Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2018 Páx. 33563

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se acorda o plan de auditorías das contas anuais de 2017 das federacións deportivas galegas.

Consonte o establecido no artigo 57.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a Administración deportiva autonómica está habilitada para solicitar auditorías dos documentos oficiais que compoñen a contabilidade das federacións deportivas autonómicas. Na liña da referida previsión, o artigo 37.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, recolle que deberán presentar no rexistro «(...) un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicios de cada exercicio. Anualmente incorporarase ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe».

Segundo as previsións, a Secretaría Xeral para o Deporte aprobou o plan de auditorías das federacións deportivas para o depósito dos referidos informes no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia por Resolución do 21 de marzo de 2017. Neste plan estableceuse que anualmente se determinarían as federacións obrigadas a presentar as auditorías, polo que se debe concretar nesta resolución cales son as obrigadas a presentar as contas anuais auditadas correspondentes ao exercicio 2017.

Por tanto, no das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é determinar as federacións deportivas galegas que deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2017, establecer o procedemento con código PR947B e a forma de presentación da documentación requirida nos termos fixados no plan de auditorías aprobado pola Resolución do 21 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se regula o plan de auditorías das federacións deportivas de Galicia.

Artigo 2. Das federacións deportivas galegas

Deberán presentar o informe de auditoría das contas anuais de 2017 nos termos fixados no plan de auditorías aprobado pola Resolución do 21 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se regula o plan de auditorías das federacións deportivas de Galicia, as seguintes federacións deportivas galegas:

– Atletismo.

– Balonmán.

– Colombofilia.

– Esgrima.

– Espeleoloxía.

– Golf.

– Hóckey.

– Judo e D.A.

– Karate e D.A.

– Kung-Fu.

– Orientación.

– Rugby.

– Tenis.

– Tenis de mesa.

– Tiro con Arco

– Tiro Olímpico.

– Voleibol.

– Ximnasia.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

1. A presentación será obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, con código PR947B, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas entrega a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que realice a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a súa presentación electrónica.

Para a presentación das contas auditadas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das contas anuais auditadas nos termos establecidos nesta resolución rematará o 30 de outubro de 2018.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas representantes deberán achegar a seguinte documentación:

– Informe de auditoría das contas anuais de 2017 da Federación Deportiva Galega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI o NIE da persoa representante.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos demais medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a esta disposición, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional primeira. Contratación

Para a realización do informe de auditoría das contas anuais de 2017 a Secretaría Xeral para o Deporte inicia un procedemento de contratación do servizo de apoio á realización de auditorías das federacións deportivas galegas. A empresa ou persoa auditora contratada contactará coas federacións relacionadas no artigo 2 para a análise e informe das contas anuais de 2017, e deberá tamén emitir recomendacións referentes a aspectos detectados no sistema de control para establecer as medidas que se consideren necesarias para mellorar, corrixir ou eliminar as deficiencias atopadas. As federacións deportivas galegas deberán colaborar coa empresa ou persoa auditora facilitando o seu labor e achegando a documentación que lle sexa requirida.

Disposición adicional segunda. Modificación do prazo de presentación

Modifícase o artigo 7 da Resolución do 21 de marzo de 2017 que queda redactado como segue:

«O prazo de presentación das contas anuais auditadas determinarase na resolución anual pola que se acorda o plan de auditorías das contas anuais de cada ano das federacións deportivas galegas».

Disposición adicional terceira. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, ante esta secretaría xeral, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, no xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional cuarta. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Secretaría Xeral para o Deporte coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2018

Marta Míguez Telle
Secretaria xeral para o Deporte

missing image file
missing image file