Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 21 de xuño de 2018 Páx. 29908

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 11 de xuño de 2018 pola que se determinan a contía e o procedemento de aboamento das probas periciais a cargo da Administración de xustiza en Galicia.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, inclúe a asistencia pericial entre as prestacións propias do dereito á asistencia xurídica gratuíta e establece no seu artigo 6.6 a regra xeral de que a asistencia pericial gratuíta no proceso sexa realizada por persoal técnico adscrito aos órganos xurisdicionais ou, na súa falta, corra a cargo de persoal funcionario, organismos ou servizos técnicos dependentes das administracións públicas; e que só excepcionalmente, e cando por inexistencia de persoal técnico na materia de que se trate non sexa posible a asistencia pericial de peritos/as dependentes dos órganos xurisdicionais ou das administracións públicas, esta sexa levada a cabo, se o/a xuíz/a ou o tribunal o considera pertinente en resolución motivada, por persoal técnico de carácter privado designado consonte o que se establece nas leis procesuais.

Como consecuencia das competencias transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro (funcións e servizos en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza), e asumidas polo Decreto da Xunta de Galicia 394/1994, do 29 de decembro, a Comunidade Autónoma de Galicia realizou o desenvolvemento normativo da Lei 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta, a través do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

O Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia estableceu no seu capítulo VIII o procedemento para a designación xudicial de peritos/as nos procesos en que interveñan partes que teñen recoñecido o dereito á asistencia pericial gratuíta; aplicable, así mesmo, en virtude da disposición adicional terceira, ás peritaxes que en beneficio de persoas menores abandonadas ou persoas incapaces ou desvalidas solicite o Ministerio Público, e de igual forma a Administración autonómica tamén aplicará estas previsións na tramitación de causas penais en relación coas probas periciais que sexan ordenadas de oficio polo/a xuíz/a ou ben sexan acordadas por instancia do Ministerio Fiscal.

O procedemento establecido polo Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, dispón que nestes casos o persoal dependente da Administración pública non terá dereito a percibir honorarios pola súa actuación como perito xudicial, sen prexuízo do dereito a percibir as indemnizacións de servizo que procedan, así como do dereito á percepción de gratificacións extraordinarias cando a colaboración xudicial implique prolongación da súa xornada laboral.

Por outro lado, para o excepcional suposto de designación de persoal técnico privado para a realización de periciais xudiciais, o mencionado decreto establece o procedemento que para o caso debe seguir o órgano xudicial, así como tamén que correrá a cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellería competente en materia de xustiza, o aboamento dos honorarios conforme as condicións económicas que se estipulen entre a Administración e quen teña asignada a realización da pericia.

Para tales efectos, o regulamento determina a obriga de remitir á dirección xeral competente en materia de xustiza, para a súa aprobación, e antes da práctica da proba pericial, unha previsión do seu custo económico que conteña necesariamente os seguintes aspectos: o tempo previsto de realización; o custo por hora en función da retribución media que outorga a Administración a un membro dun corpo en que se exixa unha titulación similar para levar a cabo a pericia, e mais os gastos precisos para a súa realización.

Finalmente, o artigo 52.5 do decreto citado estableceu que mediante unha orde da consellería competente en materia de xustiza se determinarían módulos económicos tipo, así como a forma de pagamento dos gastos e honorarios ocasionados pola actuación de profesionais de carácter privado en probas periciais.

Deste xeito, procede a fixación dunhas contías máximas para o pagamento destas actuacións, garantindo, por unha banda, a asistencia pericial aos órganos xudiciais, e, por outra, a utilización racional dos recursos públicos.

Así mesmo, co fin de conxugar os intereses lexítimos dos/das profesionais de carácter privado a quen se lles asignen as periciais xudiciais, considerouse a necesidade de dar un paso máis para mellorar a prestación do servizo, no sentido de establecer a posibilidade de adiantar o aboamento dos honorarios aprobados antes de que se adopte a resolución definitiva que poña fin ao procedemento xudicial, e sen prexuízo da comunicación desta circunstancia ao órgano xudicial para os efectos da súa eventual inclusión nas custas.

Para establecer estas cantidades máximas tomouse en consideración a retribución media que outorga a Administración a un membro dun corpo para o cal se exixa titulación similar á requirida pola materia de ditame, así como tamén a consideración de custo social desta actuación pola función social que se realiza e criterios orzamentarios e de racionalización do gasto público da Administración, á parte de se teren tamén en conta os baremos que aplican outras comunidades autónomas con competencias na materia; e todo isto sen prexuízo da posibilidade de que naqueles casos en que circunstancias excepcionais o aconsellen, a dirección xeral competente en materia de xustiza poida autorizar expresamente a aprobación dunha contía superior no caso concreto.

En definitiva, o principal obxectivo desta orde é dobre: por unha banda, garantir a prestación da asistencia pericial nos casos en que esta deba correr a cargo da Administración, respectando o principio de racionalización do gasto público; e, por outra, garantir aos/ás profesionais de carácter privado que voluntariamente estean en disposición de actuar como peritos/as e que resulten designados/as como tales polo tribunal o cobramento polo traballo realizado sen necesidade de agardar a que finalice o procedemento xudicial.

Por todo o dito, e de acordo co artigo 52.5 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto o desenvolvemento do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, no sentido de regular os módulos económicos e mais a forma de pagamento dos gastos e honorarios ocasionados pola actuación de profesionais de carácter privado en probas periciais cuxo aboamento poida corresponder asumir á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellería competente en materia de xustiza.

2. Esta orde é aplicable ás probas periciais realizadas ante os órganos xudiciais con sede en Galicia que fosen acordadas en procesos xudiciais en que interveñan partes que teñan recoñecido o dereito á asistencia pericial gratuíta, así como ás peritaxes que en beneficio de persoas menores abandonadas ou persoas incapaces ou desvalidas solicite o Ministerio Público.

Tamén é aplicable na tramitación de causas penais en relación coas probas periciais que ou ben de oficio ordene o/a xuíz/a ou tribunal ou ben sexan acordadas por instancia do Ministerio Fiscal.

3. Exclúense do ámbito de aplicación desta orde as periciais que fosen acordadas por instancia dunha parte que non teña recoñecido o dereito de asistencia pericial gratuíta, as cales deben correr a cargo das partes e son obxecto de regulación pola lexislación procesual.

Artigo 2. Réxime xurídico

O procedemento para o aboamento da retribución que corresponda aos/ás profesionais que realicen probas periciais no ámbito de aplicación sinalado no artigo anterior rexerase polo Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, aprobado polo Decreto 269/2008, do 6 de novembro, e mais polas disposicións da presente orde.

Artigo 3. Retribución

1. Cando, de acordo co establecido no artigo 52 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, proceda a asistencia pericial gratuíta prestada por peritos/as de carácter privado, a consellería competente en materia de xustiza, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias, aboará ao/á profesional que fose designado/a consonte as normas procesuais e o procedemento de designación xudicial de peritos establecido no capítulo VIII do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia a contraprestación que lle corresponda segundo o seguinte baremo:

Técnicos con titulación do grupo I: ata 1.065 €.

Técnicos con titulación do grupo II: ata 878 €.

Resto de técnicos: ata 532 €.

Que se corresponden con:

Grupo I. Titulados con grao ou grao e máster, segundo os casos, de:

• Arquitectura.

• Enxeñaría (superior).

• Medicina.

• Economía.

• Bioloxía.

• Química.

• Psicoloxía.

• Outras titulacións equivalentes ás anteriores.

Grupo II. Titulados con grao de:

• Aparellador ou arquitecto técnico.

• Enxeñeiro técnico.

• Outras titulacións equivalentes ás anteriores.

As contías máximas fixadas inclúen o IVE e mais o resto dos impostos que sexan aplicables.

Deste xeito, a retribución máxima por hora traballada non poderá superar os 40 €/hora, 33 €/hora e 20 €/hora (IVE non incluído), respectivamente, cunha limitación xeral máxima de 20 horas para a realización da pericia e de dúas horas polo tempo empregado para a asistencia ao xuízo.

2. Excepcionalmente, cando por razóns de especial complexidade o número de horas previsto para a elaboración do informe exceda as 20 horas, as horas a maiores serán aboadas á razón de 25 €/hora, 20 €/hora e 15 €/hora, respecto aos baremos fixados no punto anterior.

Para que unha proba pericial sexa considerada, para efectos de pagamento, de especial complexidade, deberá ser así apreciado polo órgano xudicial que a acordou, quen o xustificará convenientemente ante a dirección xeral competente en materia de xustiza.

Para estes efectos, presumirase que a proba pericial pode ser considerada de especial complexidade cando o número de persoas sobre as cales verse o ditame pericial exceda catro e así o aprecie o órgano xudicial que a acordou.

3. Aos/ás profesionais de carácter privado aboaránselles os gastos dos desprazamentos realizados, e que resulten documentalmente xustificados, á razón da quilometraxe establecida na normativa vixente sobre indemnizacións por razón do servizo na Administración xeral do Estado. En ningún caso se aboarán gastos de aparcadoiro.

Artigo 4. Procedemento para aboar os honorarios

1. Antes da realización da proba pericial, o/a técnico/a privado/a remitirá, a través do órgano xudicial que a acordou, á dirección xeral competente en materia de xustiza, unha previsión do seu custo económico para a súa aprobación, con observancia do disposto no apartado 3º do artigo 52 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

2. A minuta de honorarios axustarase á previsión de custo económico aprobada pola dirección xeral competente en materia de xustiza. En caso contrario, ou no suposto de que non exista a dita previsión, non se tramitarán as minutas de honorarios presentadas, salvo que se axusten ao disposto nesta orde.

Artigo 5. Pagamento adiantado das periciais xudiciais

1. A consellería con competencias en materia de xustiza pode adiantar o aboamento dos honorarios, unha vez que o órgano xudicial acredite a realización e entrega do ditame pericial solicitado, sen necesidade de que se adoptase resolución que poña fin ao proceso, polo que con carácter xeral non se atenderán solicitudes de provisión de fondos.

2. Unha vez realizado o aboamento, a consellería con competencias en materia de xustiza comunicarao ao órgano xudicial para os efectos da súa inclusión na taxación de custas.

Artigo 6. Reintegro económico

1. No suposto de que a consellería con competencias en materia de xustiza adiante o pagamento da peritaxe, pero unha vez adoptada a resolución que poña fin ao procedemento xudicial non corresponda á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia asumir o dito concepto, procederá o reintegro económico das cantidades aboadas en concepto de proba pericial.

Para tal fin, a parte obrigada ao pagamento procederá a facer efectivo o reintegro do importe da peritaxe aboado pola consellería con competencias en materia de xustiza, mediante o seu ingreso na conta do Tesouro público galego.

2. O previsto no número anterior será tamén de aplicación nos supostos de reintegro previstos no artigo 36 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta.

Disposición derradeira primeira. Aplicación da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza para adoptar os actos e resolucións oportunos para o desenvolvemento e axeitada aplicación e execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza