Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 12 de xuño de 2018 Páx. 28696

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 31 de maio de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2018 o programa de axudas para a participación no programa Campos de Traballo dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior (código de procedemento PR930C).

BDNS (Identif.): 402807.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia habitual fóra de Galicia.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.

c) Ter a nacionalidade española.

d) Atoparse vinculados con calquera concello galego no Censo electoral de residentes ausentes. Este requisito non será exixible ás persoas participantes procedentes do resto de España.

e) As persoas participantes no programa deberán ter, o 30 de xuño de 2018, unha idade comprendida entre os 20 e os 30 anos.

f) Non ter participado na mesma modalidade en edicións anteriores deste programa.

Segundo. Obxecto

Regular as axudas correspondentes ao programa Campos de Traballo para o ano 2018, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 31 de maio de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca para o ano 2018 o programa de axudas para a participación no programa Campos de Traballo dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior (código de procedemento PR930C).

Cuarto. Importe

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan aos participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2018

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración