Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 12 de xuño de 2018 Páx. 28753

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 5 de xuño de 2018 pola que se modifica a Orde do 19 de xuño de 2017 pola que se concede a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia.

Mediante a Orde do 19 de xuño de 2017, a Consellería do Medio Rural resolveu conceder a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia. Esta orde publicouse no DOG núm. 124, do 30 de xuño de 2017.

A protección nacional transitoria é un instrumento recollido no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios que permite a protección no Estado membro do nome dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica mentres dure o procedemento de tramitación da súa inscrición no rexistro europeo.

A Comisión Europea recibiu a solicitude de inscrición da indicación xeográfica Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia o día 27.4.2017. Logo do estudo do expediente a Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural elaborou un informe en que se indicaba que determinados aspectos do expediente enviado debían ser modificados. Un destes aspectos refírese ao nome para o que se solicita a protección.

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia -entidade promotora deste expediente de solicitude e que vai xestionar esta indicación xeográfica xunto coa indicación xeográfica protexida Ternera Gallega- avaliou o informe da Comisión Europea e modificou determinados aspectos puntuais do expediente de solicitude de rexistro, entre eles o nome a protexer, que pasaría a ser Vaca Gallega/Buey Gallego. O expediente modificado remitiuse á Comisión Europea o pasado día 24.5.2018.

Cómpre, polo tanto, modificar a Orde do 19 de xuño de 2017 desta consellería para adaptar o nome ao que se concede a protección nacional transitoria ao que figura no expediente que está en fase de tramitación na Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea.

De acordo co anterior, tras a proposta da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e coas competencias atribuídas a esta consellería mediante o Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o punto primeiro da Orde do 19 de xuño de 2017 pola que se concede a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia, que queda redactado do seguinte xeito:

Primeiro. Conceder a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida (IXP) Vaca Gallega/Buey Gallego, que só poderá ser empregada na comercialización das carnes de vaca e de boi que cumpran as especificacións do prego de condicións transmitido á Comisión Europea, que pode ser consultado no seguinte URL:

http://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/2018/Pliego_de_condiciones_IGP_Vaca_Gallega_Buey_Gallego_mayo_2018.pdf.

A dita protección transitoria cesará a partir da data en que a Comisión Europea adopte unha decisión sobre a súa inscrición.

Segundo. Publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado esta resolución.

Terceiro. Informar o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente desta modificación do nome ao que se concede a protección nacional transitoria.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 2 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa-administrativa, no prazo de dous meses. Ambos os prazos contaranse desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural