Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 9 de maio de 2018 Páx. 23761

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2018 pola que se establecen as condicións xerais do Programa Ignicia proba de concepto e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN855A).

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema Galego de Innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, recolle no seu artigo segundo, entre os seus fins fundamentais, o favorecemento da mellora tecnolóxica, da produtividade e de resultados do sistema produtivo de Galicia en todos os seus sectores, en base á innovación e á transferencia e valorización dos resultados de investigación; e o impulso ao cambio no modelo produtivo.

É precisamente en relación co anterior obxectivo, a que a dita lei dedica o capítulo V, relativo á transferencia e valorización de resultados, e prevé cooperación de todas as consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, con competencias no eido da investigación e innovación, de cara a levar a cabo a valorización de resultados e o tratamento integral e coordinado.

Concretamente, o artigo 31 da dita lei recolle o mandato á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de dar apoio á valorización de resultados mediante o impulso dun fondo de proba de concepto. O citado fondo adicarase ao financiamento de proxectos que aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar; e poderá estar participado por axentes públicos e/ou privados, os cales se adherirán a el en función das súas achegas orzamentarias.

Con data do 7 de novembro de 2013, o Consello da Xunta de Galicia adoita o acordo mediante o cal se aproba o Plan de Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, RIS3 de Galicia, que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020. O devandito plan recolle, enmarcado no programa cadro Galicia Transfire, a proba de concepto, como un dos instrumentos de apoio que se prevén para a implementación desta estratexia.

En virtude do anterior, a Axencia Galega de Innovación puxo en marcha no ano 2016 o Programa Ignicia proba de concepto, co obxectivo de seleccionar e apoiar os proxectos de investigación desenvolvidos nos nosos centros de coñecemento e que se atopan nun estado de madurez tecnolóxica que xa superou a fase de investigación fundamental, pero requiren dun impulso que permita a validación da tecnoloxía e a posterior transferencia ao mercado dos resultados.

O obxecto desta resolución é establecer as condicións xerais do programa de apoio, así como convocar, para o ano 2018, a segunda convocatoria de selección de proxectos de investigación para as fases de maduración e investimento.

Por último, co obxectivo de aproveitar os coñecementos e experiencia da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa no desenvolvemento do seu Fondo de Ciencia, nesta segunda convocatoria contarase igualmente co seu apoio metodolóxico e de persoal.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e condicións xerais

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as condicións xerais polas que se rexerá o Programa Ignicia proba de concepto que ten como finalidade poñer en valor e apoiar o desenvolvemento das aplicacións comerciais da investigación xerada polos centros de coñecemento, de acordo co previsto no artigo 31 da Lei galega 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e innovación.

Constitúese, polo tanto, cos seguintes obxectivos:

a) Facilitar a transferencia de resultados de investigación desde organismos de investigación ao mercado.

b) Acelerar e mellorar os éxitos nos procesos de transferencia tecnolóxica.

c) Contribuír á rendibilización económica e social do investimento público en investigación.

d) Internacionalizar a función de transferencia na tecnoloxía.

e) Detectar cedo proxectos con potencial innovador e de mercado.

2. Así mesmo, por medio desta resolución procédese á súa convocatoria para o ano 2018 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN855A).

Artigo 2. Fases do programa

O Programa Ignicia proba de concepto estrutúrase en tres fases:

I. Fase de maduración.

II. Fase de investimento.

III. Fase de seguimento.

I. Fase de maduración:

Nesta fase os proxectos de investigación presentados recibirán asesoramento e serán avaliados por expertos nacionais e internacionais recibindo, aqueles proxectos que superen a primeira avaliación, información e recomendacións sobre o estado de madurez tecnolóxica do proxecto, o que permitirá o acceso daqueles finalmente seleccionados á fase de investimento.

II. Fase de investimento:

Nesta fase, os proxectos de investigación propostos polo Comité de Investimentos recibirán, por parte da Axencia Galega de Innovación e nos termos establecidos nesta convocatoria, apoio económico destinado á valorización comercial dos resultados da investigación, a través dunha atribución patrimonial onerosa, para a realización das seguintes tarefas:

a) Validación industrial da tecnoloxía.

b) Validación comercial e desenvolvemento de negocio.

c) Calquera outra actividade orientada á transferencia ao mercado dos resultados de investigación.

III. Fase de seguimento:

Esta fase ten como finalidade o seguimento dos investimentos aprobados, a comprobación do cumprimento dos seus fitos e a proposta de modificacións ou o inicio, de ser o caso, do correspondente expediente de recuperación dos investimentos.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser promotores de proxectos e participar na presente convocatoria, os organismos de investigación e difusión de coñecementos (públicos e/ou privados sen ánimo de lucro) con centros de traballo en Galicia.

Considéranse organismos de investigación e difusión de coñecementos, segundo a definición do artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades, fundacións ou institutos de investigación, centros tecnolóxicos ou de investigación...), independentemente da súa personalidade xurídica ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de xeito independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os seus resultados mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos; cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado.

Artigo 4. Requisitos dos proxectos

1. O programa apoiará aqueles proxectos que aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar e que permitan validar unha tecnoloxía en condicións reais ou cuasi reais.

2. Os proxectos presentados deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar situados nun TRL4 ou superior.

Os TRLs ou Technology Readiness Levels, refírense aos niveis de madurez dunha tecnoloxía. De acordo co sistema TRL, considéranse nove niveis que se estenden desde os principios básicos da nova tecnoloxía ata chegar ás súas probas con éxito nunha contorna real:

TRL1: principios básicos observados e reportados.

TRL2: conceptos e/ou aplicación tecnolóxica formulada.

TRL3: función crítica, analítica e experimental, e/ou proba do concepto característica.

TRL4: validación de compoñente e/ou disposición destes en contorna de laboratorio.

TRL5: validación de compoñente e/ou disposición destes nunha contorna relevante.

TRL6: modelo de sistema ou subsistema ou demostración de prototipo nunha contorna relevante.

TRL7: demostración de sistema ou prototipo nunha contorna real.

TRL8: sistema completo e certificado a través de probas e demostracións.

TRL9: sistema probado con éxito nunha contorna real.

b) Ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade; estes resultados deberán ter potencial comercial e xerar retornos suficientes de acordo coas bases desta convocatoria, independentemente do prazo en que estes se produzan.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

3. O formulario de solicitude incluirá unha declaración expresa de aceptación, por parte da entidade solicitante, das condicións e obrigas do Programa Ignicia proba de concepto recollidas nesta resolución.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

Memoria técnica, no modelo que se achega como anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

Para os efectos de facilitar os procesos de avaliación por parte de expertos de nivel internacional, o anexo II terá que ser presentado en calquera das dúas linguas oficiais da nosa comunidade autónoma e en inglés.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN855A, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 981 54 10 73, 981 54 10 76 e 981 95 73 93 da devandita axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe do investimento concedido. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos no ficheiro denominado Proba de concepto 2018, cuxo obxecto é xestionar os presentes procedementos, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega de Innovación. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Galega de Innovación, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Airas Nunes, s/n, 15702 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a gain@xunta.gal

Artigo 13. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución deste procedemento. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se acompaña da documentación exixida, requirirase o interesado mediante notificación individual ou anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada. Non se considera emendable a non presentación da memoria técnica (anexo II) no prazo establecido no artigo 5.2 desta resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que proporcione cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos ao equipo de xestión para a súa presentación e avaliación ao Comité dos Investimentos.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

6. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude.

Artigo 14. Comité de Investimentos

1. O Comité de Investimentos será o órgano colexiado encargado do proceso de selección de proxectos de acordo cos criterios fixados no artigo 15 e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. O Comité de Investimentos estará composto por tres representantes designados por parte da Axencia Galega de Innovación, e por un mínimo dun e un máximo de tres representantes designados por parte da Fundación Barrié.

A participación no comité da citada fundación terá carácter de asesoramento técnico.

3. O órgano instrutor designará un equipo de xestión do Programa Ignicia, formado por técnicos de Gain e da Fundación Barrié, que será o encargado de apoiar tecnicamente os labores de xestión, avaliación e seguimento dos proxectos.

Artigo 15. Fase de maduración. Procedemento e criterios de selección

1. A avaliación dos proxectos presentados á fase de maduración efectuarase en dúas etapas sucesivas, tendo a primeira delas carácter excluínte, de xeito tal que o paso á segunda avaliación, requirirá a superación satisfactoria da primeira. Ao remate de cada avaliación, informarase a cada proxecto presentado dos aspectos avaliados no dito proceso de avaliación a través de comunicación aos promotores do mesmo:

A. Primeira avaliación e preselección:

Nesta primeira análise comprobarase a adecuación dos proxectos que se presenten aos obxectivos do Programa Ignicia proba de concepto e aos requisitos necesarios para optar ao financiamento.

Neste senso, esta avaliación actuará como filtro, sendo precisa a súa superación para poder pasar á seguinte e levarase a cabo do seguinte xeito:

Criterios de valoración:

a) Excelencia científico-técnica da proposta: ata 30 puntos.

Nesta alínea valorarase:

a.1. Grao de innovación e alcance da novidade da proposta (máximo 6 puntos).

a.2. Grao de coñecemento dos antecedentes e do estado da arte (máximo 6 puntos).

a.3. Obxectivos do proxecto, concreción e exposición da proposta (máximo 6 puntos).

a.4. Grao de desenvolvemento actual da tecnoloxía. Nivel de TRL (máximo 6 puntos).

a.5. Planificación proposta para o desenvolvemento do proxecto: plan de traballo (máximo 6 puntos).

b) Potencial comercial da tecnoloxía: ata 35 puntos.

Nesta alínea valorarase:

b.1. A dimensión (rexional, nacional ou internacional) do mercado potencial das aplicacións da tecnoloxía e existencia de demanda unha vez o resultado estea listo para a súa comercialización (máximo 10 puntos).

b.2. Estratexia de comercialización dos resultados do proxecto (máximo 6 puntos).

b.3. Estratexia de protección en relación coa estratexia de comercialización (máximo 7 puntos).

b.4. Existencia de vantaxes competitivas da tecnoloxía (máximo 7 puntos).

b.5. Prazo de chegada ao mercado (máximo 5 puntos).

c) Equipo de traballo: ata 20 puntos.

Nesta alínea valorarase:

c.1. A capacidade de xestión do equipo e a súa experiencia previa en xestión de proxectos colaborativos rexionais, nacionais ou internacionais (máximo 5 puntos).

c.2. A experiencia previa do equipo en traballos coa industria relacionada co proxecto (máximo 7 puntos).

c.3. A experiencia previa do equipo en procesos de transferencia de tecnoloxía (máximo 8 puntos).

d) Impacto socioeconómico do proxecto: ata 15 puntos.

Nesta alínea valorarase:

d.1. O contido e adecuación do proxecto aos retos contidos na RIS3 para Galicia (máximo 5 puntos).

d.2. A repercusión do proxecto na actividade empresarial galega. Grao de mobilización do investimento privado (máximo 5 puntos)

d.3. A xeración de emprego en Galicia (máximo 5 puntos)

Metodoloxía:

De cada proxecto realizaranse, polo menos, dúas avaliacións por técnicos diferentes do equipo de xestión, que poderán apoiarse, de ser o caso, nos expertos externos designados polo Comité de Investimentos.

As avaliacións serán postas en común nunha reunión de consenso en que se chegará a un acordo coas valoracións finais de cada proposta.

O equipo de xestión trasladará ao Comité de Investimentos as propostas presentadas xunto coas valoracións finais de consenso.

Puntuación mínima:

Considerarase que superan esta avaliación e preselección, como máximo, os 25 proxectos mellor valorados, sempre que:

– Acaden unha puntuación global (a+b+c+d) mínima de 50 puntos.

– Teñan unha puntuación superior aos 0 puntos no criterio a.4 e no criterio b.1.

B. Segunda avaliación e selección definitiva:

Nesta segunda etapa realizarase unha avaliación exhaustiva e en detalle de cada un dos proxectos que superou satisfactoriamente a primeira avaliación, tanto de aspectos técnicos, como de viabilidade económica e comercial.

Incluirá a emisión dun informe de avaliación en termos de protección, propiedade e maduración tecnolóxica, cuxa finalidade será coñecer o grao de excelencia científica dos proxectos, así como a súa viabilidade económica e comercial para os efectos de establecer o posterior proceso de desenvolvemento e comercialización con garantías de retornos económicos.

Esta avaliación levarase a cabo do seguinte xeito:

Criterios de valoración:

a) Nivel da ciencia (máximo 10 puntos).

