Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 11 de xuño de 2018 Páx. 28626

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 28 de maio de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade da resolución sobre o expediente 426 que afecta o monte de Casas do Porto da parroquia de Rois e concello de Rois.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 19 de decembro de 2017, adoptou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Manuel Rodríguez Vázquez, xefe territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña.

Vogais:

Susana Loreta Benedeti Corzo, letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

José Luis Chan Rodríguez, xefe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña.

Ana María Estrada Santolaria, representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña.

Pilar Santamaría Calo, representante das comunidades propietarias da provincia da Coruña.

Vogal representante do lugar de Casas do Porto da parroquia de Rois do concello de Rois.

Diego J. Fernández Campos e Ángel Romero Baleirón na súa condición de presidente e membro da xunta promotora, respectivamente.

Secretaria: Ofelia Rivas Vázquez, xefa do Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña.

Na Coruña ás 12.00 horas do día sinalado reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia dos membros relacionados ut supra. Asiste tamén como colaborador e asesor técnico o xefe de Área de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, Xesús Inácio López da Osa Ximénez.

Antecedentes de feito:

1º. Diego J. Fernández Campos, veciño do lugar de Casas do Porto da parroquia de Rois (Rois), no seu propio nome, e en representación dos veciños do lugar de Casas do Porto, presenta unha solicitude o 29 de decembro de 2014 para a clasificación como monte veciñal o monte Casas do Porto do lugar de Casas do Porto do concello de Rois, do cal achega un mapa topográfico sen outra documentación. Na súa solicitude manifesta que o plano elaborouse sobre os terreos sobre os que os veciños, ao longo de todas as xeracións, exerceron o dominio e aproveitaron os diversos recursos e solicita que se inicie o correspondente expediente de clasificación como veciñal en man común.

2º. Recibida a anterior petición, o presidente do Xurado solicitou o 19 de xaneiro de 2015 informe ao xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes sobre a suficiencia da planimetría achegada xunto coa solicitude para a identificación dos terreos dos cales se solicita a clasificación, informando o referido o 16 de marzo de 2015 que coa documentación gráfica achegada non se poden situar con precisión as parcelas sobre o terreo, e que debería presentarse o levantamento topográfico coas referencias xeográficas dos vértices da poligonal en coordenadas UTM, cunha descrición destes, e que se deben incluír as descricións físicas detalladas dos vértices de cada liña estremeira, definindo o seu itinerario completo.

3º. Atendendo ao anterior informe, o 7 de abril de 2015 requiriuse ao representante dos veciños do lugar de Casas do Porto o levantamento topográfico nas condicións expostas, así como a remisión da documentación que avalase a solicitude presentada, ao cal o requirido respondeu achegando escrituras públicas, informe do alcalde do Concello de Rois, fotografías, documentación administrativa de 1964 referidas á repoboación forestal do monte Casas do Porto en que consta que este pertence á parroquia de Rois e novo levantamento topográfico adaptado ás exixencias indicadas.

4º. Requirido novo informe ao xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes sobre a nova planimetría achegada, este informa o 2 de xullo de 2015 sobre a súa adecuación ao exixido, agás nunha pequena zona que sinala, o que se lle traslada ao solicitante, quen achegou nova planimetría o 13 de outubro de 2015.

5º. O Xurado na súa reunión do 18 de decembro de 2015 acorda iniciar a tramitación do expediente e nomear instrutora. As características do monte de que se solicita a clasificación, segundo o informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do 20 de maio do 2016, son as seguintes:

• Monte: Casas do Porto.

Comunidade veciñal solicitante: veciños do lugar de Casas do Porto.

Parroquia: Rois.

Concello: Rois.

Superficie total solicitada: 35,85 ha.

• A súas estremas, segundo o informe anterior son:

Norte: propiedades particulares do lugar de Casas do Porto.

Leste: monte veciñal en man común de Balouta e Fontecoba (exp. núm. 145).

Sur: monte veciñal en man común de Balouta e Fontecoba (exp. núm. 145).

Oeste: monte dos veciños da Chisca.

6º. En cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e a petición do Xurado, o xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do Servizo de Montes remite o seu informe o 20 de maio de 2016 en que manifesta, en síntese, que o monte solicitado abrangue ao redor da metade do monte Casa do Porto, nº 290 do Catálogo de Utilidade Pública (CUP), que non foi deslindado e que, segundo a ficha do monte no CUP, a súa titularidade corresponde á parroquia de Rois. No elenco de montes conveniados ou consorciados coa Xunta de Galicia figura este monte, que está consorciado co Concello de Rois desde o 15 de xaneiro de 1944, co número do elenco C-2157. Sinala que no expediente do consorcio non hai documentación sobre reclamacións administrativas e/ou xudiciais, aínda que pescudas do axente facultativo ambiental da zona alertan de que veciños do lugar próximo da Aldea Grande de Buxán afirman que viñan aproveitando polo menos catro parcelas no monte para a recollida de leña, estrume para as camas do gando, e de que polo menos dous veciños manifestan ter parcelas da súa propiedade particular nese monte tendo documentación que o acredita.

En canto ao aproveitamento do monte polos veciños da parroquia de Rois, promotores do expediente, refírese ao informe do Distrito Forestal IV, do 4 de maio de 2016, engadindo que consta que desde tempo inmemorial viñan a realizar os membros desa comunidade veciñal o aproveitamento de mananciais e traídas de abastecemento de auga potable ao lugar de Casas do Porto e tamén dos sobrantes para as zonas hortícolas de regadío, recollida de leñas mortas, cogomelos, estrume para as cortes dos animais, consuetudinariamente en réxime de comunidade e sen asignación de cotas.

Logo de solicitarse a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Padrón sobre o monte, o rexistrador certifica que o predio, tal e como se describe, non figura inscrito nese Rexistro da Propiedade, facendo constar tamén que si figura inscrito un monte veciñal en man común de Balouta e Fontecoba, relacionado coas estremas leste e sur, do cal achega a súa descrición sinalando que a súa inscrición é a favor dos veciños de San Xulián de Laíño e Santa María de Dodro.

7º. Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, procedeuse á correspondente tramitación e libráronse por orde da instrutora do expediente comunicacións do acordo de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes para os efectos do previsto no artigo 11 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao Alcalde do Concello de Rois, ao cal se lle remitiu tamén edicto a fin de que, segundo o disposto no artigo 11 da Lei e 23 do Decreto 260/1992, fora exposto polo período de un mes para os efectos de que os posibles interesados puidesen intervir no procedemento; ao representante da comunidade veciñal que presentou a solicitude; ao presidente da comunidade veciñal do monte Balouta e Fontecoba; ao rexistrador da propiedade de Padrón, para a anotación preventiva contemplada no artigo 23.1.e) do Decreto 260/1992; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación no DOG, o que aconteceu no DOG núm. 157, do 22 de agosto de 2016.

8º. Segundo certificación emitida polo secretario do Concello de Rois do 6 de setembro de 2016, o edicto estivo exposto no taboleiro de anuncios e nos lugares de costume da parroquia e asentamentos veciñais onde radica o monte, polo período dun mes desde o 5 de agosto de 2016. Asemade con data do 6 de setembro de 2016 o secretario do Concello certifica:

• Que o monte Casas do Porto, non está incluído no inventario de bens municipais, polo que non hai constancia de acordos adoptados sobre a súa alta ou baixa no dito inventario.

• Que o dito monte aparece incluído no catálogo de utilidade pública co número 290, aínda que cabe indicar que o 23 de abril de 1965 o Distrito Forestal da Coruña certifica que a dita catalogación foi errónea.

• Que non constan reclamacións xudiciais ou administrativas correspondentes ao monte, na súa totalidade ou en parte, nas cales tivese intervención o Concello.

Tamén achega copia da certificación indicada do Distrito Forestal da Coruña e dun certificado do secretario do Concello do 20 de abril de 1966 sobre o mesmo monte con destino ao Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común.

9º. Durante o período de alegacións e tramitación do expediente non foron presentadas alegacións.

10º. Con data do 9 de outubro de 2017 o presidente do Xurado acorda reiterar a petición ao Alcalde do Concello de Rois da remisión da certificación correspondente á veciñanza administrativa, segundo o padrón de habitantes do concello, das persoas asinantes da acta da asemblea dos veciños que acordou realizar a solicitude presentada, que se achegou o 7 de novembro de 2017 certificando a condición de veciños de sete dos oito asinantes da acta.

11º. Con data do 19 de novembro de 2017 realizouse o trámite de audiencia a todos os interesados no expediente segundo o disposto no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sen recibirse novas alegacións.

Fundamentos de dereito:

1º. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º. Segundo o artigo 11 da precitada lei e o artigo 19 do seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a comunidade veciñal do lugar de Casas do Porto da parroquia de Rois do concello de Rois é parte lexítima para solicitar o inicio do presente expediente de clasificación.

3º. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

É pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común por parte do Xurado que este teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en réxime de comunidade polos veciños que a solicitan, neste caso os veciños do lugar de Casas do Porto, e que estes realicen ese aproveitamento pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puidesen expor no procedemento que deberán de dirimirse ante a xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.9 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

4º. Entre a documentación que consta no expediente para valorar a posible condición veciñal da parcela solicitada hai constancia dun arrendamento das terras do lugar de Casas do Porto en 1672 e dun documento do 11 de agosto de 1897 en que se sinala que, polo lapso do tempo transcorrido, o arrendamento quedou convertido en foral e o redimen nesa data, ambos recollidos en escritura pública do 12 de maio de 1949; consta tamén unha acta notarial do 17 e 21 de abril de 2015 que recolle as manifestacións dun grupo de veciños do lugar de Casas do Porto que lle entregan nun documento privado que incorpora á acta en que declaran que viven no lugar desde o nacemento de cada un deles, agás unha delas que chegou en 1951 aos 14 anos de idade, e que sempre aproveitaron e explotaron o monte veciñal Casas do Porto nos seus máis diversos usos, que describen de seguido xunto coas estremas do terreo que abrangue; e un informe do alcalde de Rois, do 5 de maio de 2015, segundo o que tras as “investigacións practicadas e logo de falar cos lugareños (sic) da aldea de Casas do Porto e da parroquia de Rois, cónstame que o monte veciñal Casas do Porto foi utilizado polos veciños e veciñas desta aldea para usos propios tales como aproveitamento de leña, de molime, de regadío, de pastoreo, etc. A día de hoxe, o emprego continúa a ser o mesmo por parte dos lugareños (sic) que viven na aldea de Casas do Porto”; e un acta administrativa do Distrito Forestal da Coruña do 24 de outubro de 1964, para o traspaso de montes ao Patrimonio Forestal do Estado, en que se indica que o monte pertence á parroquia de Rois.

No informe do Distrito do 4 de maio de 2016, faise constar que desde tempo inmemorial os membros da comunidade veciñal veñen realizando o aproveitamento de mananciais e traídas de abastecemento de auga potable ao lugar de Casas do Porto e tamén dos sobrantes para as zonas hortícolas de regadío, recollida de leñas mortas, cogomelos, estrume para as cortes dos animais, consuetudinariamente en réxime de comunidade e sen asignación de cotas.

Por todo o exposto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito indicados, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta da instrutora e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte Casas do Porto en favor dos veciños do lugar de Casas do Porto da parroquia de Rois do concello de Rois, coas estremas, superficie e características indicadas no antecedente quinto, e conforme á planimetría presentada polos solicitantes e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña que forma parte integrante do expediente.

Notifíquese a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

A Coruña, 28 de maio de 2018

Manuel Rodríguez Vázquez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña