Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 8 de agosto de 2018 Páx. 36756

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Help Galicia.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Help Galicia, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

Primeiro. O 24 de maio de 2018, José Manuel Torres García, presidente do padroado da Fundación Help Galicia, en representación de Help Adicciones, S.L., presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Help Galicia foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 4 de maio de 2018, ante o notario Julio Manuel Díaz Losada co número de protocolo 905, pola sociedade Help Adicciones, S.L., representada neste acto por José Manuel Torres García.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

a) A investigación e estudo da enfermidade de adicción, desenvolvendo diferentes liñas de investigación e divulgando os seus resultados delas para o seu posterior estudo e desenvolvemento.

b) O desenvolvemento de tratamentos específicos en adiccións e en patoloxía dual, estudando e valorando para este fin todos os modelos de recuperación e tratamento posibles.

c) A prevención do consumo de drogas e outras condutas de risco que impidan ou dificulten o desenvolvemento persoal ou social da poboación en xeral.

d) O desenvolvemento de modelos, metodoloxías, estratexias, programas e actividades de prevención dos problemas relacionados cos consumos de drogas, principalmente dirixidas a adolescentes e mozos.

e) O desenvolvemento de programas de intervención preventiva, con obxectivos de evitar ou paliar os problemas relacionados cos consumos de drogas.

f) O desenvolvemento de estratexias de comunicación social destinadas á sensibilización e mobilización sociais para prevención de problemas relacionados cos consumos de drogas.

g) A elaboración e desenvolvemento de metodoloxías e fórmulas de formación dos diversos colectivos de profesionais e de mediadores implicados na prevención e corrección dos problemas de drogas.

h) A promoción e a xestión de programas de cooperación internacional, con obxectivos de propiciar o desenvolvemento de terceiros países, en materias de contención e prevención de problemas psicosociais e problemas relacionados cos consumos de drogas.

i) A promoción do voluntariado xuvenil e de adultos.

Cuarto. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación, aos estatutos e á composición do padroado inicial.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Help Adicciones, S.L. representada por José Manuel Torres García como presidente, María de las Angustias Torres García como secretaria e como vogais Help Servicios Noroeste, S.L. representada por José Manuel Torres García e Alsira García Corral.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Help Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 25 de xuño de 2018 (DOG núm. 128, do 5 de xullo), clasificouse de interese sanitario a Fundación Help Galicia, e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei; e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, en relación co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Help Galicia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e, nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Help Galicia.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación; e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2018

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade