Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 15 de xuño de 2018 Páx. 29255

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 63/2018, do 31 de maio, polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Galega de Control da Violencia e o procedemento sancionador na materia.

A práctica da actividade deportiva é unha das manifestacións que en día de hoxe está máis arraigada na nosa sociedade, tanto na procura de desenvolvemento dunha serie de habilidades persoais ou colectivas como na procura dunha vida saudable e dunha mellora na calidade de vida de todas as persoas.

A consciencia desta realidade non pode facer obviar a existencia dunha especial sensibilidade e preocupación, tanto da cidadanía como das distintas administracións públicas, polos episodios de violencia con ocasión da práctica de competicións deportivas oficiais, preocupación que ten as súas máximas cotas cando, ademais, estes episodios de violencia acontecen con ocasión de competicións en que participan menores de idade.

A cada vez maior presenza da práctica deportiva e das competicións na vida diaria da cidadanía e nos distintos medios de comunicación e redes sociais leva a que todo o que acontece neste ámbito acade unha gran difusión, polo que se fai necesario tomar medidas en relación cos incidentes nos recintos deportivos provocados, co obxectivo de garantir un desenvolvemento ordenado dos acontecementos deportivos.

O certo é que hoxe en día é necesario dar cobertura e resposta ás denuncias neste ámbito e adoptar decisións derivadas dos incidentes provocados con ocasión da práctica de competicións oficiais deportivas de ámbito autonómico, provincial, zonal ou local, que garantan a boa orde deportiva, con pleno respecto ás competencias estatais en materia de seguridade pública.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22, atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte. Ao abeiro de tal competencia ditouse a Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia. En desenvolvemento desta lei aprobouse o Decreto 116/2004, do 27 de maio, polo que se creou a Comisión Galega para a Prevención da Violencia no Deporte.

A vixente Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, que derrogou a Lei 11/1997, do 22 de agosto, e a normativa de desenvolvemento desta, ten por obxecto promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia. A dita lei, no seu artigo 148, regula a Comisión Galega de Control da Violencia, configurándoa como un órgano colexiado de participación dos distintos sectores con intereses no ámbito da prevención e represión da violencia, de análise das súas causas e de exercicio da potestade sancionadora na materia. A lei, no número 3 do mesmo precepto e no seu artigo 164, remite a un ulterior desenvolvemento regulamentario tanto a regulación da composición da dita comisión como o establecemento do procedemento sancionador que se seguirá para o exercicio da potestade sancionadora atribuída á comisión. O dito desenvolvemento regulamentario, que corresponde efectuar á Administración autonómica conforme o artigo 5.1.u) do mesmo texto legal, lévase a cabo a través do presente decreto.

A Comisión Galega de Control da Violencia estará adscrita ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, e actuará, no exercicio das súas funcións, con independencia funcional respecto deste e dos restantes órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste punto, faise necesario sinalar que as funcións que se atribúen a esta comisión deben entenderse no marco do disposto na vixente Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, modificada pola Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e de conformidade co acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, sen que en ningún caso supoña menoscabo nin límite do exercicio competencial por parte da Administración xeral do Estado en materia de seguridade, protección de persoas e bens e mantemento da orde pública. Neste sentido, a Lei 19/2007, do 11 de xullo, contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, ademais de deixar expresamente a salvo, na disposición adicional oitava e na disposición derradeira primeira, as competencias autonómicas en materia de deporte e prevención da violencia en espectáculos públicos deportivos, prevé expresamente, no seu artigo 20.3.e), a función da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte, consistente en establecer mecanismos de colaboración e de cooperación coas comunidades autónomas para a execución das medidas previstas no precepto cando sexan competencia delas e, especialmente, cos órganos que con similares finalidades que a Comisión Estatal existan nas comunidades autónomas.

Este decreto estrutúrase en tres capítulos, cun total de 31 artigos, unha disposición adicional única, unha disposición derrogatoria única e dúas disposicións derradeiras.

No capítulo I recóllense as disposicións xerais. Os dous artigos que o compoñen establecen o obxecto e a natureza da comisión.

O capítulo II está integrado por dezaoito artigos en que se detallan as funcións da comisión, a súa composición, o nomeamento, o cesamento e a renuncia das persoas membros, a duración do mandato destas e os seus dereitos e obrigas. Ademais, prevese a posible participación de persoas asesoras expertas nas sesións da comisión, con voz e sen voto, e regúlase o réxime de funcionamento do órgano.

No capítulo III regúlase o procedemento sancionador nesta materia. Os once artigos deste capítulo detallan a normativa aplicable, así como o procedemento que se debe seguir na tramitación e resolución destes procedementos, garantindo o dereito de defensa e audiencia das persoas interesadas.

A disposición adicional regula as axudas de custo que correspondan ás vogalías da Comisión Galega de Control da Violencia, a disposición derrogatoria trata da derrogación das normas que resultan afectadas por esta norma e as disposicións derradeiras regulan a facultade de desenvolvemento da norma e a entrada en vigor.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta e un de maio de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Das disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto regular a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Control da Violencia, así como o procedemento sancionador que se seguirá para o exercicio da potestade sancionadora atribuída á dita comisión.

Artigo 2. Natureza da Comisión Galega de Control da Violencia

1. A Comisión Galega de Control da Violencia, nos termos e de acordo coas funcións que lle atribúe a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, é un órgano colexiado de participación dos distintos sectores con intereses no ámbito da prevención e represión da violencia, de análise das súas causas e de exercicio da potestade sancionadora na materia, no ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Comisión adscríbese ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

CAPÍTULO II

Funcións, composición e réxime de funcionamento da comisión

Artigo 3. Funcións da Comisión Galega de Control da Violencia

1. A Comisión Galega de Control da Violencia ten as seguintes funcións:

a) A instrución e resolución dos expedientes sancionadores pola comisión das infraccións contidas nos artigos 157, 158 e 159 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, con ocasión de competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico, provincial, zonal ou local organizadas polas entidades deportivas galegas, consideración que terán aquelas competicións que, realizándose en Galicia, sexan incluídas polas federacións deportivas galegas no calendario oficial, sen que en ningún caso se refiran a materias cuxo exercicio competencial se atribúe á Administración xeral do Estado en materia de seguridade, protección de persoas e bens e mantemento da orde pública.

b) Formular peticións razoadas de incoación de expedientes sancionadores en materia de violencia ao Comité Galego de Xustiza Deportiva e ás autoridades públicas competentes para tal incoación.

c) Elaborar informes e estudos sobre as causas e os efectos da violencia no deporte.

d) Recoller e publicar anualmente os datos sobre violencia nas competicións deportivas realizadas en Galicia e realizar unha memoria anual.

e) Elaborar e difundir programas de prevención e loita contra a violencia no deporte.

f) Proporcionar ás entidades deportivas galegas e ás persoas organizadoras de competicións deportivas os datos e os consellos que poidan facilitar a prevención da violencia.

g) Emitir informe preceptivo sobre os anteproxectos de leis e proxectos de disposicións regulamentarias de iniciativa autonómica referentes a espectáculos e competicións deportivas, disciplina deportiva e instalacións deportivas.

h) Recomendar ás entidades deportivas galegas adecuaren as súas normas de funcionamento interno coa finalidade de teren en conta no seu réxime disciplinario o incumprimento das normas relativas á violencia deportiva.

i) Establecer mecanismos de colaboración e de cooperación coas comunidades autónomas, o Estado e a Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte en materia de violencia no deporte e, especificamente, cos órganos que, con similares finalidades ás da citada Comisión Estatal, existan nas comunidades autónomas.

j) Dar traslado ao Ministerio Fiscal daquelas situacións que poidan ser constitutivas de delicto.

2. En todas as funcións da Comisión Galega de Control da Violencia se terá en conta de xeito transversal a integración da perspectiva de xénero e a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

Artigo 4. Composición

1. A Comisión Galega de Control da Violencia estará composta por unha presidencia, unha vicepresidencia e 15 vogalías.

2. Formarán parte da Comisión Galega de Control da Violencia:

a) A persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, que exercerá a Presidencia.

b) Unha persoa en representación do órgano competente en materia de deporte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que exercerá a Vicepresidencia, designada pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

c) Unha persoa en representación do órgano competente en materia de emerxencias e interior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, designada pola persoa titular do dito órgano.

d) Unha persoa en representación do órgano competente en materia de educación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, designada pola persoa titular do dito órgano.

e) As persoas que ocupen o posto de xefatura de servizo de deportes en cada unha das xefaturas territoriais.

f) Dúas persoas que teñan ou tivesen a condición de colexiadas ou xuízas deportivas designadas pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

g) Dúas persoas en representación das federacións deportivas galegas, das cales unha será designada pola federación deportiva galega que teña outorgadas máis licenzas e a outra por proposta das federacións deportivas galegas.

h) Dúas persoas que teñan ou tivesen a condición de deportistas federadas designadas pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

i) Dúas persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito de competencias da comisión, designadas polas facultades dedicadas a ensinanza universitaria do deporte e da educación física no Sistema universitario galego.

j) Unha persoa en representación do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia. No caso de non existir un colexio oficial único en Galicia, a vogalía será desempeñada pola persoa proposta polos colexios oficiais existentes de xeito sucesivo e rotativo, conforme a súa orde alfabética.

3. Designarase, igualmente, unha persoa suplente por cada vogalía titular e da vicepresidencia para os supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou concorrencia dalgunha causa xustificada. Esta designación será realizada por quen teña atribuída a designación da persoa titular.

4. A Comisión Galega de Control da Violencia contará cun secretario ou secretaria. A persoa que ocupe a secretaría terá a condición de empregada pública ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma e asistirá ás reunións da Comisión con voz pero sen voto. A designación e o cesamento, así como a substitución temporal da persoa que exerza a secretaría en supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, realizarase conforme o disposto no artigo 11.

Artigo 5. Nomeamento, aceptación e duración do mandato

1. A competencia para o nomeamento das vogalías e da vicepresidencia da Comisión Galega de Control da Violencia, tanto das persoas titulares como das suplentes, corresponde á persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

2. Na composición da Comisión Galega de Control da Violencia procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

3. Feito o nomeamento, este producirá efecto desde a aceptación. Para tal efecto, as persoas nomeadas deberán aceptar o nomeamento expresamente e por escrito, dentro do prazo dos quince días seguintes ao do nomeamento.

4. A duración do mandato das persoas vogais e da vicepresidencia da Comisión Galega de Control da Violencia será de catro anos, que se contarán a partir da data de nomeamento.

5. No caso de que a designación se faga en función do posto ocupado, o mandato manterase en canto ocupen o posto que determinase a súa designación.

6. De producirse algunha vacante, ausencia, enfermidade ou a concorrencia dalgunha causa xustificada, garantirase en todo momento a existencia de, cando menos, unha persoa suplente. Esta suplente ocupará o posto de vogal durante o período de vacante, ausencia, enfermidade ou concorrencia dalgunha causa xustificada.

7. Transcorrido o prazo de catro anos previsto no número 4, se por calquera causa se demora o nomeamento de novas vogalías ou vicepresidencia da comisión, as persoas cesantes seguirán desempeñando as súas funcións ata o nomeamento dos novos membros.

Artigo 6. Cesamentos

1. Son causas de cesamento as seguintes:

a) Expiración do prazo do mandato.

b) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

c) Incapacidade ou inhabilitación para ocupar cargo público declarada por resolución xudicial firme.

d) Por perda do posto ocupado no caso de que a designación se faga en función do seu posto ocupado.

f) Por remoción por incumprimento grave das súas obrigas.

g) Por remoción por proposta dos órganos e/ou sectores e respecto ás persoas que os representan.

2. A competencia para o cesamento corresponde á persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

Artigo 7. Renuncia

1. A renuncia voluntaria á condición de vogal ou da vicepresidencia da Comisión Galega de Control da Violencia deberá ser manifestada por escrito e será aceptada expresamente polo órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

2. A renuncia non impedirá que a persoa que a formulou poida volver ser nomeada como vogal ou vicepresidenta da comisión.

Artigo 8. Dereitos e obrigas das persoas membros

Ás persoas membros da Comisión Galega de Control da Violencia correspóndelles:

a) Asistir ás sesións e participar nelas.

b) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

c) Cantos outros dereitos e deberes sexan inherentes á súa condición de membro dun órgano colexiado.

Artigo 9. Presidencia

1. Á Presidencia, sen prexuízo dos demais dereitos, obrigas e funcións que ten como membro da Comisión, correspóndelle:

a) Representar a Comisión Galega de Control da Violencia.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias.

c) Fixar a orde do día das sesións.

d) Presidir, abrir e levantar as sesións.

e) Dirixir as deliberacións, dando a palabra a cada vogal, moderar o desenvolvemento dos debates, suspender estes por causas xustificadas e limitar, se for o caso, a súa duración para permitir a participación de todas as persoas e garantir a boa marcha das sesións.

f) Decidir co seu voto os empates que se poidan producir para os efectos de adoptar acordos.

g) Visar as actas e certificacións dos acordos da Comisión Galega de Control da Violencia.

h) As demais que sexan inherentes á súa condición.

2. A persoa titular da Presidencia poderá delegar na persoa titular da Vicepresidencia aquelas funcións propias que considere necesario e sexan susceptibles de delegación.

Artigo 10. Vicepresidencia

As funcións da Vicepresidencia serán, sen prexuízo dos demais dereitos, obrigas e funcións que ten como membro da Comisión Galega de Control da Violencia, entre outras, as seguintes:

a) Substituír a persoa titular da presidencia en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

b) As demais que lle sexan encomendadas pola Presidencia.

Artigo 11. Secretaría

1. A Comisión Galega de Control da Violencia contará cun secretario ou unha secretaria designada pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte de entre as persoas que teñan a condición de empregada pública ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma dese órgano.

2. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade ou outra causa legal, a persoa que exerza a secretaría será substituída por outra persoa que teña a condición de empregada pública ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma, nomeada para estes efectos pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

3. Corresponde ao secretario ou secretaria da Comisión Galega de Control da Violencia:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións da Comisión Galega de Control da Violencia por orde da presidencia, así como as citacións ás persoas membros da Comisión.

c) Recibir os actos de comunicación das persoas membros coa comisión e, por tanto, as notificacións, peticións de información ou datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que se deba ter coñecemento.

d) Velar pola legalidade formal e material das actuacións do órgano colexiado e garantir que os procedementos e as regras de constitución e adopción de acordos son respectadas.

e) Preparar de forma concisa e completa os expedientes para coñecemento das persoas membros da Comisión Galega de Control da Violencia.

f) Levar a repartición de asuntos e asignación de relatorios entre as persoas membros da Comisión, de acordo co sistema de quenda que aqueles teñan establecido.

g) Conservar e custodiar a documentación e arquivos da Comisión Galega de Control da Violencia.

h) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

i) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

j) Notificar ás persoas ou entidades interesadas as resolucións da Comisión Galega de Control da Violencia.

k) Cantas outras funcións sexan inherentes á condición de secretario ou secretaria da Comisión Galega de Control da Violencia.

4. O cesamento poderá acordalo a persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

Artigo 12. Persoas asesoras externas

1. A persoa que exerce a presidencia da Comisión Galega de Control da Violencia poderá convocar, por iniciativa propia ou por solicitude de ao menos catro membros da Comisión, ás sesións desta, en calidade de asesores, persoas que polo seu prestixio profesional, capacitación técnica e preparación teñan a consideración de expertas na materia.

2. As persoas mencionadas no número anterior asistirán ás reunións con voz pero sen voto.

Artigo 13. Axudas de custo

A pertenza á Comisión Galega de Control da Violencia ou a participación de persoas especializadas nela non dará lugar a retribución ningunha, pero as persoas membros da Comisión terán dereito ao aboamento das axudas de custo que procedan de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 14. Sesións

1. A Comisión Galega de Control da Violencia reunirase en sesión ordinaria cantas veces sexa necesario para o exercicio das súas funcións e, como mínimo, dúas veces durante o ano natural.

2. En sesión extraordinaria poderá reunirse por iniciativa da Presidencia ou por petición da metade máis un das persoas membros da Comisión Galega de Control da Violencia.

Artigo 15. Convocatorias e quórum da constitución

1. As convocatorias serán realizadas por orde da Presidencia cunha antelación mínima de sete días naturais. Na convocatoria fixarase o día, o lugar e a hora de celebración da sesión, así como a súa orde do día.

2. Quedarán dispensadas da devandita antelación mínima aquelas sesións que revistan urxencia. Neste caso, deberá garantirse que a recepción da convocatoria urxente polas persoas membros da Comisión se realiza cunha antelación mínima de 48 horas.

3. Salvo que non resulte posible, as convocatorias serán remitidas ás persoas membros da Comisión a través de medios electrónicos, facendo constar nela a orde do día xunto coa documentación necesaria para a súa deliberación cando sexa posible, as condicións en que se vai a celebrar a sesión, o sistema de conexión e, se for o caso, os lugares en que estean dispoñibles os medios técnicos necesarios para asistir e participar na reunión.

4. Para a válida constitución da Comisión Galega de Control da Violencia, para os efectos de celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requírese a presenza das persoas que exercen a presidencia e a secretaría, ou as que as substitúan, e a da metade ao menos das persoas membros da Comisión.

Artigo 16. Orde do día das sesións

1. As persoas membros da Comisión Galega de Control da Violencia poderán pedir á Presidencia a inclusión dalgún punto na orde do día, sempre que se faga cunha antelación mínima de 15 días á convocatoria.

2. A Presidencia da Comisión poderá denegar a inclusión da petición formulada na orde de día, motivando esa non inclusión.

Artigo 17. Adopción de acordos

1. Os acordos da Comisión Galega de Control da Violencia serán adoptados por maioría simple das persoas membros da Comisión presentes e os empates dirimiranse mediante o voto de calidade da Presidencia.

2. O sistema de votación responderá aos principios de voto directo e persoal e debe garantir o voto segredo cando calquera dos seus integrantes o solicite á Presidencia.

3. As persoas integrantes da Comisión Galega de Control da Violencia poderán delegar o seu voto noutras persoas integrantes, agás nas deliberacións e acordos relativos a procedementos sancionadores.

Artigo 18. Votos particulares

1. As persoas membros da Comisión Galega de Control da Violencia poderán formular voto particular discrepante co acordo da maioría, sempre que o anuncien antes de levantarse a sesión.

2. Os votos particulares terán que remitirse por escrito, dentro dun prazo de corenta e oito horas desde a finalización da sesión, á secretaría da Comisión Galega de Control da Violencia.

Artigo 19. Actas

1. De cada sesión da Comisión Galega de Control da Violencia levantarase acta, a cal expresará o seguinte:

a) Orde do día da reunión.

b) Data, hora e lugar da sesión.

c) Nome e apelidos das persoas asistentes e representación que exercen.

d) Temas tratados, recollendo os puntos principais das deliberacións.

e) Na acta figurará, por solicitude das persoas membros, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue no acto, ou no prazo que sinale o presidente, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, e farase constar así na acta ou unirase copia a esta.

2. As actas deberán ser asinadas pola Secretaría co visto e prace da Presidencia e serán sometidas á aprobación na mesma reunión ou na inmediata seguinte.

3. Quen acredite a titularidade dun interese lexítimo poderá dirixirse á Secretaría para que lle sexa expedida certificación dos acordos adoptados.

Artigo 20. Réxime xurídico

A Comisión Galega de Control da Violencia rexerase polos preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, pola regulación sobre órganos colexiados contida na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo presente decreto e polo seu regulamento de réxime interno de funcionamento.

CAPÍTULO III

Procedemento sancionador

Artigo 21. Normativa aplicable

Na tramitación, resolución e notificación dos procedementos sancionadores en materia de violencia no deporte de competencia da Comisión Galega de Control da Violencia será aplicable o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 40/2015, de 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e polo disposto no presente decreto.

Artigo 22. Inicio do procedemento sancionador

1. Os procedementos sancionadores serán iniciados de oficio por acordo da Comisión Galega de Control da Violencia, ben por propia iniciativa ou como consecuencia de orde superior, por petición razoada doutros órganos ou por denuncia.

2. Poderá iniciarse un procedemento a iniciativa propia como consecuencia do coñecemento directo ou indirecto pola Comisión de circunstancias, conductas ou feitos susceptibles de ser constitutivos de infracción.

3. Poderá iniciarse un procedemento como consecuencia de orde superior que indicará, na medida do posible, a persoa ou persoas presuntamente responsables; as condutas ou feitos que puidesen constituír infracción administrativa e a súa tipificación, así como o lugar, a data, datas ou período de tempo continuado en que os feitos se produciron.

4. Poderá iniciarse un procedemento como consecuencia de petición razoada doutros órganos que non teñan a competencia para inicialo e que tivesen coñecemento das circunstancias, condutas ou feitos obxecto do procedemento, ben ocasionalmente ou ben por ter atribuídas funcións de inspección, pescuda ou investigación. As peticións deberán especificar, na medida do posible, a persoa ou persoas presuntamente responsables; as condutas ou feitos que poidan constituír infracción administrativa e a súa tipificación; así como o lugar, a data, datas ou período de tempo continuado en que os feitos se produciron.

5. Poderá iniciarse un procedemento como consecuencia de denuncia formulada por calquera persoa, en cumprimento ou non dunha obrigación legal, pola que pon en coñecemento da Comisión Galega de Control da Violencia a existencia dun determinado feito que poida xustificar a iniciación de oficio dun procedemento sancionador.

As denuncias deberán expresar a identidade da persoa ou persoas que as presentan e o relato dos feitos que se poñen en coñecemento da Administración, así como a data da súa comisión e, cando sexa posible, a identificación dos presuntos responsables.

A presentación dunha denuncia non confire, por si soa, a condición de persoa interesada no procedemento.

6. Recibida a orde superior, a petición de inicio ou denuncia, incluirase na orde do día da seguinte reunión da Comisión o debate sobre tales iniciativas.

7. A petición de inicio ou denuncia non vinculan a Comisión para iniciar o procedemento, aínda que deberá comunicar á persoa que a formulase os motivos polos que, se for o caso, non procede a iniciación.

8. Cando a denuncia invoque un prexuízo no patrimonio das administracións públicas, a non iniciación do procedemento deberá ser motivada e notificarase aos denunciantes a decisión de se se iniciou ou non o procedemento

Artigo 23. Acordo de incoación.

1. O acordo de incoación dos procedementos sancionadores a que se refire o presente decreto corresponde adoptalo á Comisión Galega de Control da Violencia.

2. O acordo de incoación deberá conter a designación dunha persoa instrutora e dunha persoa secretaria, que deberán ter a condición de persoa membro da Comisión Galega de Control da Violencia, así como os restantes aspectos exixidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas membros designadas como instrutoras e secretarias dun procedemento sancionador deberán absterse na deliberación e votación sobre o expediente en cuxa instrución interviñesen.

3. O acordo de incoación notificarase aos interesados, entendendo en todo caso por tal o inculpado, e a persoa instrutora do procedemento, con traslado das actuacións existentes.

4. Con anterioridade ao acordo de iniciación, a Comisión Galega de Control da Violencia poderá abrir un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias do caso concreto e mais a conveniencia ou non de iniciar o procedemento.

Artigo 24. Instrución

1. Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos feitos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución realizaraos de oficio a persoa instrutora, sen prexuízo do dereito das persoas interesadas a propoñer aquelas actuacións que requiran a súa intervención ou constitúan trámites legais ou regulamentariamente establecidos.

2. En calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia as persoas interesadas poderán facer alegacións e achegar documentos ou outros elementos de xuízo, os cales serán tidos en conta pola persoa instrutora ao redactar a proposta de resolución.

3. Os feitos relevantes para a decisión dun procedemento poderán acreditarse por calquera medio de proba admisible en dereito. Cando a Comisión Galega de Control da Violencia non teña por certos os feitos alegados polas persoas interesadas ou a natureza do procedemento o exixa, a persoa instrutora acordará a apertura dun período de proba por un prazo non superior a trinta días nin inferior a dez, co fin de que poidan practicarse cantas xulgue pertinentes. Así mesmo, cando o considere necesario, o instrutor, por petición dos interesados, poderá decidir a apertura dun período extraordinario de proba por un prazo non superior a dez días.

A persoa instrutora do procedemento só poderá rexeitar as probas propostas polas persoas interesadas cando sexan manifestamente improcedentes ou innecesarias, mediante resolución motivada. A persoa instrutora comunicará ás persoas interesadas, con antelación suficiente, o inicio das actuacións necesarias para a realización das probas que fosen admitidas. Na notificación consignarase o lugar, a data e a hora en que se practicará a proba, coa advertencia de que a persoa interesada pode nomear persoas técnicas que a asistan.

4. Nos casos en que, por petición do interesado, deban efectuarse probas cuxa realización implique gastos que non deba soportar a Administración, esta poderá exixir o anticipo destes, a reserva da liquidación definitiva, unha vez practicada a proba. A liquidación dos gastos practicarase unindo os comprobantes que acrediten a realidade e contía destes.

5. A persoa instrutora solicitará os informes que xulgue necesarios para resolver. Os informes serán emitidos no prazo de dez días. De non emitirse o informe no prazo sinalado, e sen prexuízo da responsabilidade en que incorra a persoa responsable da demora, poderanse proseguir as actuacións.

Cando por razón da materia ou do obxecto do procedemento sexa necesario contar, para ter un axeitado xuízo de valor, con coñecementos profesionais ou técnicos específicos, a comisión poderá solicitar informes externos. Para a emisión dos ditos informes solicitarase a colaboración dos colexios profesionais e federacións, que determinarán a persoa que realice o informe.

Artigo 25. Trámite de audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas o expediente sancionador e a documentación que constan nel, para o que se terán en conta as limitacións previstas, se for o caso, na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

2. As persoas interesadas, nun prazo non inferior a dez días nin superior a quince, poderán alegar e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

3. Se antes do vencemento do prazo as persoas interesadas manifestan a súa decisión de non efectuaren alegacións nin achegaren novos documentos ou xustificacións, terase por realizado o trámite.

Artigo 26. Proposta de resolución

1. Finalizado o trámite de audiencia regulado no artigo anterior, a persoa instrutora formulará, no prazo máximo de dez días, a correspondente proposta de resolución, que deberá notificarse ás persoas interesadas indicando a posta de manifesto do procedemento e o prazo para formular alegacións e presentar os documentos e informacións que considere pertinentes.

2. Transcorrido o prazo concedido neste trámite de audiencia, a persoa instrutora elevará o expediente á comisión para que dite resolución na primeira reunión que se celebre.

Artigo 27. Órgano competente para resolver

O órgano competente para resolver os procedementos sancionadores regulados no presente decreto é a Comisión Galega de Control da Violencia.

Artigo 28. Resolucións

1. As resolucións da Comisión Galega de Control da Violencia adoptaranse en sesión desta, logo da deliberación e votación. Da sesión levantarase acta na que se recolla o contido dos acordos adoptados e os restantes aspectos previstos no artigo 19.

2. As resolucións deberán ser motivadas, con expresión dos feitos e fundamentos legais que xustifiquen o acordo que se adopte, e incluirá a valoración das probas practicadas, en especial aquelas que constitúan os fundamentos básicos da decisión, fixarán os feitos e, se for o caso, a persoa ou persoas responsables, a infracción ou infraccións cometidas e a sanción ou sancións que se impoñen, ou ben a declaración de non existencia de infracción ou responsabilidade, así como os recursos que contra elas procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o cal deban presentalos e o prazo para interpoñelos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren oportuno.

3. No suposto de que algunha persoa membro da Comisión Galega de Control da Violencia queira incluír na resolución que se dite un voto particular, deberá anuncialo no momento da votación en que resulte a adopción de acordo en sentido contrario ao do seu voto. Do exercicio deste dereito e do contido do voto particular deixarase constancia na acta que se levante.

Artigo 29. Publicidade das resolucións

Con independencia da correspondente notificación persoal ou notificación por medio de anuncios nos supostos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, poderá acordarse a publicación das resolucións, cando o aconsellen razóns de interese público apreciadas polo órgano que ditou a resolución. A publicación deberá respectar o dereito á honra e á intimidade das persoas conforme a legalidade vixente.

Artigo 30. Recursos

As resolucións que dite a Comisión Galega de Control da Violencia esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 31. Execución das resolucións

1. As resolucións sancionadoras serán executivas cando non caiba contra elas recurso ordinario na vía administrativa.

2. Cando a resolución sexa executiva, poderase suspender preventivamente, se o interesado manifesta á Administración a súa intención de interpoñer recurso contencioso-administrativo contra a resolución firme en vía administrativa.

3. As federacións deportivas galegas actuarán como axentes colaboradores da Administración, baixo a súa tutela e coordinación, na execución das resolucións sancionadoras ditadas pola Comisión.

Disposición adicional única. Axudas de custo das persoas membros da Comisión Galega de Control da Violencia que non teñan a condición de persoal ao servizo da Administración autonómica

Será de aplicación, para a determinación das axudas de custo das persoas membros da Comisión Galega de Control da Violencia que non teñan a condición de persoal ao servizo da Administración autonómica, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de decembro de 1995 ou, se for o caso, o acordo ou norma que o substitúa.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente por razón da materia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto no relativo á organización e materias propias da respectiva consellería.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza