Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 30 de abril de 2018 Páx. 22658

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de abril de 2018 pola que se modifica a Orde do 30 de abril de 2007 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde (Diario Oficial de Galicia número 48, do 8 de marzo; corrección de erros do 11 de maio).

No Diario Oficial de Galicia nº 89, do 9 de maio de 2007, publicouse a Orde do 30 de abril pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde.

Tendo en conta a existencia de problemas puntuais de carácter técnico que dificultaron a formulación de solicitudes polas persoas interesadas no inicio dos prazos establecidos, e co obxecto de garantir o principio de seguridade xurídica, considérase oportuno introducir un réxime transitorio para a presentación de instancias para as comisións de servizos correspondentes ao curso escolar 2018/19.

Na súa virtude, no uso da autorización conferida pola disposición derradeira primeira do Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes que impartan ensinanzas de niveis non universitarios,

ACORDO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 30 de abril de 2007 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da interesada ou interesado, dos funcionarios dos corpos docentes en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde

Modifícase a citada Orde do 30 de abril de 2007 no sentido de introducir unha disposición transitoria segunda do seguinte teor:

«Disposición transitoria segunda. Prazo de presentación de solicitudes para as comisións de servizos en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde correspondentes ao curso escolar 2018/19

Para as comisións de servizos en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde correspondentes ao curso escolar 2018/19, o prazo de presentación de solicitudes para as persoas interesadas que non participasen no concurso de traslados será o comprendido entre o 15 de abril e o 3 de maio de 2018, ambos incluídos».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria