Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 5 de xuño de 2018 Páx. 27545

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 22 de maio de 2018 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica forestal.

De conformidade co establecido no Decreto 19/2016, do 25 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 45, do 7 de marzo) esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica forestal.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir oito (8) prazas do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica forestal, polas quendas de promoción interna e de acceso libre.

O sistema selectivo será o de oposición.

I.1.1. O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna é de catro (4).

O número de prazas reservadas á quenda de acceso libre é de catro (4).

Se as prazas reservadas á quenda de promoción interna non se cobren, acumularanse á quenda de acceso libre.

I.1.2. De conformidade co Decreto 19/2016, do 25 de febreiro, do total de prazas convocadas reservarase unha (1) praza para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. Esta cota de reserva aplicarase ao sistema de acceso libre.

Se esta praza non se cobre, acumularase á quenda de acceso libre.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar o proceso elaborarase unha relación única na que se incluirán todas as persoas aspirantes que superasen todas as probas selectivas, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.

I.1.3. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas: promoción interna, acceso libre ou discapacidade. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, serán excluídas nas listaxes provisionais que se publiquen. De non emendar o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídas.

De ser o caso, as aclaracións ou as correccións respecto ao cambio de quenda deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. A este proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (en diante TRLEBEP), a LEPG, e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para ser admitidas nos procesos selectivos, as persoas aspirantes deberán posuír, no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira, os seguintes requisitos:

I.2.1. Para promoción interna.

I.2.1.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de enxeñeiro técnico forestal ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico forestal.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se for o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación a quen obtivera o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de Dereito da Unión Europea.

I.2.1.3. Pertencer como persoal funcionario de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C1 da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo administrativo ou corpo de axudantes de carácter facultativo).

I.2.1.4. Ter prestado servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como persoal funcionario nalgún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo C1 da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo administrativo ou corpo de axudantes de carácter facultativo) desde o que participen, computados desde o ingreso ou desde a integración nel.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de familiares (artigos 167 e 176 da LEPG).

I.2.1.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.1.6. Habilitación: non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

I.2.2. Para acceso libre.

I.2.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de enxeñeiro técnico forestal ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico forestal.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se for o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtiveran o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de Dereito da Unión Europea.

I.2.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade, terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao igual ou superior ao 33 %.

I.2.3. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á escala obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para formalizar telematicamente as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo expresamente na solicitude, e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, e no Decreto 19/2016, do 25 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a persoa solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta de pagamento: consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da publicación desta convocatoria no DOG e que na data de presentación da solicitude non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción a persoa solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberaa presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada, dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

• Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar onde conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego na que conste que figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal na que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nas oficinas de Correos e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

No caso de que a persoa solicitante autorice á Administración á consulta dos datos sobre discapacidade, familia numerosa ou desemprego non terá que presentar a documentación á que se fai referencia.

Para o anterior deberá autorizar a Administración para a consulta nos recadros habilitados para estes efectos na solicitude de inscrición no proceso selectivo.

• Non exenta de pagamento: a persoa solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento electrónico:

• Sen certificado dixital: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

• Con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Para a devolución da taxa aboada, as persoas solicitantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso ás persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático CIXTEC no número 981 54 13 00, de luns a venres das 8.30 ás 20.00 horas, e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e número do DNI, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das peticións de corrección entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar, tras superar a oposición, se desprenda que non posúen algún dos requisitos decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas que figuran no anexo I e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de noventa (90) preguntas tipo test, propostas polo tribunal, das que vinte (20) corresponderán á parte común do programa e setenta (70) á parte específica, máis cinco (5) preguntas de reserva, das que dúas (2) corresponderán á parte común do programa e tres (3) á parte específica. Cada pregunta conterá catro (4) respostas alternativas das que só unha delas será a correcta.

O exercicio terá unha duración máxima de cento vinte (120) minutos.

As persoas aspirantes na quenda de promoción interna estarán exentas neste exercicio da parte común do programa, polo que contestarán unicamente ás setenta (70) preguntas, máis as tres (3) de reserva, correspondentes á parte específica.

