Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Xoves, 30 de agosto de 2018 Páx. 39597

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2018 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión deste organismo autónomo á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde da xestión da formación en abordaxe de disfuncións de solo pelviano feminino dirixido a matronas e fisioterapeutas.

De conformidade co previsto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á Resolución do 20 de agosto de 2018, do Servizo Galego de Saúde, pola que se encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a xestión da formación en abordaxe de disfuncións de solo pelviano feminino dirixido a matronas e fisioterapeutas.

– Actividade: a axencia asumirá a xestión das inscricións para a asistencia de matronas e fisioterapeutas do Servizo Galego de Saúde a actividades formativas relacionadas coa abordaxe de disfuncións do solo pelviano feminino no ámbito da atención primaria da saúde.

Tamén asumirá a programación, planificación, acreditación e contratación de recursos formativos, humanos e materiais para a realización de dúas edicións dun obradoiro teórico práctico de 16 horas de duración propostas pola Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, dentro dos límites orzamentarios establecidos.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a encarga ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Tal condición de medio propio está recollida no artigo 5 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

– Prazo de vixencia: ata o 31 de decembro de 2018.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente do Servizo Galego de Saúde