De acordo co previsto no artigo 5 do Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por persoal funcionario docente que imparten ensinanzas de niveis non universitarios.
A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos resolve anunciar:
Primeiro. Que no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, www.edu.xunta.es, estará dispoñible a convocatoria de concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para cubrir prazas de persoal asesor nesta consellería.
Segundo. Que o prazo de presentación de instancias será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Que as persoas que desexen participar no concurso deberán cubrir a solicitude que figura como anexo III da convocatoria, dirixidas ao director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e presentala, coa documentación a que fai referencia o artigo 4 da orde de convocatoria, da forma que se indica no seu artigo 3.
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2018
José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos