Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2018 Páx. 33635

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 4 de xullo de 2018 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), convocadas pola Orde do 18 de decembro de 2017.

A Orde do 18 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2018 (DOG núm. 27, do 7 de febreiro), establece no seu artigo 4 o importe da contía máxima das axudas que, ao abeiro desta, poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

Non obstante e como consecuencia de que con posterioridade á publicación da orde foi aprobada unha incorporación de crédito, o importe inicialmente dotado pode ser incrementado, o que permitiría achegar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 4 da Orde do 18 de decembro de 2017, o importe fixado na convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 18 de decembro de 2017 (DOG núm. 27, do 7 de febreiro) para o exercicio orzamentario 2018, na cantidade de 6.605.428,15 euros, con cargo á aplicación 14.02.723A.771.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Segundo. A presente modificación non afecta ao prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2018

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar