Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 21 de xuño de 2018 Páx. 30106

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Corcubión

ANUNCIO da aprobación definitiva do proxecto de expropiación por taxación conxunta dos bens e dereitos incluídos no ámbito da parcela 1, couzada 28 do Plan especial do casco histórico.

Por Acordo do Pleno do 23 de maio, aprobouse definitivamente o proxecto de expropiación por taxación conxunta dos bens e dereitos incluídos no ámbito da parcela 1, couzada 28 do Plan especial do casco histórico de Corcubión para a obtención de terreos dotacionais para uso público en solo urbano consolidado, co seguinte teor literal:

Primeiro. Desestimar as alegacións presentadas por María Astrid de Pazos Elorza, en representación de Comunidad de Herederos de Óscar Pazos, C.B. en relación co proxecto de expropiación da parcela 1, couzada 28 do Plan especial do casco histórico de Corcubión, polos motivos expresados no informe emitido polo Servizo de Asistencia Técnica a Municipios da Deputación da Coruña do 8 de maio de 2018, do que se remitirá copia aos interesados xunto coa notificación do presente acordo.

Segundo. Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación por taxación conxunta dos bens e dereitos incluídos no ámbito da parcela 1, couzada 28 do Plan especial do casco histórico de Corcubión, para a obtención de terreos dotacionais para uso público en solo urbano consolidado.

Este acordo de aprobación definitiva implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados. A ocupación comporta a necesidade de levantar acta nos termos contidos na lexislación estatal.

Terceiro. Publicar o presente acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Notificar o presente acordo aos interesados propietarios e titulares de bens e dereitos que figuran no expediente, conferíndolles un termo de vinte días durante o cal poderán manifestar por escrito a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado.

Se os interesados non formularon oposición á valoración no citado prazo de vinte días, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o xusto prezo definitivamente e de conformidade.

No caso de que os interesados manifesten a súa desconformidade coa valoración contida na folla de aprecio, darase traslado do expediente ao Xurado de Expropiación de Galicia para a fixación do xusto prezo.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, pode interpor alternativamente recurso de reposición potestativo ante o Pleno deste concello, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da presente notificación, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte á publicación do presente anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Se se opta por interpor o recurso de reposición potestativo, non poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que aquel sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación por silencio. Todo iso sen prexuízo de que poida exercer calquera outro recurso que considere pertinente.

Corcubión, 25 de maio de 2018

Manuel Insua Insua
Alcalde