Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 11 de xuño de 2018 Páx. 28483

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 60/2018, do 24 de maio, polo que se aproban os estatutos do Consello Galego de Colexios de Economistas.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á comunidade autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, que asignou as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril).

A aprobación dos estatutos dos consellos galegos de colexios profesionais con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, a través de decreto, segundo dispón o artigo 23 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 5 do Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos.

Os estatutos deberán ser elaborados polos colexios profesionais que integran o Consello, aprobados por acordo das xuntas de goberno e ratificado polas xuntas xerais de cada colexio. Será necesario o acordo favorable da maioría dos colexios afectados, sempre que estes representen a maioría dos colexiados da profesión en Galicia.

Os colexios oficiais de economistas das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra acordaron promover a aprobación dos estatutos do Consello Galego de Colexios de Economistas e así o solicitaron ante esta consellería presentando as certificacións correspondentes a cada colexio dos acordos de aprobación dos estatutos.

En virtude do anterior, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e catro de maio de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación dos estatutos

Aprobar os estatutos do Consello Galego de Colexios de Economistas, que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos, que foron aprobados polo Decreto 89/2008, do 17 de abril, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de maio de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Consello Galego de Economistas

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Denominación, composición, natureza e domicilio

Artigo 1. Denominación

A denominación será Consello Galego de Economistas.

O Consello Galego de Economistas terá como emblema o utilizado polo Consello Xeral de Economistas, conxuntamente coa denominación «Consello Galego de Economistas», «Consello Galego» ou «Consello».

Artigo 2. Composición

O Consello Galego de Economistas está integrado polos colexios de Economistas da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Artigo 3. Natureza

O Consello Galego de Economistas é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, e rexerase polas disposicións legais estatais e autonómicas que o afecten, polo presente estatuto, polos seus regulamentos de réxime interior e polos acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias.

No seu respectivo ámbito de actuación, cada un dos colexios que compoñen este consello é autónomo e ten, separada e individualmente, personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para cumprir os seus fins.

Artigo 4. Domicilio

O Consello Galego de Economistas terá a súa sede na Facultade de Ciencias Económicas de Santiago de Compostela, avenida do Burgo, s/n, 15782 Santiago de Compostela.

O cambio de domicilio, se é fóra do municipio, requirirá os mesmos trámites que unha modificación estatutaria.

CAPÍTULO II

Finalidades e funcións

Artigo 5. Finalidades

O Consello Galego de Economistas terá as seguintes finalidades:

a) A coordinación dos colexios profesionais que o integren e a representación da profesión no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, naquelas cuestións de interese común ante as administracións públicas e, en xeral, ante calquera organismo, institución ou persoa, física ou xurídica, que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins, sen prexuízo da autonomía e competencia de cada colexio, defendendo e protexendo os intereses profesionais dos economistas no ámbito territorial da súa competencia.

b) As relacións coas institucións e as administracións públicas para facilitar a mutua colaboración para a mellor satisfacción dos intereses sociais e profesionais cuxa defensa teñen encomendada.

c) Todas aquelas que, de acordo coa lei, os seus estatutos xerais e regulamentos se establezan.

Artigo 6. Funcións

No ámbito territorial da súa competencia terá as seguintes funcións:

a) As atribuídas ao Consello Xeral de Economistas de España, pola Lei de colexios profesionais en canto teñan ámbito ou repercusión só no territorio da Comunidade Autónoma galega e cantas outras lle fosen encomendadas por virtude de disposicións xerais ou especiais, sempre que non interfiran na autonomía e nas competencias propias de cada colexio.

b) Elaborar e aprobar os seus propios estatutos e emitir informe sobre os dos colexios que o integren.

c) Coordinar as actuacións dos colexios que o integren.

d) Representar a profesión no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e ante o correspondente consello xeral, cando así se permita nas súas normas reguladoras.

e) Formar e manter o censo dos economistas incorporados aos colexios de economistas de Galicia.

f) Exercer as funcións disciplinarias respecto dos membros dos órganos de goberno dos colexios que o integran.

g) Fomentar, crear e organizar institucións, servizos e actividades, con relación á profesión de economista que teñan por obxecto a formación e perfeccionamento profesional, a promoción cultural, a asistencia social e sanitaria, a previsión, a cooperación e o mutualismo, o fomento da ocupación e outras actuacións convenientes. Para tales fins, establecerá os concertos ou acordos máis oportunos coa Administración e as institucións ou entidades, públicas ou privadas, que correspondan.

h) Convocar e celebrar congresos, xornadas, simposios e actos similares relacionados coa economía e co exercicio da economía na Comunidade Autónoma. Así mesmo, terá a función, compartida neste caso con todos ou con calquera dos colexios que integran o Consello, de convocar ou patrocinar outros actos científicos e culturais.

i) Editar informes e traballos de carácter económico sobre Galicia e publicar as normas e disposicións de interese para os economistas de Galicia, así como dos proxectos de modificación da lexislación que lles resulte de interese para o exercicio da profesión.

j) A colaboración con poderes públicos na realización e pleno desenvolvemento dos dereitos da persoa e das institucións dentro do seu propio territorio, e na máis eficiente, xusta e equitativa protección, regulación e garantía dos dereitos e liberdades da persoa, especialmente dos economistas galegos.

k) Defender os dereitos dos colexios de economistas galegos, así como os dos seus colexiados, ante os organismos autonómicos galegos, cando sexa requirido polo colexio respectivo ou así estea legalmente establecido, e resolver os conflitos que puideren xurdir entre os colexios galegos, sen prexuízo de ulterior recurso contencioso-administrativo.

l) O exercicio e a xestión daquelas competencias públicas da Xunta de Galicia que lle sexan delegadas ou reciba dela e das facultades que lle poidan ser delegadas pola lexislación xeral do Estado ou por acordo de calquera outra Administración pública competente.

m) Designar representantes de economistas para participar, cando así estivese establecido, nos consellos e organismos consultivos das administracións públicas no ámbito de Galicia.

n) Coñecer e resolver os recursos que poidan interporse contra os acordos dos colexios de economistas de Galicia.

o) Elaborar e aprobar o orzamento de ingresos e gastos e contas anuais do Consello, así como o seu propio réxime económico.

p) Fixar equitativamente a cooperación dos colexios aos gastos do Consello, por achegas fixas, eventuais ou contribucións extraordinarias.

q) Establecer os ingresos propios que puider ter por dereitos e retribucións como consecuencia dos servizos e actividades que preste.

r) Realizar, no relativo ao patrimonio propio do Consello, toda clase de actos de administración, disposición e gravame.

s) Emitir os ditames e informes que lle fosen solicitados ou suxeridos e, sobre todo, os que soliciten a Xunta de Galicia ou o Parlamento de Galicia sobre proxectos ou anteproxectos de disposicións de carácter xeral ou económico que afecten o exercicio da profesión de economista ou das profesións tituladas con carácter xeral.

t) Adoptar acordos xerais e elaborar normas de desenvolvemento en materia de deontoloxía profesional, sen prexuízo da normativa recollida e aprobada polo Consello Xeral de Economistas de España.

u) Calquera outra función similar ás contidas nas alíneas anteriores non expresamente determinada nelas, así como aquelas que lle sexan transferidas ou delegadas polo Consello Xeral de Economistas de España.

Artigo 7. Portelo único

1. O Consello Galego de Economistas disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na normativa vixente, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa en calquera dos colexios do seu ámbito, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia.

2. A través do referido portelo único o Consello Galego de Economistas ofrecerá aos consumidores e usuarios a información seguinte, a cal deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) Os medios e condicións de acceso aos rexistros públicos de profesionais colexiados.

b) As vías de reclamación e os recursos que poderán interporse en caso de conflito entre un colexiado e un destinatario do servizo profesional.

c) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os datos seguintes: o nome e apelidos dos profesionais colexiados, o número de colexiación, os títulos académicos oficiais, a dirección profesional e a situación de habilitación profesional.

d) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

3. O Consello Galego de Economistas deberá adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do previsto no presente artigo e incorporar para iso no seu ámbito tecnoloxías compatibles que garantan o intercambio de datos cos colexios profesionais.

4. Para o cumprimento do disposto no artigo 10.4 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, para a elaboración dun censo autonómico, os colexios provinciais facilitarán ao Consello Galego de Economistas a información concernente ás altas, baixas dos colexiados e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais para o seu coñecemento e anotación nos rexistros autonómicos.

TÍTULO II

Órganos do Consello

CAPÍTULO I

Órganos de goberno

Artigo 8. Da Xunta Directiva

1. O órgano de goberno do Consello Galego de Economistas é a Xunta Directiva, a cal estará composta por:

a) Os decanos-presidentes dos catro colexios que integran o Consello Galego de Economistas.

b) Ademais do decano-presidente, cada colexio designará un representante por cada 500 dos seus colexiados.

c) Os colexios que non alcancen o número de colexiados previsto no punto anterior designarán un único representante.

2. Os representantes na Xunta Directiva do Consello Galego de Economistas –excepto os decanos presidentes– serán designados polas xuntas de goberno dos colexios respectivos. As xuntas de goberno terán, así mesmo, a facultade de revogar a designación dos seus representantes ante o Consello, excepto a dos decanos-presidentes.

3. A Xunta Directiva elixirá democraticamente un presidente de entre os catro decanos-presidentes dos colexios que integran o Consello. Proclamarase presidente o candidato que obtivese, na primeira votación, as dúas terceiras partes dos votos emitidos válidos, ou en segunda, a maioría simple dos votos emitidos válidos. Ocuparán o cargo de vicepresidentes os tres decanos restantes, ordenados segundo criterio do presidente.

4. Por proposta do presidente electo, a Xunta Directiva nomeará de entre os seus membros un secretario, un vicesecretario e un tesoureiro. A renovación dos cargos da Xunta Directiva realizarase de acordo co disposto nos puntos seguintes:

a) Cando por medio de proceso electoral se produza a renovación da Xunta de Goberno de calquera dos colexios integrantes do Consello, estes deberán designar novamente os seus representantes na Xunta Directiva do Consello Galego, excepto o decano-presidente electo, que directamente formará parte da Xunta Directiva.

b) Se entre os representantes por renovar se atopa quen teña o cargo de presidente, vicepresidente, secretario, vicesecretario ou tesoureiro, o devandito cargo deberá someterse a elección ou nomeamento, de acordo co procedemento establecido nos puntos anteriores, salvo que resulten reelixidos ou ratificados polas súas respectivas xuntas de goberno.

c) En calquera caso, se, transcorridos 4 anos desde a elección do presidente, este cargo segue ocupado pola mesma persoa, deberá someterse novamente a elección, e por proposta do presidente electo, deberá procederse á renovación dos cargos de secretario, vicesecretario e tesoureiro e á designación da prelación dos cargos de vicepresidentes.

CAPÍTULO II

Funcionamento

Artigo 9. Competencias

É competencia da Xunta Directiva:

a) Elaborar as normas básicas de organización do Consello, así como os seus estatutos.

b) Acordar sobre todas aquelas funcións asignadas nos artigos 5 e 6 deste estatuto e velar pola execución dos correspondentes acordos.

c) Elixir o presidente e aos demais cargos da Xunta Directiva.

d) Aprobar ou desaprobar a xestión do presidente, exixirlle a responsabilidade que lle corresponda, mediante o debate e votación da pertinente moción de censura, que deberá ser proposta para a súa admisión a trámite por un terzo, polo menos, dos membros da Xunta Directiva, mediante solicitude de convocatoria expresamente cursada para o devandito fin con este único punto da orde do día. A súa aprobación requirirá o voto favorable de dous terzos do número total de membros da Xunta Directiva, presentes ou ausentes. A aprobación da moción de censura levará consigo a celebración, dentro do prazo máximo dun mes, de nova elección de presidente do consello.

Artigo 10. Reunións

1. A Xunta Directiva reunirase, con carácter ordinario, dúas veces ao ano: no primeiro trimestre para aprobar as contas anuais, a memoria anual e examinar a xestión do ano anterior, e no segundo semestre para aprobar os orzamentos. Con carácter extraordinario convocarase por iniciativa do presidente ou cando o soliciten, polo menos, un terzo dos seus membros.

2. A convocatoria da Xunta Directiva acompañarase da orde do día e da documentación pertinente e será cursada pola Secretaría, por decisión da presidencia, polo menos con cinco días de antelación, salvo casos de urxencia excepcional, nos cales será convocada coa antelación mínima de corenta e oito horas.

A convocatoria sinalará o lugar e a hora de celebración, así como os puntos que se vaian tratar na reunión.

A convocatoria poderá realizarse por correo electrónico.

3. As reunións da Xunta Directiva quedarán validamente constituídas cando asistan, polo menos, a maioría simple dos seus compoñentes, coa presenza do presidente e do secretario ou das persoas que legalmente os representen.

4. A Xunta Directiva non poderá adoptar acordos respecto de asuntos que non figuren na orde do día.

5. En caso de ausencia, enfermidade ou vacante de calquera dos membros do órgano de goberno, estes poderán ser substituídos, logo de comunicación acreditada ao Consello, por calquera membro nomeado pola xunta de goberno do colexio correspondente.

Artigo 11. Acordos

Os acordos tomaranse por maioría simple dos asistentes e representados, salvo os referentes ao réxime disciplinario e de revisión de acordos dos colexios, regulados nos títulos V e VI, nos cales o representante do colexio afectado terá voz pero non voto.

TÍTULO III

Dos cargos do Consello

CAPÍTULO I

Do presidente e dos vicepresidentes

Artigo 12. Do presidente

1. O cargo de presidente, elixido conforme o disposto no artigo 8.3 destes estatutos, terá unha duración de catro anos e poderá ser reelixido de maneira indefinida.

O cesamento do presidente por renuncia ou por calquera outra causa dará lugar a nova elección entre os membros da Xunta Directiva de conformidade co disposto no artigo 8.4.b).

2. Corresponde ao presidente:

a) Exercer a representación do Consello, estándolle asignado o exercicio de cuantos dereitos e funcións lle atribúan os presentes estatutos e sexan necesarios para as relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, sempre que se trate de materias de carácter xeral para a profesión dentro do ámbito do Consello. Cando a representación sexa ante órgano público, entidade, corporación ou persoa xurídica ou natural cuxo ámbito de actuación sexa exclusivo no ámbito territorial dun colexio dos integrantes do Consello, poderá delegar no decano-presidente deste colexio a dita representación do Consello. Terá, así mesmo, a capacidade necesaria para representar o Consello en xuízo e outorgar poderes, xerais ou especiais, a procuradores dos tribunais, avogados ou calquera clase de mandatarios, logo de acordo da Xunta Directiva.

b) Exercer as accións que correspondan en defensa de todos os colexios integrados no Consello Galego de Economistas e dos seus colexiados, ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, cando se trate de normas, programas ou resolucións de índole xeral para todos os colexios de Galicia, sen prexuízo da autonomía e competencias que corresponden a cada colexio.

c) Convocar, fixar a orde do día e presidir todas as reunións do Consello. Ordenar as deliberacións e abrir, suspender ou levantar as sesións.

d) Presidir e dirixir as deliberacións, abrir, suspender e pechar as sesións dos congresos, xornadas e simposios que organice o Consello.

e) Autorizar coa súa sinatura as comunicacións e informes que se cursen, así como visar os nomeamentos e certificacións que expida o secretario.

f) Dirimir con voto de calidade os empates que resulten das votacións.

g) Coordinar e impulsar a actividade do Consello, así como cumprir e facer cumprir os acordos adoptados polos órganos do Consello dentro da súa competencia.

h) Adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia, dando conta á Xunta Directiva das decisións adoptadas para a súa ratificación na sesión seguinte.

Artigo 13. Dos vicepresidentes

Os vicepresidentes substituirán o presidente en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Desempeñarán, ademais, todas aquelas funcións que lles confira ou delegue o presidente.

Sen prexuízo das delegacións realizadas polo presidente, os vicepresidentes representarán este, na súa ausencia, e o Consello Galego nos respectivos ámbitos territoriais dos seus colexios.

CAPÍTULO II

Do secretario, do vicesecretario e do tesoureiro

Artigo 14. Das funcións do secretario

Corresponde ao secretario:

a) Expedir e certificar as actas das sesións do Consello. Dar conta das inmediatas anteriores, para a súa aprobación, se for o caso, e informar, se proceder, dos asuntos que en tales reunións deban tratarse e lle encomende o presidente.

b) Executar os acordos do Consello, así como as resolucións que, conforme os estatutos, dite a presidencia.

c) Informar o Consello e os seus membros, con facultade de iniciativa en todos cantos asuntos sexan de competencia do Consello.

d) Realizar todas aquelas actividades tendentes a alcanzar os fins sinalados nas alíneas anteriores.

e) Auxiliar na súa misión o presidente e promover cantas iniciativas de orde técnico-profesional e corporativa deban adoptarse.

f) Levar os libros de actas necesarios, expedir e autorizar as certificacións que procedan, así como as comunicacións e circulares que sexan, se for o caso, autorizadas polo Consello ou polo seu presidente.

g) Formar o censo de colexiados e de sociedades profesionais de Galicia inscritos en cada un dos colexios, levando un ficheiro rexistro dos datos que procedan.

h) Levar o rexistro de sancións anotando en cada expediente as circunstancias do artigo 36.d) destes estatutos (Das relacións cos colexios de economistas).

i) Redactar a memoria anual das actividades e proxectos do Consello.

j) Exercer a alta dirección dos servizos que poidan crear no Consello e calquera outro que lle encomende o mesmo Consello.

k) Asumir a xefatura de persoal administrativo e das dependencias do Consello. Solicitar os informes precisos segundo a natureza dos asuntos por resolver, sen que estes informes sexan vinculantes para o secretario.

l) Levar os rexistros dos estatutos colexiais, das composicións das xuntas de goberno dos colexios e do censo de colexiados dos colexios membros do Consello Galego.

m) Propor e xestionar cantos aspectos sexan conducentes á boa marcha administrativa.

Artigo 15. Do vicesecretario

O vicesecretario substituirá o secretario en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Desempeñará, ademais, todas aquelas funcións que lle confira ou delegue o secretario.

Artigo 16. Das funcións do tesoureiro

Corresponde ao tesoureiro:

a) Expedir, co visto e prace do presidente, os libramentos para os pagamentos que teñan de verificarse e subscribir os mandamentos de pagamento necesarios para o movemento das contas abertas a nome do Consello Galego de Economistas.

b) Levar os libros e demais rexistros contables necesarios para control dos ingresos e gastos e do movemento patrimonial do Consello.

c) Cobrar todas as cantidades que por calquera concepto deban ingresarse nas contas do Consello e dar conta ao presidente e á Xunta Directiva do Consello da situación da tesouraría e do desenvolvemento das previsións orzamentarias.

d) Propor e xestionar cuantos aspectos sexan conducentes á boa marcha contable e de investimento dos fondos do Consello.

e) Preparar a formulación das contas anuais.

f) Elaborar o proxecto de orzamentos.

g) Subscribir os balances de sumas e saldos que da contabilidade se deduzan, efectuando os arqueos que correspondan de maneira regular e periódica.

CAPÍTULO III

Das comisións

Artigo 17. Das comisións

Logo de acordo da Xunta Directiva poderán crearse comisións de traballo específicas ou outros órganos consultivos, cuxo órgano de goberno e regulamento interno será aprobado pola Xunta Directiva, e neles poderán delegarse as funcións correspondentes.

TÍTULO IV

Do réxime económico

Artigo 18. Do réxime económico

A economía do Consello Galego de Economistas é independente da dos respectivos colexios de economistas integrados nel e cada colexio será autónomo na xestión e administración dos seus bens, aínda que contribuirán ao orzamento do Consello na forma que a seguir se sinala.

Artigo 19. Do financiamento

1º. Para cubrir os gastos do Consello Galego de Economistas, este disporá dos seguintes recursos:

a) Das cotas periódicas que se acorde establecer aos colexios de economistas integrantes do Consello, que serán fixadas en proporción ao número de colexiados ou das achegas extraordinarias que se aprobe que deban facer os colexios para cubrir os gastos incorridos ou previstos.

b) A falta de pagamento das liquidacións relativas a dous ou máis períodos trimestrais poderá dar lugar á suspensión do respectivo colexio nas actividades do Consello e dos seus órganos mentres non sexan efectuados os pagamentos e declaracións trimestrais pendentes. Esta medida deberá acordala a Xunta Directiva por proposta do secretario. Desta proposta darase traslado ao colexio ou organización colexial respectiva para que, antes da reunión e por un prazo de dez días, poida efectuar un informe respecto diso.

c) Das achegas que lle poidan corresponder procedentes do Consello Xeral de Economistas de España e outros ingresos deste.

d) O importe dos dereitos económicos polos documentos e certificados que expida.

e) As subvencións oficiais e particulares, donativos e legados que o Consello poida recibir.

f) Derramas extraordinarias que o Consello poida determinar por circunstancias excepcionais.

g) Os dereitos por prestación de servizos e actividades que o Consello realice.

h) As cotas pola inscrición nos órganos ou seccións de ámbito profesional especializado e os dereitos pola utilización dos distintos servizos do Consello polos colexios ou os colexiados.

i) Outros ingresos que o Consello poida percibir con motivo das súas actividades.

2º. Así mesmo, o Consello Galego de Economistas dotarase, se procede, dos medios materiais e humanos necesarios para o desempeño da súa actividade.

No caso de que se lle encomende a algún dos colexios integrantes que desenvolva e execute funcións correspondentes ao Consello Galego de Economistas, aquel ou aqueles terán dereito a ser compensados con cargo aos fondos e recursos económicos de que poida dispor o Consello.

Artigo 20. Do orzamento e das contas anuais

1. O exercicio económico do Consello coincidirá co ano natural, pechándose o exercicio económico o 31 de decembro de cada ano.

2. Na reunión ordinaria da Xunta Directiva, que se celebrará no segundo semestre de cada ano, deberá presentarse para o seu debate e aprobación un proxecto de orzamento para o ano seguinte.

3. As contas anuais formularanse de acordo co marco normativo de información financeira establecido no Plan xeral de contabilidade e as súas adaptacións sectoriais e o resto de normativa contable española que resulte de aplicación, que reflectirán a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados do Consello Galego.

4. Na reunión ordinaria da Xunta Directiva, que se celebrará no primeiro trimestre de cada ano, deberán presentarse para o seu debate e aprobación as contas anuais e liquidación do orzamento do exercicio económico anterior.

5. Os orzamentos anuais do Consello detallarán os ingresos e gastos previstos para o exercicio correspondente integrando todos os seus órganos e actividades.

6. De iniciarse un exercicio económico sen que se aprobe o orzamento correspondente, quedará prorrogado o do exercicio anterior ata a aprobación do novo orzamento, excepto nas partidas que resulten de aplicación disposicións vixentes en materia laboral.

7. As contas anuais do Consello Galego de Economistas serán auditadas, polo menos, cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, do órgano de goberno, sen prexuízo da función fiscalizadora que corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

Artigo 21. Memoria anual

1. O Consello Galego de Economistas estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso, deberá elaborar unha memoria anual que conteña, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións dos membros da súa xunta directiva, en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores concluídos con respecto aos membros dos órganos de goberno dos colexios que o integran, excepto os que formen parte da Xunta Directiva do Consello Galego, indicando a infracción a que se refiren, a súa tramitación e, se for o caso, a sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, á súa tramitación e, se for o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Contido dos seus códigos deontolóxicos en caso de dispor deles.

f) As situacións de conflito de intereses en que se achen os membros da Xunta de Goberno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado.

2. A memoria anual deberá facerse pública no primeiro trimestre de cada ano a través da páxina web.

3. Os colexios e consellos autonómicos fornecerán ao Consello Xeral a información necesaria para a elaboración da memoria correspondente ao conxunto da organización colexial.

Artigo 22. Servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados

1. O Consello Galego de Economistas disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados que, necesariamente, tramitará e resolverá cantas queixas referidas á actividade colexial ou dos colexiados sexan presentadas por calquera usuario ou profesional colexiado, así como por organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa de intereses colectivos.

2. O Consello atenderá as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados que se refiran ao seu ámbito de competencias e trasladará ao colexio de economistas competente aquelas que, de acordo coa normativa, correspondan ao ámbito da súa competencia.

3. O Consello, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: ben informando o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente ao colexio correspondente para que se proceda a instruír o oportuno expediente informativo ou disciplinario, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme a dereito.

4. A regulación deste servizo deberá incluír a presentación de queixas e reclamacións por vía telemática.

TÍTULO V

Do réxime disciplinario

Artigo 23. Competencia sancionadora

1. O Consello Galego de Economistas é competente para o exercicio da función disciplinaria en vía administrativa.

2. En primeira instancia, cando o expediente disciplinario se siga contra algún membro da xunta de goberno de calquera dos colexios de Galicia, salvo que sexa competencia do Consello Xeral de Economistas.

3. En segunda e última instancia administrativa, na resolución dos recursos de alzada interpostos contra os acordos dos colexios. Nestes casos, os representantes do colexio afectado terían voz pero non voto.

Artigo 24. Tipificación das infraccións

As infraccións que poidan levar a sanción disciplinaria clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 25. Faltas moi graves

Son faltas moi graves:

1. As infraccións das prohibicións, no exercicio profesional, en materia de incompatibilidades legais.

2. O incumprimento dos deberes profesionais cando resulte prexuízo grave para as persoas que soliciten ou concerten a actuación profesional.

3. A vulneración do segredo profesional.

4. O exercicio da profesión en situación de inhabilitación profesional ou estando incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

5. A comisión de, polo menos, dúas infraccións graves no prazo de dous anos.

6. A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, con ocasión do exercicio da profesión.

7. Calquera outra que figure no código deontolóxico aprobado polo Consello Xeral de Economistas, ou no código deontolóxico aprobado pola xunta xeral do correspondente colexio.

Artigo 26. Faltas graves

Son faltas graves:

1. O incumprimento ou desatención dos acordos ou requirimentos adoptados polos órganos colexiais e, se for o caso, das obrigacións establecidas nestes estatutos.

2. O encubrimento de actos de intrusión profesional ou de actuacións profesionais que vulneren as normas deontolóxicas da profesión, que causen prexuízo ás persoas que soliciten ou concerten os servizos profesionais ou que incorran en competencia desleal.

3. O incumprimento dos deberes profesionais cando causen prexuízo a quen solicite ou concerte a actuación profesional.

4. A ofensa grave á dignidade doutros profesionais, das persoas que formen parte da xunta de goberno dos colexios que o integran, así como das institucións con quen se relacione como consecuencia do seu exercicio profesional.

5. Os actos ilícitos que impidan ou alteren o normal funcionamento dos colexios profesionais ou das súas xuntas de goberno.

6. A comisión de, polo menos, cinco infraccións leves no prazo de dous anos.

7. Calquera outra que figure no código deontolóxico aprobado polo Consello Xeral de Economistas ou no código deontolóxico aprobado pola xunta xeral de cada colexio.

Artigo 27. Faltas leves

Son faltas leves:

1. As infraccións aos deberes que impón a profesión que non estean consideradas como infraccións graves ou moi graves.

2. A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias e deontolóxicas non tipificadas como faltas moi graves nin graves.

3. Calquera outra que figure no código deontolóxico aprobado polo Consello Xeral de Economistas ou no código deontolóxico aprobado pola xunta xeral do colexio de que proceda o expediente.

Artigo 28. Sancións

As sancións que cabe impor pola comisión de faltas poden ser:

a) Amoestación privada.

b) Advertencia por escrito.

c) Suspensión no exercicio profesional por un prazo non superior a tres meses.

d) Suspensión no exercicio profesional por un prazo de entre tres meses e dous anos.

e) Expulsión do colexio a que pertence.

Artigo 29. Correspondencia entre infraccións e sancións

As infraccións moi graves serán castigadas coa sanción das alíneas d) ou e) do artigo anterior.

As infraccións graves serán castigadas coa sanción prevista na alínea c) do artigo anterior.

As infraccións leves serán castigadas coas sancións previstas nas alíneas a) ou b) do artigo anterior.

Para a debida ponderación das sancións que se impoñan, teranse en conta os seguintes criterios: intencionalidade, importancia do dano causado, ánimo de emendar a falta ou remediar os seus efectos e proveito económico obtido.

Artigo 30. Procedemento disciplinario

O procedemento disciplinario iniciarase de oficio, por instancia de parte ou por queixa de consumidores ou usuarios, tendo como referencia a normativa reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e a normativa que regula a potestade sancionadora. Non se admitirán a trámite denuncias anónimas.

Con anterioridade ao acordo de iniciación do procedemento disciplinario, a Xunta Directiva poderá abrir un período de información previa para coñecer as circunstancias do caso concreto e determinar a procedencia ou non de abrir expediente disciplinario. Esta información terá carácter reservado e a duración estritamente necesaria para alcanzar os obxectivos sinalados. Do mesmo xeito, e como medida preventiva, poderá acordar cantas medidas provisionais considere oportunas para asegurar a eficacia das resolucións que poidan ditarse, sempre que conte con elementos de xuízo suficientes para iso e non cause con elas danos irreparables aos interesados ou a violación dos dereitos amparados polas leis. O nomeamento do instrutor e do secretario non poderá recaer sobre ningún membro da Xunta Directiva que pertenza ao mesmo colexio que o expedientado.

A Xunta Directiva, á vista dos antecedentes dispoñibles, poderá acordar o arquivamento das actuacións ou dispor a apertura de expediente, designando, neste caso, instrutor e secretario. O acordo de apertura de expediente notificarase ao colexiado ou colexiados expedientados.

Tras as dilixencias indagatorias oportunas, o instrutor proporá o sobresemento do expediente ou ben formulará prego de cargos en que se concreten de forma clara os feitos imputados, a infracción presuntamente cometida, e as sancións que poidan serlle de aplicación, concedendo ao expedientado un prazo non inferior a dez días hábiles para contestar por escrito.

No expediente son utilizables todos os medios de proba admisibles en dereito e corresponde ao instrutor a práctica dos que se propoñan e consideren pertinentes ou que este acorde de oficio, deixando constancia en acta das audiencias e das probas practicadas. Concluída a instrución do expediente, o instrutor elevarao, xunto coa correspondente proposta de resolución, á Xunta Directiva. A proposta de resolución notificarase ao expedientado para que, no prazo de quince días hábiles, tras estudar o expediente, poida alegar canto considere conveniente á súa defensa. Nin o instrutor nin o secretario poderán intervir nas deliberacións nin na toma de decisión do órgano disciplinario; así como tampouco o poderán facer aqueles membros da Xunta Directiva pertencentes ao mesmo colexio que o expedientado.

As resolucións acordaranse por maioría de dous terzos do número de membros, en votación secreta, e serán motivadas, apreciando a proba segundo as regras da sa crítica, relacionando os feitos probados en congruencia co prego de cargos, dilucidando as cuestións esenciais alegadas ou resultantes do expediente e determinando, se for o caso, as infraccións e a súa fundamentación, con cualificación da súa gravidade. A decisión final ou resolución poderá ser de sanción, de arquivamento por falta de probas ou por inexistencia de conduta sancionable, ou de sobresemento por prescrición das faltas.

As resolucións serán notificadas integramente aos interesados con indicación dos recursos que procedan, conforme o previsto no capítulo seguinte destes estatutos, e prazos para interpoñelos.

Contra as resolucións do Consello Galego de Economistas, ditadas en primeira instancia, poderá interporse recurso de alzada ante o Consello Xeral de Economistas de España.

Artigo 31. Execución das sancións

As sancións non se executarán mentres non se esgoten todos os recursos en vía administrativa, sen prexuízo das medidas cautelares. Mentres, a Xunta Directiva poderá acordar a suspensión da execución cando se acredite a interposición en prazo de recurso en vía contencioso-administrativa con petición de medida cautelar, estando suxeita ao que preventivamente se acorde en vía xurisdicional.

Se a sanción consiste na expulsión do colexio, a execución quedará en suspenso ata que adquira firmeza a resolución correspondente.

Artigo 32. Comunicación

A xunta de goberno de cada colexio deberá enviar ao Consello Galego e ao Consello Xeral de Economistas testemuño dos seus acordos de sanción nos expedientes disciplinarios dos colexiados por faltas graves e moi graves.

Artigo 33. Prescrición e cancelación

Os prazos de prescrición das infraccións cóntanse desde o día en que a infracción se cometese. Prescribirán as leves en seis meses, as graves, en dous anos, e as moi graves, en tres anos. Os prazos de prescrición das sancións cóntanse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción, sendo, para as leves, un ano; as graves, dúas e as moi graves, tres.

No que respecta a infraccións, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, e volverá o prazo de prescrición correr se o expediente estivese paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao presunto infractor.

En canto ás sancións, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento, do interesado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Os sancionados serán rehabilitados automaticamente nos seguintes prazos, contados desde a data en que se tome a resolución.

1. Se son por infracción leve, ao seis meses.

2. Se son por infracción grave, aos dous anos.

3. Se son por infracción moi grave, ao tres anos.

4. As de expulsión, ao seis anos.

Os prazos anteriores contaranse desde o día seguinte a aquel en que a sanción se executase ou terminase de cumprir ou prescribise.

A rehabilitación supón a anulación de antecedentes para todos os efectos e, no caso das sancións de expulsión, permite ao interesado solicitar a reincorporación ao colexio que corresponda.

A xunta de goberno de cada colexio enviará ao Consello Galego de Economistas e ao Consello Xeral de Economistas testemuño das rehabilitacións acordadas.

TÍTULO V

Dos recursos

Artigo 34. Dos acordos dos colexios de economistas

1. Contra os actos, resolucións e acordos dos colexios de economistas de Galicia suxeitos ao dereito administrativo, os colexiados afectados e demais persoas lexitimadas poderán interpor recurso de alzada ante o Consello Galego de Economistas, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación.

2. Este recurso, que deberá ser razoado e fundamentado, presentarase no prazo dun mes ante o propio Consello ou colexio correspondente. Neste último caso, elevarao ao Consello, xunto co expediente relativo ao acto ou acordo impugnado e, de consideralo conveniente, xunto cun informe sobre o recurso elaborado pola Xunta de Goberno do correspondente colexio.

3. O Consello terá que resolver o recurso de alzada no prazo de tres meses contados desde a súa presentación. Transcorrido o devandito prazo sen notificarse acordo sobre o recurso, considerarase desestimado por silencio administrativo, salvo que o recurso fose interposto contra a desestimación presunta dunha solicitude por transcurso do prazo, caso en que se entenderá estimado o recurso se, chegado o seu prazo de resolución, o órgano competente non ditase resolución expresa sobre el. O acordo do Consello, expreso ou presunto, esgotará a vía administrativa e contra el poderá interporse recurso contencioso-administrativo.

Artigo 35. Dos acordos do Consello Galego de Economistas

Contra os actos, resolucións e acordos do Consello Galego de Economistas, suxeitos ao dereito administrativo, os colexios que formen parte del e calquera outro interesado poderán interpor recurso extraordinario de revisión nos prazos e supostos previstos no capítulo II do título V da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O Consello deberá resolver o recurso no prazo de tres meses contados desde a súa presentación e, transcorrido o devandito prazo sen notificarse a resolución expresa, considerará aquel desestimado por silencio administrativo. Contra o acordo do Consello, expreso ou denegatorio por silencio, poderá interporse recurso contencioso-administrativo.

TÍTULO VII

Das relacións do Consello Galego de Economistas

Artigo 36. Das relacións cos colexios de economistas

Os colexios de economistas de Galicia terán que notificar á Secretaría do Consello:

a) Os seus respectivos estatutos e modificacións.

b) Os nomes dos compoñentes das súas xuntas de goberno.

c) A relación de colexiados, exercentes ou non exercentes, en 31 de decembro de cada ano e as altas e baixas que se produzan, con indicación da causa destas últimas, co obxecto de poder levar o correspondente censo de economistas.

d) As sancións disciplinarias que impoñan, a firmeza das resolucións sancionadoras, os recursos e acordos de suspensión, os acordos resolutorios daqueles, o inicio da execución, o cumprimento e a cancelación.

Artigo 37. Das relacións coas universidades de Galicia

1. O Consello, sen prexuízo das competencias que respecto diso teñen os colexios que o integran, colaborará coas universidades galegas e, fundamentalmente, coas facultades, centros, e institucións que impartan estudos que habiliten para a colexiación; colaborará, de acordo coa lexislación vixente, na elaboración de plans de estudo das devanditas entidades, formación de posgrao, formación continuada, e outras similares, formación en prácticas en despachos e sociedades de colexiados exercentes e empresas con economistas en cargos directivos, baixo cuxa dirección os alumnos realizarán as correspondentes prácticas sen prexuízo da tutela académica correspondente. Colaborará o Consello na organización de cursos, seminarios, conferencias e actividades relacionadas coa materia económica e a economía galega, para o que o Consello e os colexios poderán formalizar esta colaboración en convenios de colaboración coas distintas universidades galegas.

2. O Consello colaborará, así mesmo, coas asociacións de alumnos, asociacións de antigos alumnos e outras similares, así como con fundacións e outras entidades vinculadas ás universidades galegas para a organización de estadías, prácticas universitarias e profesionais, intercambios, viaxes, conferencias, seminarios e demais actividades relacionadas coa economía e as empresas galegas.

Artigo 38. Das relacións coa Xunta de Galicia, institucións e entes públicos galegos

O Consello terá que comunicar á consellería ou consellerías competentes en materia de colexios profesionais:

a) O texto dos seus estatutos e as súas modificacións, que deberán aprobarse conforme o establecido no artigo 28 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As persoas que integran o Consello con indicación dos cargos que ocupan, así como todas as modificacións que se produzan na composición da xunta directiva.

c) O Consello, sen prexuízo das competencias dos colexios que o compoñen, colaborará coa Xunta de Galicia, institucións, organismos, sociedades, ou equivalentes dela dependentes, entidades locais, e similares, en todas aquelas actividades que repercutan no coñecemento, e beneficio da economía galega, instrumentando os convenios precisos coas distintas consellerías, institucións, entes, ou equivalentes, na realización de cursos, publicacións, colaboración coa xustiza e os seus tribunais, organización de quendas de oficio en actuacións xudiciais, difusión do idioma galego no terreo económico-financeiro, formación ocupacional, adecuación da formación dos economistas ás variacións do mercado de traballo, organización de cursos de especialización, nomeamento de membros expertos para formar parte de tribunais de acceso á formación pública en representación dos colexios profesionais, ou similares.

Disposición adicional pimeira

Corresponde ao Consello Galego de Economistas a regulamentación, desenvolvemento e interpretación deste estatuto así como velar polo seu cumprimento.

Disposición adicional segunda

Con carácter supletorio será de aplicación o Estatuto do Consello Xeral de Economistas de España en todos aqueles aspectos que non estean recollidos neste estatuto. En todo caso, os fins e funcións do Consello enténdense sen prexuízo da competencia da Administración pública por razón da relación funcionarial.