Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 22 de maio de 2018 Páx. 25334

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2018, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Gondomar e Nigrán (expediente IN407A 2017/717-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción das instalacións eléctricas que a continuación se describen:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36000 Vigo.

Denominación: LMTS cambio sección GON807-fase 2 y CS.

Situación: Gondomar e Nigrán.

Características técnicas: instalación de SXS e paso aéreo-subterráneo (PAS) no apoio 4 da LMTA GON804 e LMT subterránea a 20 kV con condutor RHZ en tres actuacións:

1. 1.289 metros; orixe: PAS no apoio 4; final: punto de acceso existente na LMTS GON807.

2. 158 metros; orixe: punto de acceso proxectado; final centro de seccionamento proxectado (CS).

3. 25 metros; orixe: CS proxectado; final: PAS proxectado no apoio existente C-2500-11.

Centro de seccionamento, con celas prefabricadas compactas baixo envolvente metálica, con illamento e corte en SF6, situado en Areosa, Donas, Gondomar.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 5 de xaneiro de 2018, no BOP do 3 de xaneiro de 2018, no xornal Faro de Vigo do 27 de decembro de 2017, no BOE do 3 de xaneiro de 2018 e no taboleiro de anuncios do Concello de Gondomar. Durante o mencionado trámite recibiuse a seguinte alegación:

Con data do 8 de xaneiro de 2018, Herminio Narciso González presenta escrito de alegacións nesta xefatura territorial no cal manifesta o seu desacordo coa declaración de utilidade da instalación eléctrica por considerar que sería un abuso de dereito e que a insta e se beneficia unha empresa de carácter mercantil, polo que solicita que se deixe sin efecto a dita declaración.

Con data do 12 de febreiro de 2018, Juan José Coiradas Sambade, en representación de Unión Fenosa Distribución, S.A., presenta nesta xefatura territorial contestación ás alegacións, e solicita que se continúe co procedemento de declaración de utilidade pública de acordo co artigo 54 da Lei 24/2013, do sector eléctrico.

Unha vez examinados ambos os escritos, ao non existiren as limitacións previstas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedimentos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e ao non ter proposto o reclamante alternativa ningunha ao trazado da instalación proxectada, ao tratarse dunha instalación eléctrica de distribución, de acordo co artigo 54 da Lei 24/2013, do sector eléctrico e o 140 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, procede a declaración de utilidade pública da instalación proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecimento.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economia e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG nº 54, do 19 de marzo), esta xefatura territorial, resolve:

Conceder autorización administrativa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola dita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 20 de abril de 2018

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra