Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 21 de xuño de 2018 Páx. 30038

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, de prórroga do proxecto experimental para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Mediante a Orde do 16 de decembro de 2011 (DOG do 26 de decembro), modificada pola Orde do 13 de xuño de 2013 (DOG do 21 de xuño), autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

O artigo 11 da devandita orde establece que será competencia da comisión de seguimento do proxecto a emisión de informes relativos á procedencia da súa prorrogación, e o seu artigo 12 establece que logo de informe favorable de dita comisión poderá prorrogarse o proxecto en períodos de dous anos.

Igualmente, na disposición derradeira primeira da citada orde autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.

Mediante Resolución do 5 de xuño de 2014, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, á vista do informe da citada comisión de seguimento, prorrogou este proxecto por un período de dous anos. Posteriormente, mediante Resolución do 17 de xuño de 2016, esta dirección xeral autorizou unha nova prórroga por un período de dous anos.

Con data do 25 de maio de 2018, a Dirección do Conservatorio Profesional de Música da Coruña presentou unha nova solicitude de renovación ante esta dirección xeral.

Emitido informe favorable da comisión de seguimento con data do 6 de xuño de 2018, con base na adecuación do proxecto ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha, e na permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación,

RESOLVO:

Primeiro. Prorrogar, por un período de dous anos, o proxecto experimental para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de Música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Segundo. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2018

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa