Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 30 de abril de 2018 Páx. 22666

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 26 de abril de 2018 pola que se modifica a Orde do 6 de febreiro de 2018 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

A Orde do 6 de febreiro de 2018 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 30, do 12 de febreiro) establece no artigo 10.3 que o prazo para a presentación da solicitude única para o ano 2018 se iniciará o 1 de febreiro e finalizará o día 30 de abril, ambos o dous incluídos.

Este prazo cumpre co disposto no artigo 95.2 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir do 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, que establece con carácter de normativa básica que o prazo de presentación da solicitude única a partir do ano 2016 se iniciará o 1 de febreiro e finalizará o 30 de abril de cada ano.

A disposición derradeira segunda do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, faculta a ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para adaptar as datas e prazos que se establecen no referido real decreto ás exixencias derivadas da normativa da Unión Europea.

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente está tramitando un proxecto de orde pola que se amplía o prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2018, establecido no artigo 95 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural.

En relación co artigo 95 do real decreto mencionado, solicítase que o prazo de presentación da solicitude única se amplíe ao 7 de maio de 2018 incluído, co obxecto de evitar que posibles beneficiarios non poidan presentar a solicitude en prazo por unha previsible saturación das entidades colaboradoras, de acordo coa baixa porcentaxe de presentación de solicitudes coñecida na data de hoxe.

DISPOÑO:

Artigo único

Acórdase modificar o artigo 10.3 da Orde do 6 de febreiro de 2018 e ampliar o prazo para a presentación en Galicia da solicitude única de axudas da PAC do 2018 que concluirá o 7 de maio de 2018, incluído.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural