Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2018 Páx. 26129

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 11 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 400263.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

As empresas solicitantes poderán ser pemes, micropemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea, con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas, e deberán contar cun mínimo de 5 persoas traballadoras.

Tamén poderán presentar solicitude as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia que deberán ter contratado nesta Comunidade Autónoma un mínimo de 8 persoas.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras, para o ano 2018, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas e incentivos a pemes e micropemes, incluídas persoas traballadoras autónomas, para implantar sistemas de xestión de RSE (TR357B), a igualdade laboral (TR357C), así como para adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral (TR357D), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 11 de maio de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE), a igualdade laboral e a conciliación laboral e persoal, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un millón trescentos catorce mil cento dous euros (1.314.102 €), de acordo coa seguinte distribución:

Liña I. Certificacións de RSE: cento cincuenta e cinco mil oitocentos oitenta euros (155.880 €).

Liña II. Elaboración e implantación de plans de igualdade: catrocentos mil euros (400.000 €).

Liña III. Conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

Subliña 1. Incentivos para o fomento do teletraballo: trescentos dezaseis mil seiscentos once euros (316.611 €).

Subliña 2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria: trescentos dezaseis mil seiscentos once euros (316.611 €).

Subliña 3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo: cento vinte e cinco mil euros (125.000 €).

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2018

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria