Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 12 de xuño de 2018 Páx. 28756

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2018 pola que se acorda a publicación do Convenio de colaboración entre as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña para a constitución do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG).

As universidades públicas galegas de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinaron o 28 de maio de 2018 un convenio de colaboración en que se establece a creación do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG).

Procede, en consecuencia, publicar no Diario Oficial de Galicia o citado convenio de creación do CISUG.

Por todo o anterior, os reitores das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLVEN:

Publicar no Diario Oficial de Galicia o convenio de colaboración entre as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña para a constitución do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia, así como os seus estatutos.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura,
Educación e Ordenación
Universitaria

Juan Manuel Viaño Rey
Reitor da Universidade
de Santiago de Compostela

Julio Abalde Alonso
Reitor da Universidade
da Coruña

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade
de Vigo

Convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela,

Vigo e A Coruña e constitución do Consorcio Interuniversitario

do Sistema Universitario de Galicia

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018

Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo,

para a constitución do Consorcio Interuniversitario do Sistema

Universitario de Galicia (CISUG)

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018

COMPARECEN:

Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en representación da Xunta de Galicia ao abeiro do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Julio Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña, en representación desta institución ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Juan Manuel Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, en funcións, en representación desta institución ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Salustiano Mato de la Iglesia, reitor da Universidade de Vigo, en funcións, en representación desta institución ao abeiro do artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

DECLARAN:

Que a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, establece que as universidades, no exercicio da súa corresponsabilidade, deberán crear un contorno de colaboración mutua, unificando esforzos para acadar obxectivos que lles son comúns.

Neste sentido, a lei prevé a creación dunha nova figura xurídica, o consorcio interuniversitario, que debe afondar no papel impulsor das universidades, comprometidas coa sociedade de que forman parte indisoluble.

Que o artigo 66 da citada norma establece que as universidades públicas do Sistema universitario de Galicia constituirán un consorcio interuniversitario para a xestión de servizos da súa competencia ou para a consecución de fins de interese común.

Tamén indica que a Xunta de Galicia poderá participar no antedito consorcio a través do departamento competente en materia de universidades.

Que as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo en virtude deste acto manifestan a súa vontade de actuación colaborativa en calquera área de xestión en que as tres universidades e a Xunta de Galicia necesiten actuar de maneira conxunta e coordinada.

Que as universidades xa teñen experiencia en participar en entidades colaborativas, como o Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión Universitaria, ou o Consorcio de Bibliotecas de Galicia (Bugalicia), ou coa Xunta de Galicia en entidades sen personalidade xurídica como na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

Este novo consorcio suporá un fito importante de agregación de recursos entre todas as universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), alén dun fluxo de comunicación constante para dar respostas aos problemas de xestión.

Deste modo, preténdese crear un único consorcio xeral que agrupe as actuacións levadas a cabo ata a data en distintas entidades e poñer en marcha novas áreas de colaboración que redunden nunha maior eficiencia ou eficacia do Sistema universitario de Galicia ou na consecución de fins de interese común.

As partes entenden que xestionar elementos dunha forma integrada aforrará custos, fomentará a colaboración e proporcionará unha maior transparencia e unha información rápida, auténtica e de calidade ao Sistema universitario de Galicia.

Que un sistema de colaboración na xestión por agregación de elementos é unha peza necesaria para unha nova xestión da Administración e vai beneficiar tanto as persoas usuarias membros da comunidade universitaria como as administracións públicas e a sociedade en xeral.

Así mesmo, a planificación do financiamento do Sistema universitario de Galicia establece a primacía das políticas de colaboración entre as universidades, polo que o consorcio pode ser un instrumento para poñer en prácticas estas políticas colaborativas.

Por todo o anterior, as partes aquí reunidas pretenden crear o Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG) ao abeiro da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, con base nas seguintes:

CLÁUSULAS

Primeira. Obxecto

As partes asinantes consideran de interese converxer cara a sistemas colaborativos de actuación en determinadas áreas, así como aos ámbitos de xestión integrados, que introduzan homoxeneidade nos procesos e faciliten o intercambio de información.

Que neste senso acordan crear o Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG).

Segunda. Compromisos

As partes asinantes comprométense a:

a) Realizar actuacións de forma coordinada en materias de interese común.

b) Participar nos procedementos de acceso e admisión de estudantes mediante unha fórmula colaborativa.

c) Planificar, deseñar e implantar sistemas de xestión e informáticos comúns nos ámbitos da xestión universitaria.

d) Unificar e integrar procesos e trámites para poder obter información normalizada común, sen prexuízo das peculiaridades propias de cada institución.

e) Xestionar de forma coordinada as súas políticas de inserción laboral.

f) Xestionar de forma coordinada o acceso á universidade.

g) Colaborar na adquisición e desenvolvemento de equipamentos, aplicacións informáticas, subministracións de material científico e bibliográfico, etc., para o aforro de custos e gastos de implantación.

h) Calquera outro ámbito de xestión que poida ser de interese común e que redunde nunha maior eficiencia e eficacia do Sistema universitario de Galicia ou na consecución de fins de interese común.

i) Realizar as achegas anuais necesarias para o funcionamento do Consorcio que se acorden.

Terceira. Ámbito de colaboración

As partes colaborarán en:

a) Promover e difundir unha cultura de calidade, eficiencia e transparencia no ámbito das universidades do sistema galego.

b) Establecer os procedementos de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais e de admisión de alumnado ás universidades do SUG.

c) Acordar as accións necesarias no caso de titulacións que sexan impartidas de xeito conxunto por máis dunha universidade do SUG.

d) Desenvolver proxectos colaborativos de calquera tipo que redunden nunha maior eficiencia, eficacia ou consecución de fins de interese común do Sistema universitario de Galicia, ben con fondos propios dos membros do Consorcio ou con achegas de calquera outra entidade pública ou privada nacional ou internacional con que se considere de interese colaborar.

e) Impulsar, apoiar e abordar iniciativas de fomento da igualdade no ámbito do Sistema universitario de Galicia e da sociedade en xeral que busquen unha maior participación das mulleres na comunidade universitaria.

f) Establecer, impulsar e abordar políticas de empregabilidade e xestionar de forma coordinada a inserción laboral dos seus titulados e tituladas e colaborar nas políticas activas de emprego, na dinamización das iniciativas empresariais de base tecnolóxica (IEBT) e en calquera outra fórmula que posibilite o desenvolvemento profesional e laboral de calidade do alumnado universitario.

g) Realizar desenvolvementos informáticos e procedementais que poderán abranguer a xestión académica, xestión da investigación, xestión económica, sistemas de información á dirección e impulso da administración electrónica, e a unificación da información derivada destes procesos.

h) Adquirir, de xeito centralizado, ferramentas informáticas, material científico ou bibliográfico ou calquera outra subministración ou servizo que comporte aforros para o conxunto do Sistema universitario galego.

i) Calquera outra actuación de xestión ou colaboración que así figure na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, ou se acorde entre as partes e se aprobe na Xunta de Goberno do Consorcio.

Cuarta. Constitución do Consorcio

Co obxecto de xestionar este convenio e, por tanto, a colaboración que del deriva, a Xunta de Galicia e as universidades da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo constitúen o Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG), o cal terá plena personalidade xurídica, cos órganos que se reflicten nos estatutos, recollidos no anexo I.

As partes aprobarán e realizarán achegas económicas para o funcionamento e actuacións do CISUG, ben en diñeiro, en especie ou ben en compromisos de actuacións, avaliables economicamente no momento en que se aprobe cada orzamento anual do Consorcio. Anualmente fixarase a contía destinada para a planificación do exercicio.

As partes comprométense a pór á disposición do CISUG medios persoais, materiais, aplicacións informáticas, ou de uso de inmobles, etc., que deberán ser valoradas como achegas ao Consorcio. A súa valoración será aprobada polo órgano de goberno que estatutariamente se estableza.

Quinta. Órganos de goberno

Os órganos de goberno do CISUG serán os que se establezan nos estatutos.

Sexta. Comisión de seguimento

Para a verificación e fiscalización da execución do presente convenio nomearase unha comisión de seguimento. Esta comisión estará constituída por un representante da Xunta de Galicia e polos tres reitores das universidades do Sistema universitario de Galicia, ou polas persoas en que deleguen.

Sétima. Separación

Calquera dos membros do CISUG poderá separarse se outro dos seus membros incumprir algunha das súas obrigacións estatutarias e, en particular, aquelas que impidan a realización do obxecto para o cal aquel foi creado, como a obrigación de realizar achegas ao fondo patrimonial.

O dereito de separación deberá exercerse mediante un escrito notificado ao máximo órgano de goberno do CISUG. No escrito deberá facerse constar o incumprimento que motiva a separación, a formulación de requirimento para corrixilo e o transcurso do prazo outorgado para cumprilo. As consecuencias da separación serán as que se fixen nos estatutos.

Oitava. Xurisdición

As controversias que puideren xurdir da interpretación do presente convenio serán resoltas pola antedita comisión de seguimento e, en última instancia, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, con competencia material dada a natureza pública das institucións asinantes.

Novena. Vixencia

Este convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e estará vixente ata que se produza a extinción ou liquidación do consorcio que se constitúe en virtude del, e pode extinguirse, así mesmo, por acordo das partes.

Décima. Integración doutras estruturas

Coa sinatura do presente convenio iniciaranse os trámites para a liquidación e, se for o caso, integración no CISUG do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións de xestión universitaria (CIXUG) e do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (Bugalicia), o que deberá ser previamente aprobado polos respectivos órganos de goberno dos consorcios que se integran.

Para estes efectos nomearase no prazo dun mes unha comisión de integración en que se determinarán os elementos económicos, materiais, organizativos e de persoal que se requiren e as achegas das partes, así como para aprobar os procedementos de disolución que procedan.

Estatutos do Consorcio Interuniversitario

do Sistema Universitario de Galicia (CISUG)

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Disposicións xerais

A Xunta de Galicia e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo constitúen, con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, un consorcio, de conformidade coa Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia e coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

O consorcio regularase polo establecido nas citadas leis, na normativa autonómica de desenvolvemento na lexislación universitaria e polos seus propios estatutos.

O consorcio terá duración indefinida.

Artigo 2. Denominación, adscrición e domicilio

O consorcio denomínase Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG).

O CISUG estará adscrito á Universidade de Santiago de Compostela.

Terá o seu domicilio no Pazo de San Xerome, Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela.

Artigo 3. Obxecto

O CISUG ten como obxectivo a cooperación organizativa, económica, técnica e administrativa do Sistema universitario galego, para acadar unha maior calidade e eficiencia das universidades que o constitúen.

Artigo 4. Fins e funcións

Para a realización do seu obxecto, as entidades consorciadas colaborarán:

1. No desenvolvemento de proxectos colaborativos que redunden nunha maior eficiencia, eficacia ou consecución de fins de interese común do Sistema universitario de Galicia, ben con fondos propios dos membros do Consorcio ou con achegas de calquera outra entidade pública ou privada nacional ou internacional con que se considere de interese colaborar.

2. No deseño e xestión dos procedementos de acceso e admisión de estudantes á universidade mediante unha fórmula colaborativa.

3. No establecemento e impulso de políticas activas de emprego e na xestión de forma coordinada da inserción laboral dos seus titulados, na dinamización das iniciativas empresariais de base tecnolóxica (IEBT), así como en calquera outra fórmula que posibilite o desenvolvemento profesional e laboral de calidade do alumnado universitario.

4. No establecemento das accións necesarias no caso de titulacións que sexan impartidas de xeito conxunto por máis dunha universidade do Sistema universitario de Galicia (SUG).

5. En impulsar, apoiar e levar a cabo iniciativas de fomento da igualdade no ámbito do Sistema universitario de Galicia, que busquen unha maior participación das mulleres na comunidade universitaria e na sociedade en xeral.

6. Nos desenvolvementos informáticos e procedementais, que poderán abranguer a xestión académica, xestión da investigación, xestión económica, sistemas de información, dirección e impulso da administración electrónica e unificación da información derivada destes procesos.

7. Na adquisición, de xeito centralizado, de ferramentas informáticas, material científico ou bibliográfico ou calquera outra subministración ou servizo que comporte aforro para o conxunto do Sistema universitario de Galicia.

8. En calquera outra actuación de xestión ou colaboración que así figure na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, ou sexa acordada entre as partes e aprobada pola Xunta de Goberno do CISUG.

Artigo 5. Compromisos

Os membros do CISUG comprométense a

a) Cumprir os acordos da Xunta de Goberno do CISUG.

b) Realizar actuacións de forma coordinada en materias de interese común.

c) Participar no deseño e xestión dos procedementos de acceso e admisión de estudantes mediante unha fórmula colaborativa.

d) Unificar e integrar procesos e trámites para poder obter información normalizada común, sen prexuízo das peculiaridades propias de cada institución.

e) Xestionar de forma coordinada as súas políticas no eido da inserción laboral dos egresados e egresadas.

f) Planificar, deseñar e implantar sistemas de xestión e informáticos comúns nos ámbitos da xestión universitaria.

g) Colaborar na adquisición e desenvolvemento de equipamentos, aplicacións informáticas, subministracións de material científico e bibliográfico, etc., para o aforro de custos e gastos de implantación.

h) Realizar as achegas anuais necesarias para o funcionamento do CISUG.

i) Calquera outro compromiso no ámbito de xestión que poida ser de interese común e que redunde nunha maior eficiencia e eficacia do Sistema universitario de Galicia ou na consecución de fins de interese común.

Artigo 6. Medio propio das entidades consorciadas

O CISUG ten a condición de medio propio e servizo técnico de cada unha das entidades consorciadas que o integran e pode asumir encomendas de xestión para a realización de actos de xestión relativos a actividades que non impliquen o exercicio de autoridade e potestades administrativas, así como a prestación daqueles servizos que, por norma ou expresa determinación dos estatutos das entidades consorciadas, estean reservados a órganos administrativos específicos.

As encomendas de xestión realizaranse por escrito e nelas figurarán, como mínimo, as condicións de realización da actividade ou actividades, o seu seguimento e as tarifas que se vaian aplicar e as demais establecidas na lexislación vixente.

As encomendas serán de execución obrigatoria para o CISUG, retribuiranse mediante tarifas suxeitas ao réxime previsto no parágrafo seguinte e levarán unida a potestade para a entidade que confira o encargo de ditar as instrucións necesarias para a súa execución.

En calquera caso, a tarifa ou a retribución de encomenda deberá cubrir como mínimo o valor das prestacións encargadas, tendo en conta para o seu cálculo os custos directos e os indirectos, e as marxes razoables, acordes co importe daquelas prestacións, para atender as desviacións e os imprevistos. A contía da tarifa ou da retribución será fixada pola entidade ou entidades consorciadas que a realicen e figurará na propia encomenda.

O CISUG, actuando co carácter de medio propio e servizo técnico das entidades consorciadas, poderá participar en licitacións públicas convocadas polos poderes adxudicadores doutras entidades ou administracións públicas ou realizar actividades para o sector privado, pero en ningún caso poderá participar en licitacións públicas convocadas polas entidades que o integran ou polos poderes adxudicadores a elas pertencentes, sen prexuízo de que, cando non concorra ningún licitador, poida encargárselle a execución da prestación obxecto delas.

Artigo 7. Membros

Son membros do CISUG a Xunta de Galicia e as tres universidades do Sistema universitario de Galicia, nominadamente a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

A porcentaxe inicial de participación será a seguinte:

• Xunta de Galicia: 10 %.

• Universidade da Coruña: 30 %.

• Universidade de Santiago de Compostela: 30 %.

• Universidade de Vigo: 30 %.

Poderá existir unha compoñente variable das achegas en función dos encargos realizados ao CISUG. Na memoria económica anual figurará a porcentaxe de participación anual de cada unha das entidades participantes.

Artigo 8. Personalidade xurídica

O Consorcio regulado nestes estatutos constitúe unha entidade de dereito público, dotada de personalidade xurídica plena e independente dos seus membros.

Artigo 9. Réxime xurídico aplicable e atribucións específicas

1. O CISUG, como entidade de dereito público que é, réxese polos presentes estatutos, polo Regulamento de réxime interno da Xunta de Goberno e, supletoriamente, polo dereito público que resulte de aplicación ás entidades públicas participantes, en especial á organización e funcionamento dos órganos de goberno, aos contratos e ao réxime orzamentario.

2. Para a realización do seu obxecto e do correcto desenvolvemento das actuacións encomendadas nestes estatutos, o CISUG ten, entre outras, as seguintes atribucións:

• A promoción e a coordinación dos proxectos e actividades que se leven a cabo en cumprimento dos fins consorciais.

• A captación, aceptación e ordenación de cantos recursos económicos sexan precisos para o financiamento dos obxectivos e fins que lle son propios e os das súas entidades consorciadas.

• A elaboración de estudos xerais sobre necesidades comúns.

• A creación de comisións ou entidades instrumentais para a consecución dos seus fins.

• A subscrición de contratos-programa entre o propio CISUG e cada entidade consorciada, ou entre o CISUG e outras administracións públicas.

• A convocatoria de procesos conxuntos ou separados de selección de contratistas para unha das entidades consorciadas ou para a totalidade das entidades participantes.

• A conclusión de cantos contratos ou convenios con persoas físicas ou xurídicas sexan necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

• A realización de encargos a entidades públicas ou privadas dependentes das entidades consorciadas.

• Calquera outra que, con suxeición á lexislación vixente, poidan garantir o completo cumprimento dos seus fins.

TÍTULO II

Organización e funcionamento

Artigo 10. Órganos de goberno

O CISUG estará rexido polos seguintes órganos de goberno:

• Xunta de Goberno.

• Presidencia.

• Secretaría.

• Consello de Dirección.

• Comisións de Goberno.

A Xunta de Goberno será o órgano superior de goberno do CISUG e estará formada por tres representantes de máximo nivel de cada unha das universidades, designados por estas, e por dous ou dúas representantes da Xunta de Galicia, designados por ela.

O Consello de Dirección será o órgano que adopte as decisións ordinarias de funcionamento do CISUG e eleve á Xunta de Goberno as propostas de actuación.

A presidencia do CISUG e da súa Xunta de Goberno será ocupada, de forma rotatoria, por un/unha dos representantes das universidades consorciadas, durante un prazo de catro anos, e elixirase na primeira sesión que celebre a dita xunta. A perda da condición de representante da correspondente universidade determinará o cambio da persoa titular ata a finalización do prazo establecido.

Ocupará a Secretaría do CISUG un/unha dos membros da Xunta de Goberno que deberá ser elixido/a de entre os representantes das universidades consorciadas que non exerzan a presidencia. A secretaría rotará no seu posto nos termos descritos para a Presidencia.

Existirán comisións de goberno para cada unha das grandes áreas do CISUG, sometidas á coordinación e á dirección dos órganos de goberno descritos nos estatutos.

A representación dos membros nos órganos de goberno tenderá a ser paritaria entre homes e mulleres.

Artigo 11. Mandato

A duración do mandato dos membros da Xunta de Goberno e do Consello de Dirección será de catro anos, sen prexuízo de poderen ser reelixidos pola entidade que representan por períodos sucesivos. Non obstante o anterior, a perda da condición pola que foi elixido na entidade que representa determina automaticamente a perda da condición de membro do órgano colexiado.

Artigo 12. Competencias dos órganos de goberno

1. Son competencias da Xunta de Goberno:

1º. A aprobación do programa xeral de actividades.

2º. A aprobación e liquidación do orzamento ordinario.

3º. A aprobación de programas de investimento.

4º. A adquisición de bens inmobles destinados ao cumprimento do obxecto do CISUG.

5º. A ratificación de cantos convenios sexan precisos para o cumprimento dos seus fins.

6º. O artellamento de programas que reciban achegas do sector público comunitario, estatal, autonómico ou local, e dos sectores privados, universitarios ou organizacións internacionais.

7º. A autorización da celebración de cantos contratos sexan precisos para o cumprimento dos seus fins.

8º. A autorización e disposición de gastos e pagamentos dentro dos límites orzamentarios, sen prexuízo dunha posible delegación expresa.

9º. A aprobación da valoración das achegas en especie (materiais, aplicacións informáticas ou de uso de inmobles, etc.) das entidades membros ao CISUG.

10º. A autorización da separación voluntaria do CISUG dos seus membros, así como a aprobación da forma e condicións do pagamento da correspondente cota de separación ou, de ser o caso, de cobramento da débeda correspondente.

11º. A aprobación da disolución do CISUG e o correspondente nomeamento do seu liquidador e, se é o caso, a aprobación da forma e condicións de pagamento da correspondente cota de liquidación.

12º. A aprobación das accións administrativas e xudiciais.

13º. A interpretación dos presentes estatutos e a emisión das instrucións de funcionamento que sexan precisas, de acordo coa lexislación vixente.

14º. A modificación dos estatutos.

15º. A creación doutros órganos do CISUG.

16º. A separación de membros do CISUG por incumprimento, logo de audiencia do presunto incumpridor.

17º. A aprobación do Regulamento de réxime interno do CISUG e demais normas de funcionamento.

18º. A formulación periódica de propostas de transformación, mantemento ou extinción, de conformidade cos sistemas de supervisión continua de entidades dependentes que estableza a Xunta de Galicia ao abeiro do artigo 81.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

19º. A modificación da ponderación dos votos e da participación dos membros na Xunta de Goberno en función da participación no capital do CISUG.

20º. Calquera outra de índole xeral e análogas ás anteriores conforme a lexislación vixente.

Agás as competencias establecidas nos puntos 2, 4, 9, 11, 12, 14, 15, 16, 17, 18 e 19, o resto poderán ser delegadas en comisións ou noutros órganos de goberno e de xestión.

2. Son competencias da Presidencia do Consorcio:

1º. Representar legalmente o CISUG nos actos, convenios e contratos en que este debe intervir e ante as autoridades e tribunais de toda clase, para o que poderá outorgar os apoderamentos que considere oportunos.

2º. Velar polo estrito cumprimento dos preceptos destes estatutos, dos acordos adoptados pola Xunta de Goberno e, en xeral, das normas aplicables en cada caso.

3º. Executar os acordos adoptados pola Xunta de Goberno.

4º. Ordenar os pagamentos.

5º. Aprobar as transferencias e as xeracións de crédito.

6º. Ordenar a convocatoria das sesións da Xunta de Goberno, fixar a orde do día, presidir e dirixir as deliberacións.

7º. Autorizar, co seu visto e prace, as actas das reunións e as contas e o inventario de bens.

8º. Asumir, na falta de acordo entre os membros, a liquidación do CISUG.

9º. Todas aquelas que lle fosen delegadas pola Xunta de Goberno.

A ordenación de pagamentos, as transferencias e xeracións de créditos poderá delegarse noutros órganos do CISUG.

As facultades da persoa que ocupe a presidencia relacionadas coa xestión e administración do Consorcio, para a dirección constante e inmediata da súa actividade, poderán ser conferidas, mediante apoderamento ou delegación do mencionado presidente ou presidenta, a favor do/da xerente ou dun membro da Xunta de Goberno que aquel libremente determine.

O presidente ou presidenta poderá ser substituído temporalmente por ausencia ou enfermidade e para asuntos de mero trámite pola secretaria ou secretario, facendo constar esta circunstancia.

3. A Secretaría do Consorcio.

A secretaria ou secretario do CISUG serao tamén da súa Xunta de Goberno e do seu Consello de Dirección. Actuará con voz e voto e terá como funcións levantar acta dos acordos, expedir certificacións e convocar as reunións por orde da Presidencia.

4. Consello de Dirección.

Para a xestión ordinaria e táctica do CISUG, así como para a tramitación das propostas sobre os temas de competencia da Xunta de Goberno, nomearase un Consello de Dirección formado por dous/dúas representantes de cada universidade e un da Xunta de Galicia, pertencendo necesariamente un dos membros de cada entidade consorciada á Xunta de Goberno do CISUG. O Consello de Dirección poderá invitar outros órganos do CISUG ou a outras persoas das entidades consorciadas para que o asistan no seu traballo e toma de decisións.

5. Comisións de goberno e outras comisións.

A Xunta de Goberno poderá acordar crear comisións de goberno para determinadas áreas de actividade do CISUG coa denominación, representación e competencias que se determinen no acordo de creación para o desenvolvemento ou seguimento técnico e operativo das actividades, tarefas, proxectos ou investimentos realizados dentro do ámbito do obxecto do Consorcio. As entidades consorciadas designarán os seus representantes en cada unha destas comisións.

Tamén poderán crearse comisións especializadas ou grupos de traballo para o estudo e análise dos temas que se lle encomenden.

Artigo 13. Sesións

A Xunta de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao semestre en sesión ordinaria e sempre que a Presidencia o considere oportuno ou o soliciten, polo menos, os que representen o 30 % das participacións no Consorcio.

As convocatorias para as sesións da Xunta de Goberno, sexan as ordinarias ou as extraordinarias, faraas a Presidencia, mediante notificación a cada membro, e débese acreditar a súa recepción.

As sesións convocaranse con, polo menos, seis días de anticipación á data en que deban celebrarse, agás nos casos de recoñecida urxencia a xuízo da Presidencia. Na convocatoria indicaranse os puntos que se van tratar, o día e a hora, e terán lugar no domicilio social do CISUG, salvo que expresamente se indique outro.

Asemade, poderá convocarse ás súas sesións calquera persoa que se considere oportuno para os temas relacionados con algún punto da orde do día.

Entenderase validamente constituída a Xunta de Goberno para a adopción de acordos cando en primeira convocatoria concorran á sesión a maioría dos seus membros e, entre eles, necesariamente, o/a presidente/a e o/a secretario/a.

En segunda convocatoria, a constitución da Xunta será válida cando asistan un terzo dos seus membros, e entre eles, a Presidencia e a Secretaría.

Nas citacións aos membros da Xunta de Goberno sinalarase o día e a hora da primeira e segunda convocatoria, mediando entre ambas un prazo mínimo de media hora.

A Xunta de Goberno adoptará os seus acordos por maioría cualificada de dous terzos dos membros presentes. Non obstante, exixirase a unanimidade para a adopción de acordos sobre as materias seguintes:

• A modificación dos estatutos.

• O acordo de disolución.

• Os acordos ao respecto da separación.

• A incorporación de novas funcións.

• O réxime de goberno do CISUG.

• O orzamento do CISUG.

• A planificación anual de actividades.

• A organización do persoal.

Cando estean reunidos e presentes a totalidade dos membros da Xunta de Goberno do CISUG, esta constituirase sen que medie convocatoria previa. Nese mesmo acto, procederán a fixar a orde do día e levantarase a correspondente acta.

Este réxime será supletoriamente aplicado para o Consello de Dirección.

Artigo 14. Uso de medios electrónicos nos órganos colexiados do Consorcio

A Xunta de Goberno poderá constituírse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos, respectando o establecido nos artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

A convocatoria das sesións farase mediante correo electrónico no seu enderezo electrónico institucional ou no enderezo de correo electrónico que sinalen para ese efecto.

Poderán utilizarse outros medios electrónicos de notificación ou comunicación sempre que o sistema permita acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición do interesado da convocatoria notificada, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación entenderase practicada para todos os efectos legais; en todo caso, presumirase que a notificación se produciu polo transcurso de 24 horas, desde a posta á disposición do interesado da convocatoria notificada, agás que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

A documentación para as sesións deberá figurar nun repositorio específico e será o único medio para obter a documentación da sesión. No caso de existiren contrasinais de acceso ao repositorio, estes non poderán ser difundidos a outras persoas alleas ao órgano colexiado.

Os membros dun órgano colexiado poderán participar nas sesións desde outros lugares de xeito simultáneo, sempre que a Presidencia o acepte e os medios técnicos permitan o normal desenvolvemento da sesión e o pleno respecto dos dereitos dos membros. Esta participación computarase para os efectos de asistencia, quórum e realización de votacións

Unha vez constituído o órgano, a persoa que exerza a súa presidencia poderá designar unha persoa que actúe de soporte técnico para que auxilie as persoas que se conectan telematicamente.

As actas das sesións dos órganos colexiados poderán ser aprobadas por vía telemática, logo de sérenlles remitidas aos seus membros ao seu enderezo electrónico.

Artigo 15. Votos

Os votos dos membros da Xunta de Goberno serán ponderados en función da súa participación no CISUG, de conformidade co artigo 7 destes estatutos, e poderán delegarse tanto en representantes da entidade que representan como doutra entidade distinta. A delegación deberá constar expresamente e por escrito e o voto delegado considerarase para os efectos de quórum.

Artigo 16. Réxime supletorio e competencia xurisdicional

No non previsto nos presentes estatutos, os acordos e os actos da Xunta de Goberno do CISUG axustaranse ao establecido nas leis 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público. As súas decisións esgotarán a vía administrativa e contra estas só poderá interpoñerse recurso ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

O establecido nos artigos 11, 13 e 14 será de aplicación supletoria ás comisións de goberno en tanto non teñan aprobado un regulamento de funcionamento.

TÍTULO III

Relacións entre o Consorcio e as entidades consorciadas

Artigo 17. Relacións entre o Consorcio e as entidades consorciadas

O CISUG, dentro do seu ámbito, promoverá accións destinadas ao desenvolvemento de iniciativas comúns de cada unha das entidades consorciadas. No caso de actividades dirixidas a unha única entidade, a Xunta de Goberno determinará a distribución de bens, servizos e fórmulas de xestión de créditos destinados a este obxectivo.

As accións encomendadas ao CISUG poderán ser executadas directamente por este ou a través de cada unha das entidades consorciadas ou das súas entidades instrumentais, de conformidade co que acorde a Xunta de Goberno ou se estableza en normas de réxime interno.

TÍTULO IV

Patrimonio e réxime económico

Artigo 18. Réxime orzamentario, contable, control financeiro e patrimonial

O control económico financeiro exercerase pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo das actuacións de control que poidan corresponder ao Consello de Contas e ao Tribunal de Cuentas.

En todo caso, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma realizará unha auditoría das contas anuais do consorcio.

O patrimonio do CISUG poderá estar constituído por toda clase de bens, mobles e inmobles, e dereitos de calquera natureza, sen outras limitacións que as establecidas polas leis.

Artigo 19. Destino e alleamento do patrimonio

Os bens inmobles, instalacións ou bens de natureza moble e dereitos que constitúen a dotación do CISUG destinaranse con carácter permanente ao cumprimento directo do seu obxecto, e só poderán allearse a título oneroso e nas condicións establecidas para as entidades públicas.

Artigo 20. Recursos

Os recursos do CISUG estarán constituídos por:

• As achegas e subvencións ordinarias ou extraordinarias outorgadas polas entidades que o integran.

• As achegas, subvencións, doazóns doutras entidades públicas ou privadas e as transmisións a título gratuíto que ao seu favor fagan os particulares.

• Os ingresos produto das cotas ou dereitos de utilización dos servizos ou do inmobilizado.

• Calquera outro que por dereito lle corresponda recibir.

Artigo 21. Orzamento, facturación e control

A Xunta de Goberno aprobará anualmente un orzamento do CISUG e a distribución dos principais gastos e ingresos das entidades que nel participan.

O CISUG deberá cumprir os requisitos establecidos para as entidades de participación maioritaria pública do sector autonómico. Neste senso, a información sobre facturación será a que determine a Comunidade Autónoma de Galicia para o sector público autonómico.

Nos primeiros tres meses aprobarase a liquidación dos orzamentos anuais, así como o estado de contas e balances.

O sistema de control económico do CISUG será o de auditoría, sen prexuízo de remitir as contas aos órganos de control da Comunidade Autónoma galega. Para estes efectos realizarase unha auditoría anual das contas.

O CISUG consolidará as súas contas coa entidade a que estea adscrita e coas entidades consorciadas na medida da súa participación, de establecelo así a normativa orzamentaria.

Artigo 22. Encomenda de xestión

Por acordo da Xunta de Goberno poderase encomendar a unha ou varias das entidades que o compoñen o exercicio de actividades ou o pagamento dos compromisos adquiridos polo CISUG. O dito pagamento constituirá efecto liberatorio para o CISUG.

Así mesmo, o CISUG poderá contratar con terceiros ou delegar nas propias universidades partes da súa xestión e organización ordinaria.

Artigo 23. Participación

As distintas entidades consorciadas achegarán os importes necesarios para o funcionamento ordinario anual da institución. Anualmente, na aprobación de contas determinarase a porcentaxe de participación no CISUG de cada unha das entidades en función da súa achega.

No resto das actuacións, a Xunta de Goberno determinará a porcentaxe de participación de cada parte. A porcentaxe de participación determinará o grao de responsabilidade de cada entidade.

A responsabilidade polo exercicio de accións comúns será mancomunada en función da achega de cada parte.

TÍTULO V

Contratación

Artigo 24. Órgano de contratación

A Presidencia é o órgano de contratación do CISUG e está facultada para subscribir, no seu nome e representación, os contratos en que interveña, de conformidade co disposto no artigo 12.1, número 7 destes estatutos.

A contratación que celebre o CISUG como poder adxudicador estará sometida á lexislación de contratos do sector público e débese suxeitar aos procedementos de adxudicación nela regulados.

Artigo 25. Delegación

A Presidencia poderá delegar na Xerencia do CISUG a tramitación, resolución e subscrición dos contratos menores, de conformidade coa lexislación de contratos do sector público.

Artigo 26. Mesa de contratación

O órgano de contratación estará asistido para a adxudicación dos contratos dunha mesa de contratación.

A mesa de contratación, que será acordada pola Xunta de Goberno, e o seu funcionamento, axustaranse, coas peculiaridades propias do CISUG, ao establecido na lexislación de contratos do sector público e á de réxime xurídico das administracións públicas, e pode incorporar persoal cualificado das universidades que compoñen o CISUG e da Xunta de Galicia, sen seren membros dos seus órganos de goberno.

TÍTULO VI

Órganos de xestión ou de administración

Artigo 27. Da administración, xestión e asesoramento

A organización administrativa do CISUG é competencia da Xunta de Goberno.

Artigo 28. Xerencia

A Xunta de Goberno poderá nomear unha persoa que ocupe a Xerencia e se ocupe da xestión ordinaria do CISUG. Desenvolverá todas as funcións propias do seu posto e todas aquelas para o exercicio das cales a Xunta de Goberno ou a Presidencia a apoderen ou lle deleguen, de conformidade cos presentes estatutos e co que dispoña a normativa vixente.

A Xerencia poderá contar con dúas persoas que exercerán a dirección de áreas especializadas en sectores de actuación do CISUG.

A Xerencia asistirá as sesións da Xunta de Goberno e do Consello de Dirección con voz pero sen voto.

Artigo 29. Persoal

O persoal ao servizo do CISUG poderá ser funcionario ou laboral e procederá exclusivamente das administracións participantes. O seu réxime xurídico será o da Administración de adscrición do consorcio e as súas retribucións en ningún caso poden superar as establecidas para postos de traballo equivalentes naquela. O persoal funcionario de carreira que pase a formar parte do consorcio manterase en situación de servizo activo na súa Administración de orixe.

O CISUG, por acordo da Xunta de Goberno, e coa autorización da consellería ou consellerías da Xunta de Galicia con competencias en materia de función pública e de custos de persoal, cando non resulte posible contar con persoal procedente das Administracións participantes no Consorcio debido á singularidade das funcións que se van desempeñar, poderá decidir a contratación de persoal para o exercicio das ditas funcións, nos termos establecidos no artigo 121 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

O CISUG, por acordo da Xunta de Goberno, aprobará unha relación de postos de traballo (RPT) como instrumento de ordenación do seu persoal no cal se indicarán os postos ocupados por persoal propio e o persoal adscrito das entidades consorciadas, con expresión dos requisitos para a súa ocupación e do seu custo.

O CISUG poderá designar colaboradores temporais para o exercicio de funcións concretas derivadas das súas específicas funcións.

TÍTULO VII

Separación de membros

Artigo 30. Separación voluntaria de membros

Os membros do CISUG poderán separarse del en calquera momento. É causa de separación que outro dos seus membros incumpra algunha das súas obrigacións estatutarias e, en particular, aquelas que impidan a realización do obxecto para o cal aquel foi creado, como a obrigación de realizar achegas ao fondo patrimonial.

O dereito de separación deberá exercerse mediante escrito notificado á Xunta de Goberno do CISUG.

Artigo 31. Efectos do exercicio do dereito de separación do Consorcio

O exercicio do dereito de separación producirá a disolución do CISUG agás que o resto dos seus membros, mediante acordo da Xunta de Goberno, decida a súa continuidade e sigan permanecendo no dito CISUG, sempre que queden, polo menos, dúas universidades.

Cando o exercicio do dereito de separación non leve á disolución, calcularase a cota de separación que corresponda a quen exerza o seu dereito de separación, de acordo coa participación que lle corresponde no saldo resultante do patrimonio neto, de ter lugar a liquidación, tendo en conta que o criterio de repartición terá en conta a súa participación no Consorcio no último ano económico.

A Xunta de Goberno acordará a forma e condicións en que terá lugar o pagamento da cota de separación, no suposto de que esta resulte positiva, así como a forma e condicións do pagamento da débeda que corresponda a quen exerce o dereito de separación se a cota é negativa. A efectiva separación do CISUG producirase unha vez determinada a cota de separación, no suposto de que esta resulte positiva, ou unha vez que se pagou a débeda, se a cota é negativa.

Os acordos ao respecto do dereito de separación tomaraos a Xunta de Goberno por unanimidade dos representantes das restantes entidades.

Artigo 32. Separación de membros por incumprimento

O incumprimento grave e reiterado, por parte de calquera das entidades consorciadas, dos presentes estatutos, das súas normas de desenvolvemento e dos acordos dos órganos de goberno do CISUG poderá dar lugar á súa separación. Para estes efectos, deberá darse audiencia previa á entidade incumpridora.

O acordo tomarao a Xunta de Goberno por unanimidade dos representantes das restantes entidades. En todo caso, deberá cumprir as obrigacións que tivesen contraído.

TÍTULO VIII

Modificación e liquidación

Artigo 33. Modificación dos estatutos

A Xunta de Goberno poderá acordar a modificación dos estatutos do CISUG sempre que resulte adecuada ao seu interese ou sexa necesaria para o mellor cumprimento do seu obxecto.

O acordo de modificación deberá adoptarse por unanimidade da Xunta de Goberno e publicarse no DOG.

Artigo 34. Disolución e liquidación

Serán causas de disolución do consorcio, entre outras:

I. O incumprimento dos fins para os cales se constituíu.

II. Por disposición legal.

III. Por acordo da Xunta de Goberno.

IV. Por fusión, absorción ou integración noutro ente público.

No suposto de que todas as entidades desexen extinguir o CISUG requirirase:

I. O acordo unánime da Xunta de Goberno.

II. O nomeamento dunha persoa que liquide, que se encargará da concreción das cantidades resultantes de cada entidade en función do achegado por cada parte e a distribución do inventario común. Na falta de acordo, quen liquide será a Presidencia do CISUG.

III. A ratificación do acordo da persoa que liquide pola Xunta de Goberno e a comunicación ás entidades participantes, na cal se faga constar a forma e condicións en que terá que ter lugar o pagamento da cota de liquidación no suposto de que esta resulte positiva.

IV. A cesión global de activos e pasivos a outra entidade xuridicamente adecuada coa finalidade de manter a continuidade da actividade e acadar os obxectivos do CISUG, sendo preciso neste caso que o acordo sexa por unanimidade.

Acordada a liquidación, publicarase o acordo de disolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria primera

Será competencia e responsabilidade da Presidencia do CISUG a súa inscrición no Inventario de entidades do sector público estatal con carácter previo ao inicio de actividades.

Disposición transitoria segunda

Como anexo a este documento figura a relación de persoal que se subroga no Consorcio coas súas condicións retributivas actuais. A CISUG aprobará no prazo de tres meses desde a súa constitución unha relación de postos de traballo.

Disposición derradeira

A entrada en vigor destes estatutos terá lugar o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO

Relación de persoal que se subroga

missing image file