Ao remate da proba cada persoa aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte (20) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que cada resposta incorrecta descontará un terzo dunha pregunta correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A realización deste exercicio non terá lugar antes dos dez (10) meses posteriores a data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un suposto práctico tipo test de trinta e cinco (35) preguntas, con catro (4) respostas alternativas das que só unha delas será a correcta, máis catro (4) preguntas de reserva, sobre un ou varios textos propostos polo tribunal relacionados coas materias que figuran na parte específica do programa.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de cento trinta (130) minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e, para superalo será necesario obter un mínimo de vinte (20) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que cada resposta incorrecta descontará un terzo dunha pregunta correcta.

Ao remate da proba cada persoa aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio: desenvolvemento por escrito de un (1) tema, a elixir entre tres (3) obtidos mediante sorteo de entre os que figuran na parte específica do programa.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de noventa (90) minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de dez (10) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

O tribunal cualificará este exercicio valorando, entre outros, os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.4. Cuarto exercicio: consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de trinta (30) preguntas tipo test con catro (4) respostas alternativas das que só unha delas será a correcta, máis tres (3) preguntas de reserva, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega.

O exercicio terá unha duración de corenta (40) minutos.

O cuestionario deberá obrigatoriamente recoller contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua: léxico, sintáctico e gramatical correspondentes ao nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Cada resposta incorrecta descontará un terzo dunha pregunta correcta.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar o resultado de apto.

Ao remate da proba cada persoa aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten, no prazo no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións do segundo exercicio, que posuían antes do día de finalización do prazo disposto na base I.2 desta convocatoria, o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Na quenda de promoción interna e para a exención deste exercicio, xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes na que figurarán aquelas que, por ter acreditado a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación iniciarase alfabeticamente pola primeira persoa aspirante da letra «O», consonte a Resolución do 3 de febreiro de 2016 (DOG núm. 29, do 12 de febreiro) pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución do 22 de xaneiro de 2016 da Consellería de Facenda (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2016.

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, as que integran o tribunal e as designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como persoal colaborador.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal para acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos dous (2) días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con dous (2) días hábiles, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización dun exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal. Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento. No caso de que non se acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano que convoca, que publicará a orde que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará ás persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exames, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

II.2. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas que superaron o proceso selectivo antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano que convoca poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeado persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, o artigo 60 do TRLEBEP e o artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá serlle comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor dos previstos na base III.9, e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

III.3. A autoridade que convoca publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán a quen perdera a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus integrantes, con presenza en todo caso da Presidencia e da Secretaría deste.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da Secretaría e o visto e prace da Presidencia.

III.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo, agás aqueles nos que estea prevista a lectura pública, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá a aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que considere pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes aspirantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ao que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

Posto que na escala existe infrarrepresentación feminina, no suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

1) Criterio de desempate recollido no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, segundo o cal o empate se resolverá a favor da muller.

2) Puntuación obtida nos exercicios pola súa orde de realización.

3) Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

4) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu DNI. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación das persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Fotocopia cotexada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separada/o nin despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do que foi separado ou inhabilitado, nin pertencer ao mesmo corpo, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

c) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Quen tivese a condición de persoal funcionario de carreira da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia estará exento de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

IV.4. As persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, que se publicará no DOG indicando o destino adxudicado.

IV.6. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1. Ao teor do disposto no artigo 80 da LEPG, as persoas aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna tomarán posesión da praza que viñesen desempeñando con carácter definitivo, cando esta, segundo os requisitos exixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por persoal funcionario pertencente aos corpos e ás escalas a que accedan.

IV.7. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2018

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I

Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica forestal

Parte común:

1. A Constitución española de 1978: estrutura e contido. Os valores superiores. Os principios constitucionais. Dereitos fundamentais e liberdades públicas, a súa garantía e a suspensión.

2. A organización territorial do Estado. Organización constitucional do sistema autonómico. Distribución constitucional de competencias entre o Estado e as Comunidades Autónomas. A Administración local.

3. O Estatuto de autonomía de Galicia: estrutura e contido. As competencias da Comunidade Autónoma de Galicia: exclusivas, concorrentes e de execución da lexislación do Estado.

4. A organización institucional da Comunidade Autónoma de Galicia. O Parlamento. A Xunta e a súa Presidencia. A Administración de Xustiza en Galicia.

5. A Administración autonómica. A organización da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Entidades instrumentais do Sector Público Autonómico.

6. O ordenamento xurídico da Unión Europea. Eficacia directa e primacía do dereito comunitario. Dereito orixinario e derivado. As institucións da Unión Europea. Composición e atribucións. As competencias da Unión Europea.

7. O dereito administrativo. As fontes do dereito administrativo. O acto administrativo. Revisión dos actos administrativos. Recursos contra os actos administrativos. O procedemento administrativo común: fases.

8. O acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos. Normativa de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia. Sede electrónica. Identificación e autenticación. Rexistros, comunicacións e notificacións electrónicas. A xestión electrónica dos procedementos.

9. A responsabilidade patrimonial da Administración. O réxime xurídico no sistema español. Responsabilidade de autoridades e funcionarios. Responsabilidade das administracións públicas por actos dos seus concesionarios e contratistas.

10. Os contratos do sector público. Obxecto e ámbito de aplicación. Elementos. Clases. Preparación, adxudicación e formalización. Execución e modificación. Extinción.

11. As subvencións. Réxime xurídico das subvencións na Administración da Xunta de Galicia: concepto. Partes na relación subvencionable. Establecemento. Procedemento de concesión, xestión e xustificación. Causas de reintegro.

12. A Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia. A Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia: principios xerais. O orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia: contido, estrutura, elaboración e aprobación. Fases da execución.

13. O persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia: clases e normativa de aplicación. Adquisición e perda da relación de servizo. Réxime disciplinario. Dereitos e deberes dos funcionarios públicos. Situacións administrativas. Réxime de incompatibilidades.

14. A protección de datos de carácter persoal. Normativa reguladora. Principios informadores e dereitos das persoas en materia de protección de datos. Ficheiros de titularidade pública. Réxime sancionador.

15. Políticas de igualdade de xénero. Disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: disposicións xerais. A transversalidade. A erradicación do uso sexista da linguaxe. As condicións de emprego en igualdade na Administración pública galega. Medidas de conciliación e corresponsabilidade no emprego público. Políticas contra a violencia de xénero. A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: medidas de sensibilización, prevención e detección. Dereitos das mulleres vítimas da violencia de xénero.

16. Discapacidade. A definición de discapacidade segundo a Organización Mundial da Saúde. O Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: consideración de persoa con discapacidade. Dereitos. Especial consideración do dereito á vida independente e de participación en asuntos públicos. Igualdade de oportunidades e non discriminación.

17. Transparencia. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: transparencia da actividade pública e bo goberno. Acceso á información pública. Mecanismos de coordinación e control. O Comisionado da Transparencia. A Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación. Dereitos da cidadanía nas súas relacións coas Administracións públicas.

Parte específica:

1. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia forestal e de conservación da natureza. A Consellería do Medio Rural: a súa estrutura orgánica e funcional. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: a súa estrutura orgánica e funcional.

2. A estratexia forestal europea e española. A revisión do Plan forestal de Galicia do ano 1992: procedemento e directrices. O 4º IFN en Galicia: comentarios dos resultados máis relevantes en comparación co 3º, 2º e o 1º IFN.

3. Conservación da biodiversidade a nivel internacional e comunitario. A biodiversidade nas políticas de mitigación e adaptación ao cambio climático. Estratexia española do patrimonio natural e da biodiversidade. Principais causas da perda da biodiversidade. A xestión das especies exóticas invasoras.

4. Características do medio físico galego: xeoloxía, xeomorfoloxía, climatoloxía, hidroloxía, edafoloxía e paisaxe.

5. A propiedade da terra en Galicia: características e problemática. Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras: o Banco de Terras de Galicia e a súa xestión. Concepto de monte, clasificación dos montes e réxime xurídico na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes e na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Catálogo de montes de utilidade pública. Montes protectores e montes con outras figuras de especial protección. Deslindamento dos montes.

6. Situación actual da lexislación forestal. A Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Outra normativa concorrente europea, estatal e autonómica.

7. O Programa de desenvolvemento rural de Galicia (2014-2020): medidas forestais. Principios básicos de control e Plan galego de controis Feader non SIXC.

8. Instrumentos financeiros da Unión Europea aplicables ao sector forestal. Os fondos estruturais e de investimento comunitario (EIE): Feder e Feader. Consideracións xerais.

9. A política ambiental da Unión Europea. Sétimo Programa marco de acción en materia de Medio Ambiente: prioridades.

10. Certificación forestal: orixe e consecuencias. Criterios e indicadores de xestión sustentable. Sistemas actuais de certificación forestal. O sistema PEFC. Organización, niveis de aplicación e procedementos de certificación. Certificación da xestión forestal. Certificación da cadea de custodia.

11. O sector forestal e a súa contribución á produción final agraria en Galicia. Axudas sectoriais. A industria forestal: problemática, evolución e perspectivas. Estrutura de produción. Industria da serra, do taboleiro, da pasta, principais procesos de produción. Comercialización. A Axencia Galega da Industria Forestal.

12. Os espazos naturais protexidos. Clasificación segundo o réxime de protección internacional, comunitario, nacional e autonómico. Instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos en Galicia. Procedemento de declaración e a xestión dos espazos naturais protexidos en Galicia. A Rede Natura 2000 en Galicia, principais taxons e hábitats representados. Plan director da Rede Natura 2000.

13. Montes veciñais en man común. Lexislación específica. Os xurados provinciais de montes veciñais en man común. Os actos de disposición. O papel da Administración. A xestión pública. Convenios, consorcios e contratos temporais de xestión pública. Os montes de particulares. Distribución de superficies forestais en Galicia segundo formas de propiedade.

14. Ordenación de bacías hidrográficas. Clasificación. A erosión do solo: técnicas para a súa avaliación. Unidades hidrolóxicas e parámetros. Balance hídrico. Economía da auga, vexetación forestal e planificación de usos. Hidroloxía torrencial. Fixación, defensa e reconstrución de ribeiras.

15. Recolección e utilización de sementes forestais. Elección de masas selectas e creación de hortas de sementes. Técnica de recolección. Identificación e conservación de sementes. Viveiros. Infraestrutura e instalacións. Programas de mellora xenética.

16. Método de beneficio e tratamento de masas arbóreas. Métodos de beneficio: definición, clases e criterios de selección deste. Tratamentos: monte alto irregular. Monte medio. Monte baixo. Coidados de masas arbóreas: limpas, claras, podas, labores, fertilizantes, herbicidas. Técnicas e métodos de coidado.

17. Características botánicas, ecolóxicas e silvícolas das coníferas con relevancia forestal na Comunidade Autónoma galega.

18. Características botánicas, ecolóxicas e silvícolas das frondosas con relevancia forestal na Comunidade Autónoma galega.

19. O inventario forestal: obxectivos, concepción, estrutura, traballos de campo, traballos de gabinete. Métodos de mostraxe. Cálculo de existencias e de crecementos. Estimación da estrutura das masas e das existencias en volume. Metodoloxía na realización do cuarto IFN.

20. Ordenación de montes: a organización das masas en función dos obxectivos e dos recursos. División do monte: criterios. O monte normal: cabida, existencias e posibilidade. A corta como método de organización do monte arborizado. Métodos de ordenación modernos para masas regulares e semirregulares. Valoración forestal: fórmulas, criterios.

21. Ordenación de montes en Galicia: categorías de instrumentos de ordenación e xestión forestal (IOXF). Ámbito. Estrutura e contido dos IOXF. Os modelos silvícolas, de xestión forestal e de referentes de boas prácticas. O Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia. A Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia.

22. Aproveitamentos forestais. O Decreto 50/2014, do 10 de abril. A corta. A corta como organización. Carácter das cortas. Preparación das cortas. Localización das cortas e posibilidades de cuartel. Aproveitamentos forestais complementarios.

23.Técnicas de repoboación. Repoboación en zonas húmidas e subhúmidas. Principais especies forestais usadas na Comunidade Autónoma. Métodos, técnicas e maquinaria. Impacto da repoboacións forestais.

24. Infraestruturas forestais. Vías de acceso de saca. Factores que inflúen sobre a economía viaria de zonas montañosas. Plans de acceso e de extracción de produtos. Principais construcións forestais.

25. Ecosistemas: poboación. Produción. Explotación. Parámetros enerxéticos. Pirámides tróficas e enerxéticas. Relacións interespecíficas. Relación medio-individuo. Sucesións. Estratificación. Accións e reaccións. Simulación ecolóxica. Ecosistemas de Galicia.

26. A protección da fauna e da flora. Normativa específica. Os catálogos e rexistros de fauna e flora. Os endemismos galegos. Catálogo galego de especies ameazadas. Catálogo galego de árbores senlleiras.

27. Xestión cinexética. A Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Os plans de ordenación dos recursos cinexéticos. As especies cinexéticas de Galicia. Técnicas e procedementos de ordenación cinexética. Repoboacións cinexéticas. Mellora dos hábitats. Granxas cinexéticas: peculiaridades construtivas, normativa de aplicación, situación en Galicia.

28. Técnicas de protección e fomento das poboacións piscícolas. Conservación e mellora do hábitat fluvial. Bases técnicas das principais infraestruturas: capturadeiros, centros ictioxénicos, canles de desova e cría. As repoboacións piscícolas: xustificación e técnicas.

29. A avaliación ambiental: Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

30. A metodoloxía técnica de avaliación ambiental. Deseño de medidas protectoras e correctoras. Avaliación ambiental de plans, programas e proxectos con potencial afección sobre os espazos da Rede Natura 2000. Medidas compensatorias.

31. Sistemas de información xeográfica (SIX): descrición, modelos de datos espaciais. Métodos e procedementos de captura de información. Explotación dun SIX: funcións de análise e consultas, a súa utilidade na xestión do medio natural. Infraestruturas de datos espaciais. Directiva Inspire. Coordinación e información territorial en Galicia.

32. Os incendios forestais. As súas clases, causas e factores que inflúen na súa propagación. A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. O servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais da Xunta de Galicia: estrutura organizativa e funcións. O planeamento da defensa do espazo rural. O PLADIGA. A Directriz básica de planificación de protección civil de emerxencias por incendios forestais. O PEIFOGA.

33. Acceso á información en materia de ambiente: Convenio de Aarhus. A participación na xestión ambiental. Normativa da Unión Europea. A información ambiental en España. A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente. O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

34. A educación ambiental. Concepto, principios básicos e instrumentos para a educación ambiental. Interpretación do patrimonio ambiental. O CENEAM e o CEIDA: obxectivos e programas de traballo. O Observatorio Galego de Educación Ambiental.

35. Sanidade forestal: principais enfermidades, pragas forestais e danos en Galicia. Medidas culturais, preventivas e terapéuticas. Tratamentos biolóxicos. Marco xurídico da sanidade forestal no contexto autonómico, español e da Unión Europea. Marco competencial en materia fitosanitaria na Xunta de Galicia. Declaración de pragas e enfermidades forestais. A rede de seguimento de danos nos bosques.

ANEXO II

Dª/D. ..., con domicilio en ..., e con DNI/pasaporte ... declara, para os efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica forestal, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se atopa en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso á dita escala.

..., ... de ... de 201...

ANEXO III

Dª/D. ..., con domicilio en ..., e con DNI/pasaporte ... declara, para os efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica forestal, que non se atopa inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(país e localidade) ..., ... de ... 201...