Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 8 de agosto de 2018 Páx. 36795

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2018, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, pola que se fai pública a composición e o funcionamento da mesa de contratación permanente.

O artigo 326 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, establece que lle corresponde ao órgano de contratación nomear os membros da mesa de contratación.

O artigo 21 do Real decreto 817/2009, do 8 de maio, polo que se desenvolve parcialmente a Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, establece que a designación dos membros da mesa de contratación poderá facerse con carácter permanente ou de maneira específica para a adxudicación de cada contrato. Se é permanente, a súa composición deberase publicar no Diario Oficial de Galicia.

Polo anteriormente exposto, e en virtude das atribucións conferidas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, pola que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 47, do 7 de marzo), e a Orde do 28 de setembro de 2011 pola que se desenvolve a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés e se delegan competencias nos seus órganos directivos (DOG núm. 188, do 30 de setembro), modificada pola Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG núm. 139, do 20 de xullo),

ACORDO:

A constitución da Mesa de Contratación Permanente da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, coas funcións que lle asigna a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e o artigo 22 do Real decreto 817/2009, do 8 de maio, polo que se desenvolve parcialmente a Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Primeiro. Composición da mesa de contratación

A mesa quedará composta da forma seguinte:

Presidencia: será exercida polo titular da Dirección de Recursos Económicos da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, que poderá ser substituído nos casos de vacante, ausencia o enfermidade polo titular da Subdirección de Recursos Económicos ou por persoa designada polo órgano de contratación.

Vogais:

1. Xefe do Servizo de Auditoría da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, ou funcionario que o substitúa.

2. Representante da Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde.

3. O titular da Subdirección de Recursos Económicos da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, ou funcionario que o substitúa.

4. Persoa proposta polo servizo promotor do expediente.

5. Un representante do Servizo de Contratación Administrativa da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés.

Actuará como secretario o xefe do Servizo de Contratación Administrativa, que actuará con voz pero sen voto. Poderá ser substituído no caso de vacante, ausencia ou enfermidade por outro representante do dito servizo.

Cando a natureza dos asuntos o requira, a presidencia poderá solicitar a incorporación á mesa de contratación de cantos asesores especializados e persoal técnico crea convenientes en razón dos seus especiais coñecementos técnicos, e poderá tamén solicitar cantos informes considere necesarios. Os asesores e o personal técnico actuarán con voz pero sen voto, sen que teñan a consideración de membros da mesa nin os seus informes vinculen esta.

Segundo. Normas de funcionamento da mesa de contratación

A mesa de contratación reunirase, despois da convocatoria de quen exerza a presidencia, coa periodicidade que requiran os diferentes expedientes de contratación. Para a validez da súa constitución deberán estar presentes a maioría absoluta dos seus membros, entre os cales teñen que estar, necesariamente, a representación da Asesoría Xurídica e o xefe do Servizo de Auditoría ou funcionario que o substitúa. Os seus acordos adoptaranse por maioría de votos.

Supletoriamente o seu funcionamento rexerase polo establecido para os órganos colexiados nos artigos 15 a 22 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Terceiro. Publicación e data de efectos

A mesa de contratación será competente naqueles expedientes en que a orde de inicio teña lugar na mesma ou posterior data á da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia, a partir da cal quedarán sen efecto as resolucións do 3 de setembro de 2012 e 14 de xuño de 2017, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés.

Pontevedra, 18 de xullo de 2018

José Ramón Gómez Fernández
Xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés