección a competencia para a imposición de sancións nos supostos de infraccións leves con contías inferiores a 10.000 euros.

Como se expón con anterioridade, as delegacións enumeradas responden a necesidades e motivacións que se manteñen invariables na actualidade.

No que atinxe ao exercicio de pretensións, accións e recursos, o carácter preclusivo dos prazos e a exixencia de validez formal que deben de reunir estes actos, considerando, asemade, a amplitude con que se formula o precepto que alude a calquera clase de accións fronte a calquera Administración, fai necesario que Portos de Galicia para a defensa dos seus dereitos estea dotado de mecanismos áxiles que permitan responder a situacións diversas coa urxencia que requiran as circunstancias.

O mesmo acontece coas facultades de acordar o desmantelamento e o destino ulterior que se deba de dar a bens mobles, sexa este o de alleamento que, por outra parte, o artigo 79 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia atribúe aos órganos unipersoais de goberno das entidades públicas instrumentais, ou o de traslado a vertedoiros para o seu tratamento como residuo; cómpre ter en conta que esta competencia alude non unicamente a bens mobles integrados na actualidade no patrimonio da entidade senón tamén a todos aqueles, embarcacións, vehículos ou outra clase de obxectos que, día tras día, son obxecto de incautacións por débedas ou pola súa situación de abandono.

Finalmente, o número de sancións que se tramitan anualmente en continuo aumento, unido á litixiosidade desta clase de procedementos e ao feito de que, dada a distribución de competencias, con máis motivo coa entrada en vigor da Lei 6/2017, vai determinar que a inmensa maioría das sancións serán impostas pola Dirección, fai necesario, dado o carácter preclusivo dos prazos de tramitación e de prescrición destes procedementos, a necesidade de manter a delegación no presidente da resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións que emita a Dirección nesta materia.

A derrogación expresa da Lei 5/1994 e a derrogación puntual dos preceptos que se indican do D. 227/1995, tras a súa inclusión na Lei 6/2017, fan necesario que as competencias indicadas sexan obxecto dun novo acordo de delegación.

Asi pois, na súa sesión do pasado 22 de xuño de 2018, o Consello Reitor, ao abeiro do previsto no artigo 13.3.n) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, acordou delegar no presidente da entidade as competencias previstas nos artigos seguintes:

1. A competencia do Consello Reitor prevista no artigo 13.3.m) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, relativa a promover e exercer, dentro do ámbito da súa competencia, toda clase de pretensións, accións e recursos perante calquera órgano da Administración do Estado, da Comunidade Autónoma e das administracións locais, así como perante os xulgados e os tribunais de xustiza de calquera grao e xurisdición, desistir das pretensións e accións formuladas ou dos recursos interpostos e mais transixir nas cuestións litixiosas, conferindo para o efecto as procuracións oportunas.

2. A competencia do Consello Reitor do artigo 23.5 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, relativa que a aquel Consello, sen necesidade da declaración previa da desafectación do servizo, poderá acordar o desmantelamento e, se é o caso, a venda dos demais bens mobles, e aplicará o seu produto ás atencións propias da entidade.

3. Parcialmente a competencia prevista no artigo 16.4 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, no que atinxe á resolución de recursos de alzada contra actos administrativos que emita a Dirección con motivo da resolución dos procedementos sancionadores que lle competen en virtude do previsto no artigo 144.1.a) da dita Lei 6/2017.

O que se fai público para xeral coñecemento e en cumprimento do previsto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administracións xeral e do sector público autonómico de Galicia e no artigo 9.3 da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2018

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia