Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 5 de xuño de 2018 Páx. 27612

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (DOI 767/2017).

Eu, María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de despedimento obxectivo individual 767/2017 deste xulgado do social, seguido por instancia de Silvia Casas Ferreira contra a empresa Aparcamiento Labacolla, S.L., ditouse sentenza cuxa parte dispositiva se xunta:

«Que, estimando integramente a demanda interposta por Silvia Casas Ferreira contra Aparcamiento Labacolla, S.L. efectúo os pronunciamentos seguintes:

1. Debo declarar e declaro a improcedencia do despedimento da demandante efectuado pola mercantil demandada con efectos do 12 de setembro de 2017, e debo condenar e condeno a Aparcamiento Labacolla, S.L. a que readmita inmediatamente a traballadora demandante nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento con aboamento dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento ata a notificación desta sentenza a razón de 47,78 euros diarios, ou ben, a elección do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento á demandante dunha indemnización de 19.506,19 euros por despedimento improcedente.

A opción polo empresario entre a readmisión do traballador e a indemnización por despedimento improcedente deberá exercerse no prazo de cinco días contados a partir da notificación da presente sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o devandito prazo sen que o empresario optase entenderase que procede a readmisión.

2. Debo condenar e condeno a mercantil demandada a aboarlle á demandante a suma de 1.719,94 euros brutos polos conceptos e coa desagregación efectuada no feito probado sexto desta resolución, máis os xuros previstos no artigo 29.3 do ET sobre a devandita cantidade desde a data de presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución e os do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución.

3. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa deberá observarse o que resulte da aplicación do artigo 33 do ET.

Notifíquese ás partes a presente resolución e fágaselles saber que fronte a ela poderán interpoñer recurso de suplicación para ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de cinco días contados dende o seguinte ao da súa notificación».

E para que sirva de notificación en legal forma a Aparcamiento Labacolla, S.L., en ignorado paradoiro, expido a presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto, decreto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2018

A letrada da Administración de xustiza