Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Xoves, 30 de agosto de 2018 Páx. 39645

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Punago-Vacariza, sito nos concellos de Castroverde, Baralla e Baleira e promovido por Fenosa Wind, S.L. (expediente LU 11/139 EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Fenosa Wind, S.L., en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Serra do PunagoVacariza, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Serra do Punago-Vacariza (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 48 MW e promovido por Fenosa Wind, S.L. (en diante, a promotora).

Segundo. O 20.6.2011 a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica, a declaración de impacto ambiental, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico.

Terceiro. O 4.9.2012 a promotora presenta o documento Modificado nº 1 do Proxecto de execución, agosto 2012.

Cuarto. O 11.7.2012 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, e Industria de Lugo (en diante, a xefatura territorial) emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas descritas no proxecto de execución do parque eólico.

Quinto. Mediante a Resolución do 30 de outubro de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, someteuse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico Serra do Punago-Vacariza.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12 de decembro de 2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 14 de xaneiro de 2013 e no xornal El Progreso do 24 de novembro de 2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Baleira, Baralla, Pol e Castroverde, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos aos efectos de notificacións, etc.

– Alegacións respecto da localización proxectada do parque eólico, que produce impacto visual e ambiental que afectan a súa contorna, ao Camiño de Santiago e o seu territorio histórico, á Vía Romana, ao resto de camiños reais, poboacións próximas e bens de interese cultural.

Sexto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Baleira, Concello de Baralla, Concello de Castroverde, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A, Axencia Galega de Infraestruturas e Agencia Estatal de Seguridad Aérea.

Sétimo. O 16.11.2012 a Axencia Galega de Infraestruturas emitiu condicionado en que informa da necesidade de presentar un proxecto, para a súa autorización, no caso de modificar a intersección existente do vial de acceso ao parque eólico coa estrada autonómica LU-530. O 7.12.2012 a promotora amosa a súa conformidade.

Oitavo. O 16.11.2012 Retevisión I, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico, onde comunica que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto e solicita que se lles comunique calquera modificación para avaliar as posibles afeccións, sen prexuízo de requirir o compromiso da promotora de corrixir as posibles deficiencias que se poidan producir na recepción do sinal de televisión derivada da construción do parque eólico. Con data 7.12.2012 a promotora manifesta a súa conformidade.

Noveno. O 19.11.2012 Retegal, S.A. emitiu condicionado en que informa da necesidade de mover o aeroxerador nº 3 ou asinar un acordo coa promotora, pola que esta se comprometa a asumir os custos de realizar estudos de afección á cobertura e corrección de defectos futuros, derivados da construción do parque eólico. O 3.12.2012 a promotora comunica a súa conformidade co condicionado.

Décimo. O 3.12.2012 o Concello de Castroverde informa da necesidade de requirirlle á promotora outra documentación. O 23.1.2013 a promotora presenta o documento solicitado.

Décimo primeiro. O 10.1.2013 a xefatura territorial reiterou as solicitudes de condicionado técnico, feitas o 30.10.2012, ao Concello de Baleira e ao Concello de Baralla.

Décimo segundo. O 5.6.2013 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emite informe, relativo ao estudo de impacto ambiental, en que propón eliminar ou desprazar os aeroxeradores nº 1 e 2. En resposta ao dito informe, o 22.5.2014 a promotora achega o documento Informe de viabilidade de cambio de posicións dos aeroxeradores A1, A2 e A3. Marzo 2014. O 19.9.2014 a Dirección Xeral do Patrimonio cultural informa favorablemente á antedita documentación.

Décimo terceiro. O 17.10.2014 a promotora solicitou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas unha modificación do proxecto consistente, de forma xeral, no cambio da posición de tres dos dezaseis aeroxeradores do parque eólico. O solicitante xustificou estas modificacións polo informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a afección ao cono de emisión dunha antena de Retevisión.

Décimo cuarto. Mediante a Resolución do 4 de febreiro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizáronse as modificacións propostas do proxecto do parque eólico, por non influír no resultado do concurso, segundo a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia.

Décimo quinto. O 15.2.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 2 de marzo de 2016 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 80, do 27 de abril).

Décimo sexto. O 19.9.2016 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que o aeroxerador nº 9 non cumpre coa distancia mínima ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable.

Décimo sétimo. Con data 7.4.2017, a promotora presentou ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas a documentación Addenda nº 2 ao proxecto executivo marzo 2017, para a solicitude de autorización das modificacións do proxecto de execución do parque eólico de acordo coas consideracións incluídas no informe ao proxecto sectorial do parque realizado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo sinalado no anterior antecedente de feito.

Décimo oitavo. O 8.6.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu informe favorable respecto á modificación da posición do aeroxerador nº 9.

Décimo noveno. O 5.7.2017 a xefatura territorial emitiu informe en relación co documento Addenda nº 2 ao proxecto executivo marzo 2017.

Vixésimo. O 27.11.2017 Fenosa Wind, S.L. presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia un escrito en que solicitou a tramitación do proxecto do parque eólico conforme a disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Vixésimo primeiro. O 21.12.2017 o Consello da Xunta de Galicia declarou de interese especial o proxecto do parque eólico, consonte a disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo segundo. O 16.1.2018 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial datado en marzo de 2017 do parque eólico, informe favorable en que se indica que todos os aeroxeradores cumpren a distancia mínima ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable.

Vixésimo terceiro. O 1.3.2018 a promotora solicita unha modificación do proxecto, para adaptarse á evolución tecnolóxica, consistente no cambio de modelo de aeroxerador e a eliminación de catro dos dezaseis aeroxeradores, xunto coa presentación o 6.4.2018 da Addenda nº 3 proxecto de execución do parque eólico Serra do Punago-Vacariza, marzo 2018.

Vixésimo cuarto. O 16.4.2018 o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co documento recollido no punto anterior.

Vixésimo quinto. Mediante a Resolución do 24 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizáronse as modificacións do proxecto do parque eólico, por non influír no resultado do concurso, segundo a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia.

Vixésimo sexto. O 13.4.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu informe onde se considerou que non existen obxeccións aos cambios solicitados e impoñendo unha serie de condicionados.

Vixésimo sétimo. O 16.5.2018 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación co proxecto sectorial refundido do parque eólico datado en marzo de 2018, emitiu informe en que se recolle que os aeroxeradores A2, A3 e A4 incumpren a distancia mínima de 500 m respecto da delimitación do núcleo de Puñago.

Vixésimo oitavo. O 28.5.2018 a promotora remite unha modificación nas coordenadas dos aeroxeradores A1, A2, A3 e A4, para cumprir coa distancia mínima de 500 m respecto da delimitación do núcleo de Puñago.

Vixésimo noveno. O 13.6.2018 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou que o proxecto do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

Trixésimo. Con data 5.6.2018 a promotora presenta o documento Addenda nº 4 proxecto de execución do parque eólico Serra do Punago-Vacariza, xuño 2018.

Trixésimo primeiro. O 15.6.2018 o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co documento recollido no punto anterior.

Trixésimo segundo. O 19.6.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático considera que non existen obxeccións aos cambios solicitados pola promotora, recollidos no punto trixésimo.

Trixésimo terceiro. O 19.6.2018 a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Trixésimo cuarto. O 15.6.2018 solicitouse condicionado técnico a Retegal S.A., reiterándose o 12.7.2018.

Trixésimo quinto. O 19.6.2018, a Axencia Galega de Infraestruturas informou desfavorablemente xa que a documentación achegada no permitiu emitir o correspondente condicionado técnico. A promotora o 9.7.2018 achegou nova documentación e o 17.7.2018 a Axencia Galega de Infraestruturas informou favorablemente o proxecto. Con data 31.7.2018 a promotora manifesta a súa conformidade.

Trixésimo sexto. O 28.6.2018 solicitouse condicionado técnico ao Concello de Baleira, reiterándose o 20.7.2018.

Trixésimo sétimo. O 16.7.2018 e o 27.7.2018 Cellnex Telecom, S.A. emitiu o correspondente condicionado técnico, onde comunica que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto e solicita que se lles comunique calquera modificación para avaliar as posibles afeccións. Con data 31.7.2018 a promotora manifesta a súa conformidade.

Trixésimo oitavo. Mediante a Resolución do 16 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizáronse as modificacións do proxecto do parque eólico, por non influír no resultado do concurso, segundo a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia.

Trixésimo noveno. O 24.7.2018 o Concello de Castroverde manifestou no condicionado a súa conformidade co proxecto, e que procede remitirse en todo caso ás determinacións establecidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 15.2.2016.

Cuadraxésimo. O 27.7.2018 o Concello de Baralla emitiu o correspondente condicionado onde concluíu que unha vez cumpridas todas as demais determinacións legais necesarias, non se aprecia inconvenientes para a execución do parque eólico.

Cuadraxésimo primeiro. O 2.8.2018 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ratificou que as coordenadas contidas na Addenda nº 4 proxecto de execución do parque eólico Serra do Punago-Vacariza, xuño 2018, cumpren os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

Cuadraxésimo segundo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 39,5 MW, segundo informe do xestor de rede.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte á disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito oitavo, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. As alegacións relacionadas coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, así como coas compensacións económicas que se poidan percibir por parte dos afectados pola eventual expropiación daqueles, cómpre indicar que serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución. Con todo, hai que indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas.

2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 15.2.2016, que se fixo pública pola Resolución do 2 de marzo de 2016 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 80, do 27 de abril).

3. En relación coas alegacións que fan referencia a afección sobre o patrimonio cultural, débese indicar que o proxecto conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de data 19.9.2014.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Serra do Punago-Vacariza, sito nos concellos de Castroverde, Baralla e Baleira (Lugo) e promovido por Fenosa Wind, S.L., cunha potencia de 39,5 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Serra do Punago-Vacariza, composto polos documentos: proxecto de execución P.E. Serra do Punago-Vacariza. Xuño 2011, Modificado nº 1 do proyecto de execución P.E. Serra do Punago-Vacariza. Agosto 2012, proxecto executivo. Addenda nº 1: reubicación aexeradores. Decembro 2014, Addenda nº 2 ao proxecto executivo. Marzo 2017, Addenda nº 3 proxecto de execución do P.E. Serra do Punago-Vacariza. Marzo 2018 e Addenda nº 4 proyecto de execución do P.E. Serra do Punago-Vacariza. Xuño 2018, asinados pola enxeñeira industrial Consolación Alonso Alonso, colexiada nº 9.746 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid (COIIM).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Fenosa Wind, S.L.

Domicilio social: avenida de Arteixo, nº 171, 15007 A Coruña.

Denominación: parque eólico Serra do Punago-Vacariza.

Potencia instalada: 39,6 MW.

Potencia autorizada (máxima evacuable): 39,5 MW.

Produción neta: 112.398 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.838 horas.

Concellos afectados: Castroverde, Baralla e Baleira (Lugo).

Orzamento de execución material: 31.351.916,08 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

641.006

4.763.226

2

641.716

4.763.336

3

642.856

4.759.776

4

643.676

4.758.626

5

642.876

4.758.286

6

639.976

4.759.286

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

A1

641.589

4.762.348

A2

641.578

4.762.084

A3

641.630

4.761.825

A4

641.794

4.761.617

A5

641.195

4.761.374

A6

641.352

4.761.149

A7

641.556

4.761.022

A8

642.325

4.760.021

A9

642.449

4.759.671

A10

642.708

4.759.330

A11

643.025

4.759.045

A12

643.188

4.758.669

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

642.287

4.760.313

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 12 aeroxeradores Gamesa 132 de 3.300 kW de potencia nominal unitaria, 84 metros de altura de buxa e 132 metros de diámetro de rotor.

– 12 centros de transformación de 3.900 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/30 kV, Dyn11, instalados individualmente no interior de cada aeroxerador coas súas correspondentes aparellaxes de seccionamento, manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 85 metros de altura, equipada con viraventos, anemómetros, medidores de temperatura, medidores de presión e rexistrador de datos.

– Subestación transformadora, cun transformador principal 30/132 kV intemperie, de 50 MVA de potencia nominal, refrixeración ONAN/ONAF e conexión YNd11, e outro de servizos auxiliares 30/0,4-0,23 kV de 160 kVA, refrixeración AN e conexión Dyn11, cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

– Liñas eléctricas subterráneas de 30 kV de tensión nominal, en condutor directamente enterrado en gabias, para a evacuación de enerxía xerada, de interconexión entre os centros de transformación 0,69/30 kV e subestación transformadora 30/132 kV.

– Camiños ou vías para o acceso aos aeroxeradores, torre meteorolóxica, edificio de control e subestación eléctrica.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Fenosa Wind, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 411.068 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxias que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución e addendas que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, e así mesmo deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 15.2.2016 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e o informe de validación do 13.4.2018.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar ante a dita xefatura territorial, certificado do fabricante en que conste a limitación de potencia das máquinas, que garanta que a potencia evacuada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

8. No caso de que se manifestaren perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Fenosa Wind, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito quinto:

Saúl Álvarez Fernández, o 9.11.2012; Amelia Pereira Torneiro, o 16.11.2012; Concepción Mosteirín Méndez, o 20.11.2012; Videlina Pereira Prieto, o 21.11.2012; Ángela Rey Ferreiro, o 21.11.2012; Jorge Calvín López, o 26.11.2012; Pilar Calvín Fernández, o 21.12.2012; Nieves González Pin, o 18.12.2012; César Lago Fernández en representación de MVMC de Puñago, o 18.12.2012; César Lago Fernández, o 13.12.2012; Óscar Lago Fernández e César Lago Fernández, o 13.12.2012; César Lago Fernández en representación de MVMC de Puñago, o 18.12.2012; Manuel Mirón Calvín, o 21.12.2012; Carlos Fernández Carballedo, o 12.12.2012; José Fernández Carballedo, o 12.12.2012; Carmen Fernández Balado, o 11.12.2012; Mª Alicia Gallego Becerra, o 5.12.2012; Manuel Fernández Fernández, o 14.12.2012; César Lago Fernández, o 13.12.2012; César Lago Fernández, o 25.6.2013; Benjamín Vázquez Gegúndez, o 7.1.2013; Benjamín Vázquez Gegúndez, o 3.6.2013; Ángela Rey Ferreiro, o 14.1.2013; María Montserrat Lombardía Fernández en representación propia e da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), o 18.1.2013; José Fernández Carballedo; o 23.4.2013; Manuel Fernández Torrón, o 23.4.2013; Mª del Mar Torrón Ramos en representación propia e de Mª Carmen Penelos e Lourdes Torrón Ramos, o 18.7.2013.