Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 25 de xuño de 2018 Páx. 30568

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de abril de 2008 polo que se aproba o Proxecto sectorial de implantación territorial de seis microplantas de transferencia de residuos sólidos urbanos, modelos T2 e T3, na provincia de Ourense.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral propón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia do día 3 de abril de 2008, segundo o cal:

Se aproba definitivamente o Proxecto sectorial de implantación territorial de seis microplantas de transferencia de residuos sólidos urbanos (R.S.U.), modelos T2 e T3, para os efectos establecidos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Decláranse de utilidade pública e interese social as obras, instalacións e servizos previstos, así como a necesidade de ocupación para efectos de expropiacións dos bens e dereitos necesarios para a execución do Proxecto sectorial de implantación territorial de seis microplantas de transferencia de R.S.U., T2 e T3.

Decláranse de marcado carácter territorial as obras previstas no proxecto sectorial para os efectos do disposto no artigo 11.3) do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, e na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, segundo a redacción recollida na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Consonte o disposto nos artigos 24 da dita Lei 10/1995 e 11.2) do xa citado Decreto 80/2000, deberase modificar o planeamento urbanístico municipal para adecuar as súas determinacións ao proxecto que se aproba.

De conformidade co artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, e o artigo 25.4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, publícase este acordo no Diario Oficial de Galicia e, así mesmo, de conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, publícanse como anexo as disposicións normativas do proxecto sectorial para a implantación territorial de seis microplantas de transferencia de R.S.U., T2 e T3.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2018

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial para a implantación territorial
de seis microplantas de transferencia de R.S.U., T2 e T3, na provincia de Ourense

Dada a discrepancia co planeamento urbanístico dos terreos previstos para a instalación das microplantas, resulta necesario adecuar a normativa urbanística para viabilizar a implantación destas infraestruturas, coa adecuada clasificación e cualificación daqueles que, de acordo co establecido nos artigos 32.2 c), 34, 37 e 42 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, será a de:

Solo rústico de protección de infraestruturas.

1. Ámbito.

Comprende esta cualificación de solo a zona grafada nos planos destinada ás instalacións de microplantas de transferencia de residuos sólidos urbanos, incluídos os camiños de acceso.

2. Condicións de uso e licenzas.

O uso permitido será o de «microplantas de transferencia de residuos e instalacións anexas» e para poder implantarse nesta categoría de solo deberán contar coa correspondente declaración de efectos ambientais de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, o artigo 25 da Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

Segundo o previsto no número 3 do artigo 14 do Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei do solo de Galicia, no proxecto técnico de execución das obras das microplantantas deberá incluírse unha memoria urbanística, como documento específico e independente en que se indicará a finalidade e uso da actuación proxectada, razoando a súa adecuación á ordenación vixente, consecuencia da aprobación do proxecto sectorial que o clasifica e califica de solo rústico de protección de infraestruturas.

A separata da memoria urbanística acompañarase dun plano de situación a escala 1/10.000 e demais información gráfica que sexa precisa para indicar a clasificación e cualificación do solo obxecto da actuación e da normativa e ordenanza aplicables.

3. Condicións de edificación.

As condicións de edificación que se sinalan serán de aplicación exclusivamente ás construcións que consomen edificabilidade, é dicir, pechadas por todos o seus lados, cousa que nos acontece para as instalacións da propia microplanta, ao tratarse dunha moega, pechada unicamente por tres do seus lados e, ademais, dada a súa peculiaridade, non se limita a súa altura, ben que a súas características responderán ao establecido na declaración de efectos ambientais.

Por esta mesma razón, debe aplicarse o réxime excepcional previsto no artigo 44 da Lei 9/2002, para a parcela mínima do predio onde se sitúan exclusivamente microplantas, ao ocuparen estas (moegas e contedores de compactación) soamente 183 m² en parcelas cuxas superficies oscilan entre os 2.500 e 3.500 m², o que xustifica a proporcionalidade e o tipo da instalación coa natureza, extensión e destino actual do predio.

Parcela mínima: 5.000 m², para microplantas con edificacións complementarias.

Ocupación máxima edificacións pechadas: 20 %.

Superficie mínima de parcela vinculada ás edificacións, que se manterán no seu estado natural: 50 %.

Altura máxima das edificacións pechadas: 7 metros.

Número de plantas permitido: 2.

Peches: 1 metro máximo opaco e o resto hasta 3 metros mediante cerramento metálico plastificado.

4. Condicións estéticas.

De acordo co establecido na declaración de efectos ambientais.

5. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 42 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da infraestrutura deberá resolver á súa custa os servizos de:

• Acceso rodado.

• Abastecemento de auga.

• Saneamento e depuración.

• Enerxía eléctrica.

Así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.