Valoraranse os desenvolvementos previos realizados e que son a base do proxecto e da súa viabilidade tendo en conta os precedentes.

b) Capacidade e compromiso do equipo para a comercialización (máximo 30 puntos).

Valorarase o nivel de coñecemento científico e experiencia do equipo de traballo, así como o nivel de compromiso do equipo coa comercialización do resultado e a súa experiencia e capacidade para soportar a dita comercialización.

c) Posibles aplicacións da tecnoloxía (máximo 10 puntos).

Valorarase a aplicabilidade industrial da tecnoloxía e a existencia de diferentes aplicacións para diferentes sectores industriais.

d) Tempo para que a tecnoloxía chegue ao mercado. (máximo 10 puntos).

Valorarase o estado de desenvolvemento actual da tecnoloxía, riscos asociados a el e tempo necesario para a chegada ao mercado.

e) Tamaño da oportunidade de negocio. (máximo 10 puntos).

Valorarase o tamaño das oportunidades asociadas ás aplicacións potenciais da tecnoloxía.

f) Estratexia de protección (máximo 15 puntos).

Valorarase a existencia de estratexia de protección, a súa amplitude, fortaleza e profundidade en relación cos mercados e aplicacións potenciais.

g) Liberdade de operación e competencia. (máximo 15 puntos).

Valorarase o nivel da competencia existente en relación coa tecnoloxía e ás súas aplicacións, e a potencial necesidade de acceso á propiedade intelectual e industrial de terceiros para explotar a tecnoloxía.

Metodoloxía:

Os informes de avaliación serán realizados por un equipo de asesores externos nomeados entre expertos nacionais e internacionais en transferencia de tecnoloxía. Establecerase un panel de coordinación para unificar os criterios dos distintos avaliadores que participen no proceso.

Antes de realizar o informe realizarase unha entrevista cos promotores dos proxectos seleccionados para os efectos de que realicen unha presentación do proxecto e respondan ás cuestións formuladas polos expertos.

Puntuación mínima:

Á vista destes informes, o Comité de Investimentos realizará a selección definitiva dos proxectos que pasarán ao proceso de elaboración do plan de desenvolvemento e comercialización para a súa proposta á fase de investimento, entendéndose como tales aqueles que acaden unha puntuación mínima (a+b+c+d+e+f+g) de 70 puntos.

2. Os proxectos de investigación seleccionados recibirán asesoramento especializado para a elaboración e mellora dun plan de desenvolvemento e comercialización, como paso previo necesario para a formalización do investimento regulado no artigo seguinte.

Este plan incluirá aspectos como:

a) Estudo do mercado potencial do resultado, principais segmentos de mercado, actores clave en cada segmento. Necesidades e retos non cubertos neses mercados.

b) Principais competidores e características diferenciadoras do proxecto.

c) Estratexia de desenvolvemento, incluíndo os seus obxectivos para axustarse aos requirimentos do mercado.

d) Plan de actuacións, orzamento asociado e potenciais socios, incluíndo fitos que superar.

e) Ruta cara ao mercado.

f) Retornos potenciais.

g) Principais riscos e retos do proxecto.

h) Informe de auditoría legal (DDL).

Artigo 16. Fase de Investimento. Acceso e características do financiamento

1. Nesta fase os proxectos de investigación propostos polo Comité de Investimentos recibirán, por parte da Axencia Galega de Innovación e nos termos establecidos nesta convocatoria, apoio económico destinado á transferencia e definitiva valorización comercial dos resultados da investigación, nos termos previstos no dito plan de desenvolvemento e comercialización.

2. Poderán acceder á fase de investimento os proxectos que superaren a fase de maduración de acordo co procedemento establecido no artigo 15.

3. De acordo co establecido no plan de desenvolvemento e comercialización dos proxectos seleccionados, o Comité de Investimentos propoñerá contribuír ao seu financiamento a través dunha achega patrimonial onerosa coas seguintes características:

a) O importe aprobado será para financiar os gastos marxinais precisos para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos seleccionados.

Entenderase que son custos marxinais aqueles que se orixinen exclusiva e directamente das actividades correspondentes ao dito desenvolvemento, incluíndo novas contratacións e os custos de adquisición de material inventariable e coa excepción dos custos de persoal propio e dos de amortización do inmobilizado material adquirido por fondos públicos.

Incluiranse actividades como: estudos de mercado, validación técnica, análise de oportunidades comerciais e de negocio, formulación de propostas a empresas ou investidores e outros gastos necesarios para a presentación e achegamento ao potencial cliente ou que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización.

b) O Comité definirá unha serie de fitos para verificar no desenvolvemento de cada proxecto, así como a achega correspondente á consecución de cada fito, que se liberará en forma de anticipo (calendario de desembolsos). O cumprimento e xustificación de cada fito liberará o desembolso financeiro do seguinte e así sucesivamente ata a aplicación total dos recursos concedidos.

Con carácter xeral, o primeiro dos desembolsos non superará o 25 por cento do investimento previsto.

c) A achega poderá estar acompañada doutros investimentos, xa sexa por parte da Fundación Barrié ou por parte doutras fontes de financiamento, estas non constituirán, en ningún caso, requisito necesario para o financiamento por parte da Axencia.

4. As propostas de investimento do Comité serán elevadas á directora da Axencia Galega de Innovación, que ditará resolución definitiva, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación.

5. As resolucións, que se lle notificarán con carácter individual ás entidades seleccionadas, expresarán, cando menos:

a) O importe global da achega patrimonial concedida.

b) O calendario de fitos e desembolsos.

c) As condicións do reembolso.

d) Os mecanismos de control e seguimento dos proxectos, incluíndo a avaliación do cumprimento dos fitos dos proxectos apoiados.

e) Que a aceptación da achega implica a aceptación das obrigas derivadas desta convocatoria e da resolución de concesión, así como as condicións do reembolso.

f) Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa achega patrimonial concedida.

g) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de dez anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas correspondentes ao último desembolso previsto. Informarase a entidade seleccionada da data de comezo deste prazo.

6. A formalización do financiamento, que se imputará ás aplicacións orzamentarias 09.A3.561A.870, 09.A3.561A.871, 09.A3.561A.873 e 09.A3.561A.874, requirirá da previa tramitación, fiscalización e contabilización de cantos documentos contables resulten oportunos.

O importe dos investimentos aprobados terá como límite as seguintes cantidades, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria:

Aplicación

2018

2019

2020

Total

09.A3.561A.870

441.000 €

1.000.000 €

159.000 €

1.600.000 €

09.A3.561A.871

0 €

200.000 €

100.000 €

300.000 €

09.A3.561A.873

0 €

200.000 €

100.000 €

300.000 €

09.A3.561A.874

100.000 €

100.000 €

100.000 €

300.000 €

Total

541.000 €

1.500.000 €

459.000 €

2.500.000 €

De acordo coa natureza xurídica das entidades promotoras será posible o reaxuste entre as ditas aplicacións ou, incluso, a incorporación de novos conceptos.

Artigo 17. Fase de investimento. Condicións do reembolso

1. O Comité de Investimentos definirá as condicións de devolución da achega realizada en virtude das características de cada proxecto. As ditas condicións poderán ser:

a) Devolución do 30 % dos retornos económicos xerados pola comercialización dos resultados científico-tecnolóxicos do proxecto, xa sexan patentes, software, coñecemento, procedementos, ou calquera que sexa a forma de retorno, é dicir, royalties, pagamentos por fitos ou pagamentos por uso. No seu caso, podería incluír a opción de participar na propiedade das spin-offs creadas para explotar os ditos resultados, respecto do cal se seguirá o establecido na correspondente normativa patrimonial.

b) Calendario de amortizacións da achega realizada calculadas en función dunha porcentaxe sobre a facturación bruta anual da entidade seleccionada á liña de ingresos do proxecto apoiado. As amortizacións realizaranse nun período máximo de 10 anos que poderá incluír, de ser o caso, un prazo previo de carencia.

2. Cando se establezan as condicións de devolución, estas terán como obxectivo garantir, para a achega realizada, unha rendibilidade mínima do 10 por cento. Ademais, dado o maior risco destas operacións, esta rendibilidade será sempre superior ás condicións xerais do mercado no momento e sector correspondentes e respectará o criterio establecido pola Comisión Europea na comunicación relativa á revisión do método de fixación dos tipos de referencia e de actualización (2008/C 14/02).

3. Cando os proxectos financiados non xeren resultados no mercado, e logo da análise e proposta polo Comité de Seguimento dos Investimentos, a entidade seleccionada non terá obriga de reembolsar o importe financiado, sempre que se xustifique correctamente o investimento da achega patrimonial realizada, de acordo co establecido na resolución da directora da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 18. Obrigas das entidades seleccionadas

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas nesta convocatoria ou na resolución da directora da Axencia Galega de Innovación, as entidades seleccionadas para a concesión da achega patrimonial desta fase de investimento quedan obrigadas a:

a) Realizar as actividades acordadas para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos seleccionados e que fundamentan a concesión da achega económica.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

c) Xustificar ante o Comité de Seguimento dos Investimentos, a requirimento deste, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e/ou dos gastos marxinais establecidos na resolución de concesión.

d) Proceder á devolución, total ou parcial, da achega patrimonial percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

e) Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades obxecto desta convocatoria.

f) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, autorización para realizar modificacións no equipo de traballo ou no desenvolvemento dos proxectos aprobados que afecten á atribución patrimonial percibida.

g) Dar publicidade ao financiamento recibido nos termos establecidos na resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas por parte das entidades seleccionadas poderá dar lugar á devolución total ou parcial da achega patrimonial percibida, de acordo co procedemento establecido no artigo 19 desta convocatoria.

Artigo 19. Fase de seguimento

1. Coa finalidade de levar a cabo o seguimento dos investimentos aprobados, constituirase un Comité de Seguimento dos Investimentos.

2. Este comité estará integrado por tres representantes designados pola Axencia Galega de Innovación, contará co apoio técnico do equipo de xestión e poderá contar co asesoramento de expertos externos especializados. Deberá reunirse, polo menos, dúas veces ao ano.

3. Será o encargado de:

a) Establecer os mecanismos de control e seguimento dos proxectos, incluíndo a avaliación do cumprimento dos fitos dos proxectos apoiados e do fito final de chegada ao mercado. Se a dita chegada ao mercado se produce anticipadamente poderá propoñer, de ser o caso, a interrupción dos desembolsos pendentes e a consecuente modificación da resolución de concesión.

b) Ser informado das modificacións no equipo do proxecto, nas actividades, ou no plan de desenvolvemento e comercialización para axustalo ás situacións do mercado. Cando as ditas modificacións supoñan un cambio das condicións establecidas na resolución de concesión, deberá emitir informe sobre elas e elevar a través do órgano instructor a proposta de resolución á directora da Axencia Galega de Innovación.

c) A avaliación das continxencias que poidan suceder nos proxectos que poidan provocar demoras na devolución e situación de riscos ou perdas do investido. En virtude disto, poderá propoñer a través do órgano instructor á directora da Axencia Galega de Innovación modificacións ou ampliacións de prazo nos cadros de desembolsos ou amortizacións.

d) No seu caso, cando os proxectos financiados non estean a xerar resultados no mercado, poderá propoñer que a entidade seleccionada non teña que devolver a totalidade do importe desembolsado, sempre e cando esta xustifique correctamente o investimento da achega patrimonial realizada.

e) A proposta de inicio, para o caso de incumprimento por parte da entidade seleccionada das obrigas establecidas nesta convocatoria e na correspondente resolución, do expediente de recuperación total ou parcial dos investimentos. Este expediente de reintegro, en que se garantirá en todo o caso a audiencia aos interesados nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, concluirá con resolución motivada da directora da Axencia Galega de Innovación, previa proposta do Comité de Seguimento dos Investimentos.

f) A previsión de evolución de retornos de cada proxecto.

g) A elaboración do Informe global de evolución de investimentos.

4. No desenvolvemento das ditas funcións, o Comité de Seguimento dos Investimentos poderá solicitar á entidade promotora os documentos, informes ou contas auditadas que sexan necesarios para a verificación dos datos achegados por esta.

Artigo 20. Resolución e notificación

1. O prazo máximo para resolver a proposta á fase de investimento das solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 9 meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes establecido no artigo 5.2 desta resolución. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a correspondente notificación, os solicitantes poderán entender estimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión do investimento poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, do proxecto, da cantidade concedida e da finalidade do investimento aprobado.

Artigo 21. Renuncia

A renuncia da entidade solicitante á participación no programa ou ao investimento aprobado poderase facer axustándose aos modelos publicados na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da dita norma.

Artigo 22. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto no artigo 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, os solicitantes poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2018

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file