Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 9 de xullo de 2018 Páx. 32712

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución correspondente á 1ª fase do cambio de gas combustible (de GLP a gas natural) nas instalacións de distribución de gas canalizado no núcleo urbano de Sada, promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2017/4-0).

Logo de examinar o expediente instruído por petición da empresa Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente Nedgia Galicia, S.A.), con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 2.9.1996, a Consellería de Industria e Comercio ditou a orde pola que se outorgou a Repsol Butano, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Sada, que se publicou no DOG do 21.1.1997. A respecto desta concesión administrativa cabe indicar o seguinte:

• A infraestrutura gasista asociada entrou en funcionamento tras a autorización outorgada o 11.5.2001 pola Delegación Provincial da Coruña da dita consellería.

• A concesión administrativa transformouse en autorización administrativa no momento de entrada en vigor da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, porque segundo o establecido na súa disposición adicional sexta, todas as concesións para actividades incluídas no servizo público de subministración de gases combustibles por canalización quedan extinguidas e substituídas de pleno dereito por autorizacións administrativas.

Segundo. O 20.10.2016, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das redes de distribución de GLP canalizado que Repsol Butano, S.A. ten en varios núcleos de poboación da provincia da Coruña, entre os cales está Sada, a favor de Gas Natural Redes GLP, S.A. coa consecuente subrogación dos dereitos e obrigas asociados.

Posteriormente, o 10.3.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das instalacións de distribución de GLP canalizado na localidade de Sada (A Coruña) e da súa autorización administrativa, da sociedade cedente Gas Natural Redes GLP, S.A. a favor da sociedade adquirente Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 3.3.2017 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Instituto Galego de Vivenda e Solo en Santiago de Compostela), un escrito de Gas Galicia SDG, S.A. no cal solicita a aprobación da execución das instalacións correspondentes á 1ª e 2ª fase do cambio de gas combustible (de GLP a gas natural) en Sada (A Coruña), para o cal xunta a seguinte documentación:

• Proxectos de autorización de execución de instalacións de gas natural, titulados Proxecto de cambio de gas combustible en Sada (A Coruña) - 1ª fase e Proxecto de cambio de gas combustible en Sada (A Coruña) - 2ª fase, datados en febreiro de 2017, e nos cales figuran os seguintes orzamentos: 28.119,89 € e 81.294,18 €, respectivamente.

• Declaración responsable do técnico proxectista, do 20.2.2017, conforme os modelos establecidos para o efecto no anexo I da Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios aplicables para exixir o visado colexial en materia de industria e enerxía, e no anexo XIX do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior.

• Separatas técnicas para as seguintes entidades afectadas polos proxectos: Axencia Galega de Infraestruturas, Servizo de Patrimonio Cultural da Coruña, Concello de Sada, Unión Fenosa Distribución, S.A., Viaqua, S.A., Telefónica de España e R Cable y Telecomunicaciones, S.A.

Segundo fai constar a promotora, na 1ª fase acometerase a transformación da rede de distribución de GLP existente e a súa conexión coa antena de subministración de gas natural (autorizada baixo o número de expediente IN627A 2016/4-0), mentres que na 2ª fase se realizará a extensión da rede co obxecto de integrar determinadas instalacións de GLP diseminadas polo municipio e que non están conectadas á rede de distribución.

Cuarto. O 6.4.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas dos citados proxectos da 1ª e 2ª fase do cambio de gas combustible en Sada ao Concello de Sada, Servizo de Patrimonio Cultural da Coruña, Axencia Galega de Infraestruturas, Unión Fenosa Distribución, S.A., Viaqua, S.A., Telefónica de España e R Cable y Telecomunicaciones, S.A., pola súa condición de entidades titulares de bens e dereitos afectados pola mencionada instalación e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

As entidades que contestaron, presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado á empresa promotora da instalación gasista proxectada, quen presentou a súa conformidade.

Viaqua, S.A. e Telefónica de España non contestaron a petición de informe, nin a súa reiteración, polo que se entende, en consecuencia, a súa conformidade, de acordo co disposto no artigo 80 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

Quinto. O 30.11.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteron a información pública os proxectos de autorización administrativa, promovidos por Gas Galicia SDG, S.A., para o cambio de gas combustible en Sada (fase 1: expediente IN627A 2017/4-0; e fase 2: expediente IN627A 2017/5-0).

Esta resolución publicouse no DOG do 9.1.2018, no BOP do 26.12.2017 e nos xornais La Voz de Galicia e La Opinión do 26.12.2017, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Sada.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Sexto. A Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, Xefatura Territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de autorización administrativa correspondente á 1ª fase do cambio de gas combustible en Sada (expediente IN627A 2017/4-0), promovido por Nedgia Galicia, S.A., cuxas características básicas son as seguintes:

Instalacións que se van executar:

• Planta provisional de GLP, que se instalarán a parcela de referencia catastral 0509116NJ6000N, de 625 m2 de superficie, situada no Camiño Fiunchedo 13 (coordenadas UTM fuso 29 ETRS89: X-560.440, Y-4.800.730):

– Nº de depósitos: 1 ud.

– Capacidade de almacenamento: 4,88 m3.

– Cerramento: valado perimetral (2 m de altura).

– Vaporización: forzada (vaporización+caldeira).

– Tipo: aéreo.

– Protección contra incendios: mínimo para clase A-5.

– Módulos de calefacción, armarios de control, circuíto de auga e instalación eléctrica.

• Inserción de novas válvulas de sector na rede de GLP existente e novas canalizacións para religamentos da actual rede que permitan a subministración de gas en sectores que de non se realizaren os ditos religamentos, quedarían illados e sen subministración por causa do peche das válvulas.

Rede actual de GLP para converter a gas natural:

• Rede de distribución de GLP construída en polietileno de calidade PE-80 (relación de diámetro/espesor de 11), cunha lonxitude total de 11.819 m.

Instalacións que se van desmantelar:

• Planta de GLP instalada na parcela de referencia catastral 0509116NJ6000N, de 625 m2 de superficie, situada no Camiño Piunchedo 13 (coordenadas UTM fuso 29 ETRS89: X-560.440, Y-4.800.730):

• Nº de depósitos: 2 uds.

• Capacidade de almacenamento: 100 m3.

• Cerramento: valado perimetral (2 m de altura).

• Vaporización: forzada (vaporización+caldeira).

Orzamento total: 28.119,89 €.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segundo. O Regulamento xeral do servizo público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, establece no seu artigo 8.c) que, mentres non se alteren os termos das concesións, corresponde á Dirección Xeral de Enerxía outorgar as autorizacións do cambio das características do gas subministrado ou a súa substitución por outro intercambiable.

Este regulamento mantén a súa vixencia en todo aquilo que non contradiga ou se opoña ao disposto no Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11, aprobado polo Real decreto 919/2006, do 28 de xuño.

Terceiro. A Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no número 8 do artigo 46.bis Instalacións de GLP a granel, establece que os titulares das instalacións de distribución de GLP a granel deberán solicitar á Administración concedente da autorización a correspondente autorización para transformalas para a súa utilización con gas natural; deberán cumprir as condicións técnicas de seguridade que sexan de aplicación e someterse en todo ás disposicións normativas vixentes para as instalacións de distribución de gas natural.

Cuarto. O 15.9.2016 a Sala de Supervisión Reguladora da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) ditou a resolución (TPE/DE/027/16), sobre a operación de adquisición por parte de Gas Galicia SDG, S.A. dos activos de distribución de GLP canalizado a Repsol Butano, S.A.U. en Galicia.

Nesta resolución indícase que de maneira transitoria Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente, Nedgia Galicia, S.A.) poderá desenvolver a actividade de subministración de GLP por canalización, durante o tempo que duren as actuacións e os trámites necesarios para a transformación das instalacións a gas natural.

Quinto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

• Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución correspondente á 1ª fase do cambio de gas combustible (de GLP a gas natural) nas instalacións de distribución de gas canalizado no núcleo urbano de Sada (A Coruña), promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2017/4-0).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Nedgia Galicia, S.A., titulado Proxecto de cambio de gas combustible en Sada (A Coruña) - fase 1, datado en febreiro de 2017 e asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández (colexiado nº 1.534 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia), coa referencia GDP41116120002; e no cal figura un orzamento de 28.119,82 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os formalizan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. A empresa promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas no prazo dun mes, contado desde a notificación desta resolución, unha copia do plan de comunicación ao cal se fai referencia no proxecto de execución que se aproba.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados polo proxecto de referencia e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora queda obrigada cos titulares dos contratos en vigor a substituír ou adaptar todos os elementos das instalacións receptoras afectadas polo cambio, e aqueles aparellos de utilización declarados no contrato e, se é o caso, o contador, sen que este poida reportar ningún custo para o usuario, conforme o disposto no artigo 38 do Regulamento xeral do servizo público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro.

Sétima. A empresa promotora disporá dun prazo de seis meses para a execución do proxecto que se aproba (instalacións que se van executar e instalacións que se van desmantelar), contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución, e deberase ter en conta o seguinte:

Instalacións que se van desmantelar (planta de GLP):

• A xestión e o tratamento dos residuos deberán ser tratados, transportados, almacenados ou inertizados por empresas autorizadas.

• Xunto coa solicitude de emisión de acta de peche, deberase achegar a seguinte documentación:

– Dirección de obra asinada por técnico competente e declaración responsable da execución das obras conforme o proxecto aprobado.

– Documentación xustificativa dos xestores de residuos dos tratamentos realizados estes.

Instalacións que se van executar (depósito de GLP provisional e novas válvulas e novas canalizacións para religamentos):

• Previamente ao inicio das obras deberanse achegar, á Xefatura Territorial, todas as autorizacións e permisos dos titulares de bens afectados polas instalacións proxectadas, xunto coa designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vaia realizar as obras e o director de obra responsable delas.

• Previamente ao cambio de gas procederase á execución do depósito provisional de GLP, e á súa posta en servizo, que requirirá a autorización da Xefatura Territorial, ante a cal deberán presentar a documentación establecida na ITC-ICG 03 do Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos, xunto coa seguinte documentación: boletín da instalación eléctrica e o correspondente proxecto, planos as built da instalación e dos servizos, xustificación dos apoios onde se deposita o depósito, medidas contraincendios adoptadas, medida de posta á terra e elementos complementarios.

• Previamente ao inicio do cambio de gas deberase presentar ante a Xefatura Territorial, e para cada un dos sectores determinados, a seguinte documentación:

– Data de execución do proceso de purga e implantación exacta dos queimadores de gas.

– Plano coas delimitacións das zonas de seguridade e o visto e prace do Concello de Sada, Protección Civil, bombeiros,...

– Procedemento para a operativa da purgación da rede cos queimadores e a súa implantación.

– Procedemento de seguimento de control de perda de carga nas redes en explotación con gas natural.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Novena. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas