Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 3 de xullo de 2018 Páx. 31868

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2018, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., autorizada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de marzo de 2018.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 22 de marzo de 2018 adoptou, por proposta da consellería de Facenda e por iniciativa da Axencia Galega de Infraestruturas, o acordo polo que se autorizaba a modificación dos artigos 9 e 10 dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, dos artigos modificados dos estatutos da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2018

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda

ANEXO

Artigo 9. Consello de Administración

O Consello de Administración estará formado por un mínimo de tres e un máximo de oito membros.

O Consello de Administración renovarase cada seis anos e poderán os seus membros ser reelixidos unha ou máis veces por períodos de igual duración.

Corresponde á Xunta Xeral a fixación do número de membros dentro deses límites.

Artigo 10. Presidencia e vicepresidencia do Consello

O titular da presidencia do Consello será designado pola Xunta Xeral, por proposta da consellería con competencias en materia de Infraestruturas, e o vicepresidente, por proposta da consellería coas competencias de Facenda. Ao Consello, por proposta do presidente, correspóndelle a designación do secretario e do letrado asesor, e pode recaer, en ambos os casos, a designación en quen non reúna a condición de conselleiro, que terá dereito, neste caso, a participar nas sesións do Consello, con voz pero sen voto.

O vicepresidente substituirá o presidente en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.