Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 7 de agosto de 2018 Páx. 36506

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 77/2018, do 26 de xullo, polo que se regulan as infraestruturas de soporte e os espazos de reserva para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas en áreas empresariais promovidas polas administracións públicas de Galicia.

As redes de telecomunicacións constitúense como o elemento base que permitirá a prestación dos servizos dixitais avanzados precisos para a evolución da actividade empresarial, e así se reflicte na Axenda dixital de Galicia 2020 e na Axenda de competitividade de Galicia.

A este respecto, o Plan de banda larga de Galicia 2020, enmarcado na Axenda dixital de Galicia 2020 e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 2015, considera entre os seus obxectivos a realización de actuacións facilitadoras do despregamento de redes de comunicacións electrónicas.

Estas actuacións facilitadoras son iniciativas específicas necesarias para acelerar o achegamento das tecnoloxías da información e comunicación ás empresas, así como actuacións facilitadoras do despregamento de redes de comunicacións electrónicas nas áreas empresariais, promovidas polas propias administracións públicas, que permitirán impulsar o desenvolvemento dixital.

Actualmente as empresas atópanse nunha etapa de transición cara a un modelo caracterizado por unha maior flexibilización e individualización, unha produción máis eficiente e con menores prazos de comercialización.

Este novo modelo empresarial vese marcado pola chegada de solucións dixitais innovadoras (a computación na nube, a impresión 3D, as máquinas intelixentes, a internet das cousas, Big Data, etc.) que se están a instaurar nas novas economías baseadas no coñecemento e favorecedoras da sustentabilidade.

Deste xeito, asegurar nas áreas empresariais a posibilidade de implantación das redes de telecomunicacións permitirá avanzar na transformación dixital do sector empresarial galego, o que lles permitirá ás empresas ofrecer produtos e servizos de maior valor engadido e manterse constantemente á vangarda nun mercado global.

Maior calidade, posicionamento, visibilidade, mobilidade e detección temperá de novos nichos de mercado, son algunhas das vantaxes das que desfrutarán as empresas que se integren na evolución tecnolóxica.

Cómpre polo tanto, traballar no obxectivo de achegar as solucións dixitais innovadoras ao sector empresarial. Neste senso, as administracións públicas están comprometidas na posta en marcha de políticas activas coa finalidade de que os beneficios das tecnoloxías da información e comunicación cheguen, coa maior brevidade e capacidade posible, ao conxunto empresarial.

Así, o artigo 10 da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, establece que os proxectos de obra pública promovidos polas administracións públicas, deberán prever a instalación de canalizacións relativas aos servizos de comunicacións electrónicas, así como a reserva de espazos habilitados para equipamentos de telecomunicacións e localizacións de radiocomunicacións, habilitando o desenvolvemento da normativa correspondente.

Deste xeito, o presente decreto establece, en desenvolvemento das previsións do artigo 10 da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, o marco normativo para a inclusión das infraestruturas de soporte necesarias para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas nos proxectos de áreas empresariais promovidos polas administracións públicas de Galicia. Atendendo á natureza das áreas empresariais, este decreto recolle no seu ámbito de aplicación as obras de nova planta, xa se trate dunha nova área empresarial ou da ampliación en superficie dunha xa existente.

Dentro da finalidade xeral de aproveitar a execución das áreas empresariais para facilitar un despregamento máis rápido, ordenado e eficiente das infraestruturas de telecomunicacións, o presente decreto pretende, respectando o marco normativo xeral en materia de telecomunicacións, fixar os criterios de deseño e dimensionamento dos elementos principais das infraestruturas de soporte e establecer as prescricións técnicas aplicables a materiais e elementos construtivos. Preténdese, en definitiva, dotar de homoxeneidade e seguridade as actuacións e proxectos susceptibles de verse afectados.

O fundamento competencial do presente decreto é o mesmo que o da Lei 3/2013, do 20 de maio. En concreto, trátase dunha norma ditada ao abeiro das competencias autonómicas en materia de ordenación do territorio e urbanismo, protección do ambiente e da paisaxe e en materia de fomento e planificación da actividade económica, previstas nos artigos 27, números 3 e 30, e 30.I.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, respectando a competencia exclusiva do Estado en materia de telecomunicacións –artigo 149.1.21 da Constitución española– e o correspondente marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

Para a súa elaboración atendeuse aos principios de boa regulación fixados no artigo 129 da Lei 39/2015, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia. Necesidade, xa que as empresas das áreas empresariais demandan servizos de banda larga de calidade como un elemento indispensable para a súa competitividade no mercado local e internacional. Eficacia e eficiencia, pois o feito de establecer e executar desde o inicio infraestruturas de soporte e os espazos de reserva para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas reduce custos ou prazos temporais para acometer actuacións posteriores. Proporcionalidade ao tratarse de actuación cun impacto orzamentario menor no seu ámbito de aplicación. Seguridade xurídica e transparencia, na medida en que o proceso de tramitación seguiu as correspondentes fases de exposición pública e consulta.

As medidas previstas neste decreto son obrigas que se lles impoñen ás administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as entidades de dereito público vinculadas ou dependentes, que abranguerían tanto a Administración autonómica como a local.

Neste senso, no que respecta á Administración autonómica, as medidas encadraríanse, en todo caso, no principio de autonomía e na potestade organizativa da Administración, e no que respecta á Administración local, a norma resulta acorde e respectuosa coa autonomía das entidades locais recoñecida no artigo 137 da Constitución española. Non pode esquecerse que o sistema competencial no eido local se fundamenta na atribución de competencias a través do lexislador competente por razón da materia. Neste senso, o artigo 25.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, identifica as materias dentro das cales o municipio debe ter, en todo caso, competencias propias pero non atribúe competencias senón que a atribución en sentido estrito corresponde á lexislación sectorial do Estado e das comunidades autónomas, cada cal no ámbito das súas competencias.

No que se refire á estrutura deste decreto, divídese en tres capítulos, un deles referido ás disposicións xerais; outro ás responsabilidades de execución e xestión, no tocante ás infraestruturas e espazos de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas, e a xestión do acceso a estas por parte dos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas e o último relativo aos criterios de deseño e dimensionamento das citadas infraestruturas e espazos de reserva.

O capítulo I contén as disposicións xerais que establecen o obxecto do decreto e o seu ámbito de aplicación, establecendo as recomendacións técnicas de referencia e identificando os elementos principais das infraestruturas de soporte.

O capítulo II ten por obxecto regular as obrigas de execución asignadas aos promotores das áreas empresariais no tocante ás infraestruturas de soporte e espazos de reserva para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas, así como establecer quen será o seu xestor e a súa responsabilidade respecto do acceso dos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas ás infraestruturas de soporte vinculadas ao dominio público das áreas empresariais.

O capítulo III ten por obxecto establecer prescricións técnicas, incluíndo os criterios de deseño e dimensionamento mínimos das infraestruturas e espazos de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas, así como prescricións técnicas aplicables a materiais e elementos construtivos. Estas prescricións técnicas son de observancia obrigatoria na execución dos proxectos das obras públicas no ámbito de aplicación desta norma.

Completan as previsións do decreto unha disposición adicional que concreta a posibilidade de requirir o cumprimento ás entidades de dereito privado dependentes dunha Administración pública de Galicia que sexan promotoras. O decreto recolle tamén unha disposición transitoria relativa á aplicación das disposicións previstas no decreto aos proxectos en tramitación e dúas disposicións derradeiras, a primeira relativa á habilitación para o desenvolvemento das disposicións do presente decreto e a segunda relativa á entrada en vigor. Finalmente, inclúese como anexo as prescricións técnicas de aplicación, incluíndo criterios de deseño e dimensionamento das infraestruturas e os espazos de reserva, así como as prescricións técnicas aplicables a materiais e elementos construtivos.

Na elaboración do presente decreto observáronse os trámites de publicidade a través do Portal de transparencia e goberno aberto e de audiencia e os restantes trámites preceptivos, incluído o ditame do Consello Consultivo de Galicia, ao tratarse dun regulamento ditado en execución de lei, concretamente, das previsións do artigo 10 da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Facenda de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de xullo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto establecer o marco normativo relativo á previsión da instalación de infraestruturas de soporte específicas para o despregamento das redes de comunicacións electrónicas e de espazos de reserva habilitados exclusivamente para a colocación de equipamento de telecomunicacións e localizacións de radiocomunicacións nas áreas empresariais que sexan promovidas polas administracións públicas de Galicia, incluídas as entidades de dereito público vinculadas ou dependentes. Todo iso con suxeición ao marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. As previsións do presente decreto son de aplicación aos proxectos de obra pública que sexan promovidos polas administracións públicas de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, que teñan por obxecto:

a) A construción dunha nova área empresarial.

b) A ampliación en superficie dunha área empresarial xa existente.

2. As disposicións do presente decreto aplicaranse, así mesmo, a outro tipo de actuacións en áreas empresariais, distintas das anteriores, cando a Administración promotora considere que concorren factores de viabilidade técnico-económica e a dita actuación resulta pertinente para facilitar o posterior despregamento de redes de comunicacións electrónicas.

Artigo 3. Referencias técnicas básicas

1. Na execución das infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas obxecto deste decreto, salvo disposición expresa en contra, tomarase coma referencia técnica básica a seguinte normativa, ou, se é o caso, a norma que a substitúa:

a) UNE 133100-1: 2002: infraestruturas para redes de telecomunicacións. Parte 1: canalizacións subterráneas.

b) UNE 133100-2: 2002: infraestruturas para redes de telecomunicacións. Parte 2: arquetas e cámaras de rexistro.

c) UNE 133100-3: 2002: infraestruturas para redes de telecomunicacións. Parte 3: tramos interurbanos.

d) UNE-EN 124-1:2015: dispositivos de cubrimento e de peche para zonas de circulación utilizadas por peóns e vehículos. Parte 1: definicións, clasificación, principios xerais de deseño, requisitos de comportamento e métodos de ensaio.

e) UNE-EN 124-2:2015: dispositivos de cubrimento e de peche para zonas de circulación utilizadas por peóns e vehículos. Parte 2: dispositivos de cubrimento e de peche de fundición.

f) UNE-EN 124-3:2015: dispositivos de cubrimento e de peche para zonas de circulación utilizadas por peóns e vehículos. Parte 3: dispositivos de cubrimento e de peche de aceiro ou aliaxe de aluminio.

g) UNE-EN 124-4:2015: dispositivos de cubrimento e de peche para zonas de circulación utilizadas por peóns e vehículos. Parte 4: dispositivos de cubrimento e de peche de formigón armado.

h) UNE-EN 124-5:2015: dispositivos de cubrimento e de peche para zonas de circulación utilizadas por peóns e vehículos. Parte 5: dispositivos de cubrimento e de peche de materiais compostos.

i) UNE-EN 124-6:2015: dispositivos de cubrimento e de peche para zonas de circulación utilizadas por peóns e vehículos. Parte 6: dispositivos de cubrimento e de peche de polipropileno (PP), polietileno (PE) o poli(cloruro de vinilo) non plastificado (PVC-U).

j) UNE-EN 61386-1:2008: sistemas de tubos para a condución de fíos. Parte 1: requisitos xerais.

k) UNE-EN 61386-21:2005: sistemas de tubos para a condución de fíos. Parte 21: requisitos particulares. Sistemas de tubos ríxidos.

l) UNE-EN 61386-24:2011: sistemas de tubos para a condución de fíos. Parte 24: requisitos particulares. Sistemas de tubos soterrados baixo terra.

m) UNE-EN ISO 9969:2016: tubos de materiais termoplásticos. Determinación da rixidez anular (ISO 9969:2016).

n) UNE-EN 12350-2:2009: ensaios de formigón fresco. Parte 2: ensaio de asentamento.

o) UNE 36068:2011: barras corrugadas de aceiro soldable para uso estrutural en armaduras de formigón armado.

p) UNE 36092:2014: mallas electrosoldadas de aceiro para uso estrutural en armaduras de formigón armado. Mallas electrosoldadas fabricadas con arames de aceiro B 500 T.

q) UNE-EN 10025-1:2006: produtos laminados en quente de aceiros para estruturas. Parte 1: condicións técnicas xerais de subministración.

r) UNE-EN ISO 1461:2010: recubrimentos de galvanización en quente sobre pezas de ferro e aceiro. Especificacións e métodos de ensaio.

s) UNE-EN 10088-1:2015: aceiros inoxidables. Parte 1: relación de aceiros inoxidables.

2. Por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sociedade dixital, identificaranse as normas que substitúan as enumeradas no número 1.

Artigo 4. Elementos principais das infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas

1. As infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas obxecto do presente decreto estarán formadas pola infraestrutura pasiva, espazos de reserva e nodo.

2. Os elementos das infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas obxecto do presente decreto serán os seguintes:

a) Infraestrutura pasiva de rede de telecomunicacións: elementos que conforman o soporte onde albergar o cableado e equipamento de telecomunicacións necesario para que os operadores de telecomunicacións poidan prestar os seus servizos. Está formada polos seguintes elementos:

1º. Canalizacións ou conducións soterradas, que poderán ser superficiais no caso de túneles, pontes ou viadutos.

2º. Elementos de rexistro ou arquetas para o tendido de cables, a interconexión de redes e a instalación de elementos pasivos ou activos de telecomunicacións.

b) Espazo de reserva: parcela libre para a execución de instalacións tales como casetas e armarios onde albergar os equipos de telecomunicacións que requiran os operadores, e para a localización de torres de radiocomunicacións.

c) Nodo: punto en que se prevé a localización do equipamento activo de telecomunicacións dos operadores para dar servizo á área empresarial. Este nodo situarase no espazo de reserva ou solución adoptada na súa falta.

3. O proxecto de construción deberá detallar as solucións construtivas adoptadas en cada caso, xustificando a idoneidade dos materiais e procedementos que se utilizarán.

CAPÍTULO II

Execución e xestión das infraestruturas de soporte executadas
para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas

Artigo 5. Responsabilidade da execución das infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas

A Administración pública promotora da área empresarial (en diante, promotora da obra), será a responsable de asegurar que a execución das infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas cumpren as disposicións do presente decreto. Para estes efectos, nos pregos dos contratos que teñan por obxecto, de maneira conxunta ou independente, a elaboración do proxecto de obras e a construción da área empresarial incluiranse expresamente as obrigas derivadas do presente decreto.

Artigo 6. Responsabilidade da xestión das infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas

1. As infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas que se instalen nas áreas empresariais, segundo o establecido neste decreto, formarán parte do conxunto resultante da obra de urbanización e pasarán a integrarse no dominio público municipal conforme o establecido no marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

2. As administracións públicas titulares do dominio público mencionado no número anterior (en diante, xestoras das infraestruturas) serán as responsables de asegurar que a xestión das infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas cumpre as condicións xerais recollidas no artigo 7.

Artigo 7. Condicións xerais de acceso ás infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas

1. As xestoras das infraestruturas de soporte e das reservas de espazo vinculadas ás obras públicas ás cales lles sexa de aplicación esta norma, encargaranse de poñer as ditas infraestruturas á disposición dos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas interesados no seu uso.

2. As administración públicas xestoras das infraestruturas de soporte e espazos de reserva obxecto desta norma poderán aprobar, no ámbito das súas competencias, a normativa precisa para concretar a posta á disposición das anteditas infraestruturas.

3. O disposto neste precepto enténdese con suxeición á norma estatal en materia de telecomunicacións.

CAPÍTULO III

Criterios técnicos

Artigo 8. Criterios básicos para o deseño, dimensionamento e prescricións técnicas aplicables a materiais e elementos construtivos das infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas

1. O deseño e dimensionamento das infraestruturas de soporte e das reservas de espazo vinculadas ás obras públicas ás cales lles sexa de aplicación o presente decreto levarase a cabo de acordo coas seguintes regras:

a) Achegar as infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas á totalidade da superficie empresarial.

b) Optimizar a planificación das infraestruturas de soporte buscando o trazado de menor percorrido que permita dotar de acceso a totalidade da superficie empresarial.

c) Optimizar o espazo dispoñible no dominio público da área empresarial para o despregamento das infraestruturas de soporte evitando a duplicidade dos elementos de rexistro e espazos de reserva que conforman a infraestrutura.

d) Posibilitar o compartimento das infraestruturas de soporte por parte dos operadores de telecomunicacións.

2. Para o deseño e dimensionamento das infraestruturas, así como prescricións técnicas aplicables a materiais e elementos construtivos, ás cales fai referencia o número anterior deberanse cumprir os criterios especificados no anexo.

3. O disposto neste precepto enténdese con suxeición á normativa estatal en materia de telecomunicacións.

Disposición adicional única. Infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas en áreas empresariais promovidas por entidades non suxeitas ao presente decreto

No caso concreto de áreas empresariais promovidas por unha entidade de dereito privado dependente dunha Administración pública de Galicia, a Administración pública á cal estea adscrita esta entidade, ou que teña atribuída a súa tutela funcional, poderá requirir que a obra se execute cumprindo coas previsións do presente decreto.

Disposición transitoria única. Proxectos en tramitación

1. As disposicións do presente decreto serán de aplicación aos proxectos de urbanización de áreas empresariais promovidas polas administracións públicas de Galicia que non iniciasen o trámite de información pública no momento da entrada en vigor desta norma.

2. Nos restantes casos, a promotora da área empresarial poderá decidir a aplicación das disposicións do presente decreto cando sexa técnica, xurídica e economicamente viable, tendo en conta as características da obra e o estado de execución do contrato.

Disposición derradeira primeira. Normativa de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sociedade dixital para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xullo de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO

Criterios de deseño e dimensionamento das infraestruturas e os espazos
de reserva para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas en áreas empresariais promovidas polas administracións públicas de Galicia

1. Criterios de deseño e dimensionamento das canalizacións e espazos.

1.1. Espazo de reserva.

Preverase un espazo de reserva mínimo de 50 m2 pertencente á área empresarial e con acceso rodado por ela, conectado á infraestrutura pasiva de rede de telecomunicacións obxecto do presente decreto, así como coa infraestrutura de interconexión á rede eléctrica e á rede de pluviais.

Este espazo situarase:

a) Nunha zona elevada con boa visibilidade da área empresarial.

b) Nun lugar o máis equidistante posible a todas as parcelas.

c) Preto dun acceso principal á área empresarial.

No caso de non ser posible cumprir todos os anteriores requisitos, priorizarase o seu cumprimento en función da orde en que se indican.

Naqueles casos en que non sexa posible prever este espazo de reserva mínimo deberase xustificar adecuadamente no proxecto, indicando as medidas complementarias adoptadas para permitir a localización do equipamento de telecomunicacións (nodo).

As infraestruturas de interconexión á rede eléctrica deberán estar dimensionadas para permitir a alta de servizos de polo menos tres usuarios diferentes.

1.2. Trazado da canalización.

O trazado da canalización deberá permitir conectar todas as parcelas da área empresarial co nodo, así como a interconexión deste cos puntos de acceso rodado á área empresarial, de maneira que os operadores poidan interconectar nas devanditas localizacións as súas redes.

Para os criterios recollidos neste anexo diferenciaranse tres tipos de canalizacións segundo a súa función e dimensións:

a) Canalización de ligazón: esta canalización conectará todos os puntos de acceso rodado á área empresarial co nodo. Para iso, a dita canalización chegará, en cada acceso rodado, aos lindes da área empresarial coas parcelas con que limite.

b) Canalización de distribución: esta canalización permitirá conectar o nodo cos elementos de rexistro ou arquetas que dan servizo ás parcelas da área empresarial. Como norma xeral, o trazado da canalización de distribución deberá permitir o acceso ás parcelas que conecta desde o nodo por dous camiños completamente disxuntos (estrutura en anel), salvo naqueles tramos en que o deseño das vías non permita o acceso ás parcelas por dous camiños diferentes.

c) Canalización de acceso: esta canalización permitirá conectar os elementos de rexistro ou arquetas que dan servizo ás parcelas coa canalización de distribución.

Para a planificación do trazado deberanse ter en consideración as canalizacións pertencentes a outros servizos, respectando as distancias e localizacións relativas que figuran na normativa técnica de referencia (caso de número 4.3 da UNE 133100-1 e da lexislación de aplicación).

Por norma xeral, e salvo o caso da canalización de acceso, a canalización transcorrerá por unha das marxes da vía, por beirarrúa ou pola plataforma, conforme a normativa vixente. Salvo impedimentos de forza maior, transcorrerá paralela á vía e co menor número de curvas posible e estas terán o maior raio de curvatura que sexa viable. Cando sexa necesario realizar curvas dobres ou en forma de S para salvar obstáculos, seguiranse as indicacións respecto diso que figuran no número 5.1 da norma UNE 133100-1.

Tanto os cambios de marxes que requira a canalización como os cruzamentos de vía realizaranse perpendiculares ao trazado da vía empregando as técnicas adecuadas para protexela do tránsito rodado e de acordo coa normativa vixente.

1.3. Condutos.

A canalización estará formada por un conxunto de condutos cun diámetro exterior mínimo de 63 mm para os casos de canalización de enlace e canalización de acceso. No caso de canalización de distribución, o diámetro exterior mínimo será de 125 mm.

En todo caso, independentemente das súas dimensións, as estruturas de condutos instaladas deberán ter configuración de prisma e empregarán, na medida en que sexa preciso, os respectivos elementos separadores.

1.4. Dimensionamento da canalización.

O tamaño da canalización deberá variar en función do número e tipo de condutos que xunto cos recubrimentos laterais, inferiores e superiores, conforman o denominado prisma da canalización. A configuración do prisma será conforme coas recomendacións dadas na normativa UNE 133100, e de acordo coa normativa vixente aplicable.

En todo caso, analizarase que toda a canalización garanta unha capacidade suficiente, de acordo coa estimación de necesidades de redes de comunicacións electrónicas.

Segundo o tipo de canalización deberase analizar a capacidade necesaria para permitir o despregamento de redes de comunicación electrónicas en función das súas necesidades. En todo caso, establécese o seguinte dimensionamento mínimo, considerando o uso de condutos cun diámetro externo mínimo de 63 mm ou 125 mm en función do tipo de canalización:

Nº de condutos

Diámetro externo mínimo do conduto

Canalización de ligazón

4

63 mm

Canalización de distribución

4

125 mm

Canalización de acceso

4

63 mm

Naqueles casos en que coincida o trazado de dous ou máis tipos de canalizacións, poderanse unificar os condutos para formar un único prisma, pero mantendo, en todo caso, a capacidade mínima para cada un dos tipos de canalizacións.

En caso de empregar condutos doutras dimensións, poderanse variar as configuracións establecidas mantendo, en todo caso, unha capacidade mínima equivalente.

O número e tipoloxía de condutos que se instalen deberá ser uniforme en todo o trazado para cada tipo de canalización.

2. Tipoloxías e criterios de situación, selección e identificación de arquetas.

2.1. Tipoloxía de arquetas.

As arquetas son elementos de rexistro que cumpren a dobre misión de interconectar os tramos de canalización, facilitando o tendido do cableado, e albergar os equipamentos de telecomunicación necesarios para dar servizo ás parcelas.

Para os criterios recollidos neste anexo diferenciaranse tres tipos de arquetas segundo a súa función e dimensións:

a) Arquetas de equipamento: os rexistros de maior capacidade destinados a albergar equipamentos e reservas de cable.

b) Arquetas de distribución: os rexistros destinados a facilitar o tendido de cables no interior dos condutos e para albergar cocas e equipamentos de distribución de acometidas.

c) Arquetas de acometida: os rexistros finais destinados a establecer a unión entre a canalización de telecomunicacións do polígono e a infraestrutura de telecomunicación da/do parcela/inmoble.

2.2. Distribución de arquetas.

Para unha adecuada instalación e disposición, tanto de equipamentos como de cableado, faise necesario unha apropiada repartición de arquetas en toda a infraestrutura, de forma que satisfagan todas as funcionalidades establecidas para o despregamento da rede. Así, e en función da tipoloxía anteriormente detallada, establécense os seguintes criterios:

a) No caso de arquetas de equipamento:

1º. Instalaranse en todos os puntos de acceso rodado á área empresarial, como punto final de cada canalización de enlace. Adicionalmente instalaranse en calquera outra localización que poida ser destinada a interconexión coas redes dos operadores e conectaranse mediante a canalización necesaria coa infraestrutura de canalización de enlace, pasando a formar parte desta.

2º. Instalaranse como mínimo dúas arquetas de equipamento para a conexión co nodo, cun acceso a este desde cada unha delas e conexión entre elas, cunha canalización equivalente á dimensionada para a canalización de distribución.

3º. En cada cruzamento de vía da canalización deberase instalar como mínimo unha arqueta de equipamento, nun dos dous extremos do cruzamento.

4º. Intercalaranse como mínimo unha arqueta de equipamento cada seis arquetas de distribución.

5º. Cada arqueta de equipamento poderá conectarse mediante canalización de acceso cun máximo de tres arquetas de acometida.

6º. Elixiranse localizacións o máis equidistantes posibles entre as arquetas de equipamento que se executarán.

b) No caso de arquetas de distribución deberán respectarse os seguintes condicionantes, sempre que non exista xa unha arqueta de equipamento nesa localización:

1º. Non haberá tramo de canalización entre arquetas de distribución, ou entre estas e arquetas de equipamento superiores a 150 m.

2º. Deberán instalarse arquetas de distribución nos tramos de elevada curvatura da canalización (cambios de dirección).

3º. Deberá instalarse polo menos unha arqueta de distribución en puntos singulares da infraestrutura, como cruzamento con outras vías.

4º. Cada arqueta de distribución poderá conectarse mediante canalización de acceso cun máximo de tres arquetas de acometida.

5º. No caso de existir pasos especiais como túneles ou pontes requirirase a instalación de arquetas de distribución en ambos os extremos.

6º. Requirirase a instalación de arquetas de distribución en todo cambio de tipoloxía de canalización.

c) No caso de arquetas de acometida:

1º. Só se poderán instalar arquetas de acometida na canalización de acceso.

2º. Instalarase como mínimo unha arqueta de acometida cada dúas parcelas e a unha distancia máxima de 5 m de cada unha das parcelas ás cales presta servizo.

3º. Non haberá tramo de canalización entre arquetas de acometida e arqueta de distribución ou equipamento superiores a 20 m.

2.3. Localización de arquetas.

As arquetas situaranse interceptando a canalización nos puntos en que sexa necesario en función dos criterios anteriormente mencionados e conforme a normativa vixente.

A escavación efectuarase cos medios adecuados á natureza do terreo, ás dimensións precisas e ás condicións requiridas nos permisos de obra, de forma que as gabias queden enfrontadas en planta coas entradas de condutos correspondentes.

Situaranse preferentemente en beirarrúa e poderán tamén situarse en beiravía ou zona de aparcadoiro. En ningún caso se situarán encima doutras canalizacións.

Sempre se colocarán en vertical e de tal maneira que o conxunto do marco e tapas queden ao nivel do pavimento.

En todo caso, ademais da adecuada localización de arquetas para acometer todas as parcelas, analizarase a localización e disposición destas para garantir unha distribución coherente de acordo coa seguridade e coas necesidades dos distintos operadores.

2.4. Selección tipo de arqueta.

Tendo en conta a separación funcional mencionada (arquetas de equipamento, distribución e acometida), a seguinte táboa especifica as dimensións mínimas das arquetas susceptibles de seren empregadas de acordo coas súas dimensións mínimas e características construtivas:

Denominación

Dimensións interiores mínimas

(ancho × longo × profundo)

Arqueta de acometida

400×400×600 mm

Arqueta de distribución

800×800×800 mm

Arqueta de equipamento

900×1.200×900 mm

Poderanse variar estas dimensións sempre que se manteña a superficie en planta para cada tipo de arqueta e de maneira que se garden todas as funcionalidades establecidas para elas.

En calquera caso será preciso garantir que o dimensionamento das arquetas é adecuado á capacidade e disposición do prisma de condutos, non obrigando a variacións na dirección ou redistribución deste para o seu paso polas arquetas.

2.5. Identificación de arquetas.

Todas as arquetas deberán estar perfectamente identificadas, de forma que se poidan diferenciar. Na parte visible das súas respectivas tapas figurará un logotipo ou inscrición identificativos do uso.

3. Esquema tipo de infraestrutura de soporte e espazo de reserva para o despregamento de redes de comunicación electrónicas nunha área empresarial.

A adecuada disposición da canalización e as arquetas é esencial para dotar a infraestrutura dunha capacidade e funcionalidade suficiente. Deste xeito garántese unha disposición coherente do cableado e os equipamentos en toda a canalización, para a prestación dun servizo adecuado a todas/os as/os parcelas/inmobles.

Na figura adxunta móstrase un exemplo de infraestrutura de canalizado de telecomunicación na cal se poden apreciar as diversas disposicións recollidas nos puntos anteriores.

missing image file

Figura 1. Esquema tipo de infraestrutura de soporte de rede
de telecomunicacións nunha área empresarial

4. Prescricións técnicas aplicables a materiais e elementos construtivos.

No presente punto recóllense as prescricións técnicas específicas aplicables a materiais e elementos construtivos, co obxecto de remarcar algúns dos aspectos xerais máis importantes.

Con todo, e sempre que non se proporcione ningunha directriz específica, acudirase á normativa técnica e lexislación de referencia para cada caso.

4.1. Canalizacións.

Os condutos aloxados en gabia dispoñeranse en forma de prisma e recubriranse de formigón. O dimensionado da gabia será variable segundo o contorno e as dimensións da propia canalización, tomando como referencia o indicado na norma UNE 133100-1. En todo caso, á hora de realizar o recheo da gabia, este deberá ser tal que non implique ningún risco para os elementos da canalización, garantindo a inexistencia de corrementos futuros que poidan afectar a integridade dos condutos.

Para a construción dos prismas, empregaranse condutos cos diámetros establecidos no punto 1.4, en función do tipo de canalización. En canto á súa resistencia e demais características construtivas, seguirase o especificado na normativa de referencia e en concreto na UNE 133100-1, UNE-EN 61386-1:2005, UNE-EN 61386-21, UNE-EN 61386-24 e na UNE-EN ISO 9969.

Os condutos conectaranse mediante manguitos adecuados adquiridos para ese efecto. Os condutos deberán cortarse o menos posible. No caso de que sexa necesario realizalos, os cortes deberán ser o máis rectos e limpos, para evitar irregularidades na continuidade da capa interior que poidan entorpecer o percorrido dos fíos guía ou de cables e mangueiras.

Todos os condutos se obturarán nas arquetas unha vez terminada a canalización. Tamén deberá procederse ao taponamento dos condutos durante a interrupción das obras, mentres se realiza a construción das gabias, para evitar a entrada de calquera tipo de elementos que poidan impedir, danar ou dificultar o futuro tendido de cable.

Así mesmo, unha vez terminada a construción da canalización tenderase un fío-guía por todos e cada un dos tramos e condutos da canalización. As puntas dos fíos deberán deixarse atadas entre si ou á argola de tiro nas arquetas para evitar que estas se introduzan nos condutos, obrigando a un novo tendido.

4.2. Arquetas.

Tanto se se opta pola fabricación de arquetas in situ como no caso de arquetas prefabricadas, cumprirase coa lexislación vixente, en particular no relativo a control de materiais, ancoraxe de armaduras, recubrimentos e continuidade estrutural entre paredes e entre estas e a soleira e o teito.

Todas as arquetas (incluíndo as tapas e coberturas) deberán soportar as cargas e sobrecargas normalizadas en cada caso e o empuxe do terreo, tomando como referencia a norma UNE 133100 en función da súa localización.

Todos os materiais empregados para a construción das arquetas (formigóns, poliésteres, aceiros...) terán, como mínimo, as propiedades e características que se mencionan na norma UNE 133100 e na restante normativa técnica específica que sexa aplicable segundo o caso (UNE-EN 12350-2, UNE 36068, UNE 36092, UNE-EN 10025, UNE-EN ISO 1461, UNE-EN 10088-1).

No que respecta aos elementos asociados ás arquetas (tapas, obturadores, sumidoiros, ganchos...) seguirase a configuración básica descrita na UNE 133100.