Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 12 de xullo de 2018 Páx. 33138

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de xuño de 2018 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación Club Náutico de Vigo.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Club Náutico de Vigo, con domicilio na rúa As Avenidas, s/n, 36202 Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. Rafael Enrique Tapias Presa, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Club Náutico de Vigo, constituíuse en escritura pública outorgada en Vigo o 12 de abril de 2018, ante o notario José María Rueda Pérez, co número de protocolo 918, por José Antonio Portela Estévez, Miguel Ángel Cameáns Otero, Pablo Cabello Vieitez, Pablo Iglesias García, Gonzalo Araujo Lázare, Justo José González Ballesta, Rafael Enrique Tapias Presa, Cándido Correa García e Alberto Viejo Puga.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, son fins da Fundación:

a) Promover e divulgar a importancia do deporte no desenvolvemento persoal dos nenos e as nenas e no logro das súas metas deportivas, en liña co proxecto do Real Club Náutico de Vigo. Apoiar o deporte xuvenil. Promover e potenciar o funcionamento das escolas deportivas do Real Club Náutico de Vigo. Achegar o deporte aos adultos como instrumento capaz de construír e reforzar valores claves para o desenvolvemento da persoa, forte compoñente social desde o que potenciar accións de igualdade, integración, solidariedade e desenvolvemento.

b) Promover e fomentar o patrimonio social, cultural e deportivo do Real Club Náutico de Vigo. Colaborar na forma e medida que se considere posible e conveniente co Real Club Náutico de Vigo, así como con outras institucións sociais, culturais, artísticas, benéficas e deportivas.

c) Desenvolver proxectos culturais de diversa índole, tanto no seu aspecto formativo como divulgativo e social.

d) Divulgar as actividades deportivas dos equipos vigueses.

e) Acrecentar o patrimonio deportivo vigués, unindo intereses para o seu apoio e incremento da súa actividade. Xuntar vontades e esforzos de persoas físicas e xurídicas para aumentar a actividade deportiva viguesa.

f) Colaborar activa e convenientemente con sociedades e institucións sociais, culturais, artísticas, benéficas e deportivas. Establecer relacións con entidades nacionais e estranxeiras que persigan fins semellantes.

g) Cooperar cos medios de comunicación para a difusión dos fins da Fundación, facendo públicas as actividades deportivas viguesas. Realizar a maior difusión das innovacións, estudos e actividades que leve a cabo a Fundación.

h) Impulsar a continua colaboración entre a Fundación e as administracións públicas, fomentando a realización de convenios de colaboración.

i) Fomentar, coordinar e desenvolver cursos, obradoiros, seminarios e programas educativos, culturais e deportivos tendentes á formación e cualificación nestas materias.

j) Establecer, promover e xestionar museos, institucións culturais, así como salas de exposicións, centros de reunión, arquivos e bibliotecas ou instalacións que, de xeito principal se dediquen a actividades relacionadas coa cultura e o deporte.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Rafael Enrique Tapias Presa como presidente, José Antonio Portela Estévez como vicepresidente, Miguel Ángel Cameans Otero como secretario e Cándido Correa García como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo, da Fundación Club Náutico de Vigo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de xuño de 2018,

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Club Náutico de Vigo adscribila ao protectorado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza