Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2018 Páx. 33525

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de xuño de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición interposto contra o deslindamento por avinza dos montes veciñais de Loentia e Bendia, no concello de Castro de Rei.

Para os efectos previstos no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 14 de xuño de 2018, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera e Antonio José López-Acuña Herrero, e do secretario en funcións Juan Carlos López Seijas, tomou o seguinte acordo:

Monte Rodela, Gándaras de Castro e Granda de Abelleira (expediente 42/79), pertencente aos veciños da parroquia de Loentia, e monte Gándaras de Castro, Coutado e Campela (expediente 44/79), pertencente aos veciños da parroquia de Bendia, ambos no termo municipal de Castro de Rei. Na reunión celebrada polo xurado con data do 6 de marzo de 2018, acordouse aprobar o deslindamento por avinza practicado por estas dúas comunidades e proceder ás oportunas modificacións nos expedientes respectivos. Con data do 13 de abril de 2018, ten entrada escrito presentado por Dositeo Barja Barja, en que interpón recurso de reposición contra o devandito acordo e solicita, con base nas fundamentacións que expón, a súa estimación e que se revise o expediente e non se teña en conta o deslindamento proposto. O recurso fundaméntase, de xeito resumido, no seguinte:

• Que os planos achegados coa resolución do xurado non recoñecen a verdadeira titularidade dos montes, xa que os documentos antigos reflicten que estes montes son propiedade dos veciños de Loentia.

• Manifesta que actualmente esta situación está a ser tratada na vía xudicial co fin de esclarecer a titularidade do monte.

Non achega ningunha documentación.

Dado traslado do recurso ás comunidades afectadas, recíbese, con data do 4 de maio de 2018, escrito de Mª Carmen Lázare González, como presidenta da comunidade de Loentia, en que, en resumo, manifesta:

• Que carece de razón o contido do escrito presentado, posto que o deslindamento practicado e aprobado polo Xurado reflicte non só a realidade histórica do patrimonio veciñal senón tamén a vontade actual dos comuneiros, que en todas as reunións realizadas aprobaron por maiorías significativas as propostas de acordo e deslindamento.

• Non é certo que a cuestión do deslindamento estea pendente de resolución xudicial, pois o Acordo do 9 de abril de 2017, polo que a asemblea xeral adoptou o acordo, é firme ao non ter sido impugnado. Dositeo Barja Barja unicamente impugnou a convocatoria da asemblea do 13 de maio de 2016, en que se autorizou a presidenta para alcanzar acordos de deslindamento cos montes estremeiros.

Coa mesma data ten entrada escrito de Telmo Fernández Iglesias, como presidente de Bendia, en que manifesta, en resumo:

• Que non é certo o manifestado polo recorrente, posto que o deslindamento realizado reflicte con exactitude a realidade histórica das estremas entre os montes, e é tamén a vontade actual dos comuneiros das respectivas comunidades.

Examinado o devandito recurso, o Xurado, por unanimidade, acorda inadmitir o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso.

Contra este acordo poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 29 de xuño de 2018

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo