Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 14 de setembro de 2018 Páx. 42350

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2018 pola que se convoca un curso de conversa en portugués para o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito, con data do 12 de xaneiro de 2018, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar un curso de conversa en portugués para o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos/das participantes

Poderán participar na acción formativa convocada nesta resolución os/as empregados/as públicos/as que presten servizo na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2018, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 16 de xaneiro (DOG núm. 19, do 26 de xaneiro), comezarase pola letra G.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 40.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

a) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

b) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final dela.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de persoas admitidas sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV18028.

Área de coñecemento: portal de idiomas.

Nome do curso: conversa en portugués (POCTEP).

1. Obxectivos.

O curso estará enfocado principalmente na oralidade, sempre con apoio dalgúns recursos de gramática de nivel inicial. O profesorado acompañará as clases con vídeos, xogos e dinámicas para facilitar a aprendizaxe do idioma.

2. Destinatarios/as.

Persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea que desempeñe funcións relacionadas co POCTEP.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 150 horas.

Datas: do 1 de outubro de 2018 ao 30 de decembro de 2019. Luns e xoves das 9.00 ás 10.30 horas (agás o mes de agosto).

Lugar de realización: Santiago de Compostela, sede da Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, nº 2-4.

Prazas: 14.

4. Contido.

Ferramentas para aprender; alfabeto; fonética: primeiros pasos; saudar, presentarse, despedirse.

Presente de indicativo; léxico da escola; describir obxectos; partes do día, os días da semana, os meses; as horas; rutinas diarias; lecer e tempo libre; ortografía: G J X; formas de tratamento.

Ortografía S SS; «Esse surdo» e «esse sonoro».

Artigo; posesivos; demostrativos; número; cores; verbo «Gostar».

Ortografía C Ç Z; ortografía B/V; ortografía AU EU EIO EIA.

Léxico da casa; pretérito imperfecto de indicativo; formación do plural; formación do feminino.

Pretérito perfecto de indicativo; pronomes persoais de CD e CI; colocación do pronome; medios de transporte; léxico da cidade; desprazarse na cidade; imperativo; comidas e alimentos.

Partes do corpo; no médico; pronomes indefinidos; as profesións; palabras terminadas en -m.

Futuro de indicativo; a familia; a roupa; comparativo e superlativo; «todo e tudo».

Condicional simple; animais; pequenas dificultades: «más, mais, mas»; pequenas dificultades: «som, sou, são».

Presente do subxuntivo; descrición física e psicolóxica; pretérito imperfecto do subxuntivo vs. pretérito pluscuamperfecto; «meio ou médio».