Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 22 de maio de 2018 Páx. 25173

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 4 de maio de 2018 pola que se aproba o Plan de inspección en materia de seguridade industrial e metroloxía na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

A regulación do réxime de inspección industrial e dos plans e programas de inspección en materia de seguridade industrial recóllese no título I do libro primeiro do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 219/2008, do 25 de setembro, regúlase a actividade administrativa de inspección, entendida como a actividade pola cal a consellería competente en materia de industria, cos seus propios medios ou a través da colaboración de entidades legalmente habilitadas, ten por obxecto a supervisión, control e vixilancia dos establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais, comprobando a adecuación da súa posta en funcionamento e condicións de servizo aos requisitos legais, regulamentarios e técnicos previstos na normativa aplicable e, se for o caso, exixir as responsabilidades que correspondan nos supostos de incumprimentos legais ou defectos técnicos.

Tal e como establece o artigo 13.2 do Decreto 219/2008, do 25 de setembro, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de industria aprobaranse o obxecto, contido e ámbito de actuación que informan cada plan, así como as instrucións que deben cumprir as entidades legalmente habilitadas e os servizos correspondentes das delegacións provinciais do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria, para levar a cabo as inspeccións que deben realizarse conforme o plan e programas que se aproben.

Por outra banda, a Lei 32/2014, do 22 de decembro, de metroloxía, e o Real decreto 244/2016, do 3 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 32/2014, do 22 de decembro, de metroloxía, constitúen o marco legal da metroloxía en España.

No artigo 32 do Real decreto 244/2016, establécese que as administracións públicas competentes poderán comprobar en calquera momento por si mesmas o cumprimento dos requisitos legal e regulamentariamente establecidos para os organismos notificados, os organismos de control metrolóxico, os organismos autorizados de verificación metrolóxica e dos reparadores; no mesmo sentido, o artigo 49 establece que o período de vixencia das inscricións no Rexistro de Control Metrolóxico será indefinido e que as administracións públicas competentes velarán periodicamente polo mantemento das condicións que deron lugar á inscrición.

A regulación do réxime de inspección no ámbito da metroloxía e dos plans e programas de inspección recóllese no Decreto 78/2011, do 14 de abril, polo que se establece a ordenación das funcións do control metrolóxico do Estado que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia e se aproba o Regulamento de vixilancia e inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico. Nel establécese que corresponde á dirección xeral con competencias en materia de industria a elaboración e aprobación dos plans de actuacións de vixilancia e inspección programados, coa extensión temporal que se determine nestes e con base en criterios de oportunidade, aleatoriedade ou outros que considere pertinentes. Mediante resolución do seu titular apróbanse o obxecto, o contido e o ámbito de actuación, así como as instrucións que deben cumprir os servizos correspondentes das xefaturas territoriais da consellería con competencias en materia de industria ou os organismos que como tales poidan actuar.

Conforme o Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a devandita consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponde o exercicio das competencias e funcións nos ámbitos da industria, da seguridade industrial e da metroloxía.

En virtude de todo o anterior, e de conformidade coas atribucións que me son conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Por medio desta orde procédese a aprobar o Plan de inspección en materia de seguridade industrial e metroloxía na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Artigo 2. Obxecto, contido e ámbito de actuación do Plan de inspección

1. O obxecto do Plan de inspección será, na parte de seguridade industrial, o de comprobar a adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos, instalacións e actividades respecto dun ou varios dos regulamentos de seguridade e normativa que lles sexan aplicables.

2. O obxecto do Plan de inspección, na parte de metroloxía, será a comprobación de que os reparadores de aparellos taxímetros que presentaron a súa declaración responsable cumpren os requisitos legal e regulamentariamente exixidos.

3. O Plan de inspección 2018 estará composto por sete programas. Os seis primeiros corresponden ao ámbito da seguridade industrial e o sétimo ao da metroloxía.

Programas

Sectores

Nº de inspeccións

1

Accidentes graves

Establecementos industriais afectados polo Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, no seu nivel superior

16

2

Parques eólicos

Parques eólicos con acta de posta en servizo (autorización de explotación) da anualidade 2003

14

3

Liñas de alta tensión

Inspección do cumprimento do Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, das liñas eléctricas de alta tensión, situadas nas zonas de protección delimitadas na Resolución do 28 de novembro de 2011 (DOG do 21 de decembro)

100

4

Gases fluorados: empresas

Empresas habilitadas segundo se definen no Real decreto 115/2017, do 17 de febreiro

50

5

Gases fluorados: instalacións

Aparellos fixos de refrixeración, aire acondicionado ou bomba de calor e sistemas fixos de protección contra incendios que conteñan gases fluorados

50

6

Vixilancia do mercado de fiestras e portas motorizadas

Empresas fabricantes de fiestras e portas motorizadas

50

7

Declaracións responsables

Empresas reparadoras de aparellos taxímetros

As presentadas ata a data de publicación da presente orde

Artigo 3. Execución

1. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas fará a selección dos establecementos, instalacións e actividades que sexan obxecto de inspección con criterios de oportunidade e aleatoriedade.

2. As xefaturas territoriais da consellería remitirán á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, no prazo de tres meses desde o remate da execución do Plan de inspección, os resultados dos programas 1, 2, 3, 4, 5 e 6. O programa 7 será desenvolvido directamente desde os servizos centrais.

Artigo 4. Metodoloxía

1. A articulación da xestión, desenvolvemento e execución dos programas de inspección en que se estrutura o Plan de inspección 2018 farase, na parte de seguridade industrial, conforme os principios establecidos no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia, e na parte de metroloxía, conforme os principios establecidos na Lei 32/2014, do 22 de decembro, de metroloxía, no Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida, e no Decreto 78/2011, do 14 de abril, polo que se establece a ordenación das funcións de control metrolóxico do Estado que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia e se aproba o Regulamento de vixilancia e inspección de instrumentos sometidos a control metrolóxico.

2. A realización dunha inspección a un establecemento, instalación ou actividade incluída nun programa de inspección non eximirá o devandito establecemento, instalación ou actividade de realizar a correspondente inspección regulamentaria.

Artigo 5. Obrigas dos titulares

Os titulares dos establecementos, instalacións ou actividades obxecto do plan de inspección están obrigados a permitir e facilitar as comprobacións e inspeccións que o persoal debidamente acreditado realice en cumprimento da función de control da Administración, así como achegar calquera información ou documentación que se lle solicite en relación coa inspección que se realice.

Artigo 6. Ámbito xeográfico do Plan de inspección

O ámbito de actuación da actividade administrativa de inspección a que se refire esta orde alcanzará os establecementos, instalacións e actividades situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia con independencia da situación do seu domicilio social.

Artigo 7. Vixencia do plan

A vixencia do Plan de inspección 2018 comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e estenderase ata o 31 de decembro de 2018.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase o director xeral competente en materia de industria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2018

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria