Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 7 de maio de 2018 Páx. 23555

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO da aprobación definitiva do estudo de detalle na rúa Valdecorvos, en execución do convenio urbanístico para o reaxuste de aliñacións e reurbanización de espazo público con rehabilitación do lavadoiro de San Amaro.

O Pleno do Concello, en sesión do 13 de abril de 2018, adoptou o seguinte acordo:

«(...) Primeiro. Aprobar, con carácter definitivo, o estudo de detalle formulado, mediante iniciativa particular, por Julio Araújo Loureiro (r/p Ignacio Diz Gómez), instrumento urbanístico redactado polo arquitecto Francisco Javier Diz Gómez, con entrada no Rexistro do Concello o 14 de xuño de 2016, baixo o número 2016021857, para o reaxuste de aliñacións na rúa Valdecorvos, s/n, na zona do lavadoiro público de San Amaro (Mourente), en desenvolvemento do convenio urbanístico asinado o 19 de outubro de 2016 entre o Concello de Pontevedra e Julio Araújo Loureiro, para reaxuste de aliñacións e reurbanización de espazo público con rehabilitación de lavadoiro de San Amaro, Mourente, cuxo contido tamén se ratifica, facendo constar que esta aprobación queda condicionada ao cumprimento da medida protectora e correctora imposta pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en informe do 2 de marzo de 2018, que condiciona o informe favorable á conservación do muro de cachotaría existente, posto que se trata dun elemento delimitador do espazo público e que mantén unha continuidade co do adro.

Segundo. Notificarlle este acto ao Sr. Araújo Loureiro con ofrecemento dos recursos procedentes, e requirir a Ignacio Diz Gómez, Fernando Lois Vidal e Susana Ferreiro Rodríguez, como novos propietarios dos predios obxecto do presente expediente por compravenda realizada ao Sr. Loureiro, para que procedan á sinatura do texto definitivo do convenio, asinado inicialmente o 19 de outubro de 2016 –no que xa se ratificaron expresamente no seu escrito do 9 de abril de 2018– no prazo de quince días desde a notificación deste, con advertencia expresa de que, transcorrido o devandito prazo sen asinar o texto definitivo, no cal unicamente se novará a identidade dos asinantes, o convenio quedará sen efecto.

Terceiro. Dispor a publicación do anuncio do acordo de aprobación definitiva e do texto íntegro do convenio no Diario Oficial de Galicia, con indicación expresa de que o contido íntegro estará á disposición do público na sede electrónica do Concello de Pontevedra www.sede.pontevedra.gal

Unha vez publicado o anuncio no DOG, o instrumento de planeamento aprobado será inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, por petición deste concello, para o cal se remitirá un exemplar en soporte dixital debidamente dilixenciado pola Secretaría do Pleno.

O acordo e o convenio, ademais de na sede electrónica, serán obxecto de publicación, unha vez recibido o certificado de inscrición no Rexistro do instrumento de planeamento, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, para lograr a súa eficacia e executividade, consonte o establecido na lexislación de réxime local, concretamente nos artigos 70.2, 70 ter e 65 da Lei reguladora das bases do réxime local.

Unha vez ratificado, o texto definitivo do convenio será tamén inscrito, en canto se proceda á súa creación, no Rexistro Municipal de Convenios Administrativos Urbanísticos do Concello.

Cuarto. Notificar este acordo individualmente, con ofrecemento dos recursos procedentes, a todas aquelas persoas que figuren como interesados ou constituídos en parte no expediente, con comunicación á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural».

O que se fai público para a súa executividade, significándose que contra o acto de aprobación definitiva do estudo de detalle, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer directamente, quen se considere lexitimado, recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, consonte o establecido nos artigos 10.1 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Todo isto sen prexuízo de interpoñer calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

Así mesmo, infórmase de que nestas datas xa está publicado na sede electrónica do Concello de Pontevedra (www.pontevedra.gal, ligazón exacta actualmente
http://www.pontevedra.gal/PXOU/Lavadoiro-San-Amaro---Estudo-detalle.pdf) o contido íntegro do documento do convenio e o estudo de detalle aprobado definitivamente, en cumprimento da Lei 9/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Pontevedra, 26 de abril de 2018

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde