Expediente: IN407A 2016/031-1.
Promotor: Unión Fenosa Distribución, S.A.
Instalación: recuamento LMT CDR-803 Porta do Sol.
Concello: Valdoviño.
Feitos.
1. O 16 de febreiro de 2016 o promotor solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica indicada.
2. Características técnicas:
– Reforma de liña eléctrica de media tensión aérea CDR-803 a 20 kV, cunha lonxitude de 0,117 km, coa orixe en apoio nº 18/6 existente da LMT CDR-803, no tramo da derivada ao CT Porta do Sol (expediente 7372), condutor tipo LA-30 mm2 (condutor existente) e final en apoio nº 18/7 proxectado, que substitúe o existente da LMT CDR-803, no tramo da derivada ao CT Porta do Sol (expediente 7372).
– Liña eléctrica de media tensión subterránea, a 20 kV, cunha lonxitude de 0,029 km, con orixe no paso de aéreo a subterráneo que se realizará no apoio nº 18/7 proxectado que substitúe o existente, da LMT CDR-803, condutor tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV 1×240 mm2 Al e final no CT Porta do Sol (expediente 7372).
3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:
– Resolución información pública: 2 de marzo de 2016.
– DOG: 4 de abril de 2016.
– BOP: 18 de marzo de 2016.
– Xornal La Voz de Galicia: 15 de abril de 2016.
– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 25 de abril de 2016.
Ao mesmo tempo, realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.
4. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións:
Eduardo S. Díaz Fraga, mediante escrito recibido o 22 de abril de 2016, propón unha solución técnica alternativa á do proxecto e manifesta a súa preocupación por que a liña soterrada impida a entrada de vehículos ao predio.
Destas alegacións deuse traslado ao promotor, que contestou mediante o escrito do 6 de marzo de 2018 valorando as alegacións presentadas por Eduardo S. Díaz Fraga e rexeitando o trazado alternativo proposto polo reclamante manifestando, en síntese, o seguinte:
– Que o deseño presentado é o máis axeitado para o fin perseguido.
– Na parcela afectada non se dan as limitacións á constitución da servidume do artigo 161 do Real decreto 1955/2000.
– Que se tentou acadar un acordo amigable co alegante, sen que ata o día de hoxe fose posible.
– Que a constitución da servidume de paso soterrado non limita nin impide o tránsito que se poida producir no predio.
– Que o prexuízo ocasionado no predio será valorado polo Xurado de Expropiación de Galicia.
Eduardo S. Díaz Fraga, mediante escrito recibido o 11 de abril de 2018, manifesta que non se opón á execución do proxecto, ben que o supedita a unha serie de condicionantes, entre outros, o seguinte:
– Non se permitirá o paso ou ocupación temporal do predio para a realización dos traballos de vixilancia, conservación e reparación do apoio e da liña indicada. Só no caso de que resulte indispensable, Unión Fenosa Distribución, S.A. deberá solicitar autorización escrita ao propietario, no cal se detallará a data de paso ou ocupación, así como a posible superficie que se vai ocupar.
O antedito escrito foi remitido a Unión Fenosa Distribución, S.A. para os efectos oportunos.
5. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.
6. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.
Consideracións legais e técnicas.
1. Lexislación de aplicación:
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).
– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).
– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
– Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 217, do 14 de novembro).
– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro).
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).
– Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).
2. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
3. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións do promotor, cómpre sinalar:
– Non procede atender o condicionado á obra e á servidume proposto por Eduardo S. Díaz Fraga, xa que vai en contra do contido do artigo 57 da Lei 24/2014, do 26 de decembro, do sector eléctrico e, ademais, non conta co acordo de Unión Fenosa Distribución.
4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal deberá achegar a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.
4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
A Coruña, 7 de xuño de 2018
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña