Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 27 de abril de 2018 Páx. 22564

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2018 pola que se convoca o proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dunha praza de titulado/a superior, xestor de proxecto.

A Axencia Galega de Innovación (Gain), creada polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro (DOG núm. 19, do 28 de xaneiro), conta dentro dos seus obxectivos estratéxicos a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia e a promoción e execución do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, asumindo a súa coordinación, seguimento e avaliación.

A Axencia Galega de Innovación asume a coordinación do proxecto europeo 0177_IMPACT_RIS3T_1_E, implementación de accións de cooperación transfronteiriza RIS3 na Eurorrexión.

A Lei 8/2017, do 26 de decembro (DOG núm. 245, do 28 de decembro), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018, no seu artigo 15, prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, esta dirección

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión mediante contrato laboral temporal dunha praza de titulado/a superior para a execución e xestión do proxecto europeo 0177_IMPACT_RIS3T_1_E, implementación de accións de cooperación transfronteiriza RIS3 na Eurorrexión e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2018

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Bases da convocatoria para a provisión mediante contrato laboral temporal
dunha praza de titulado/a superior de xestor de proxecto para a Área
de Programas da Axencia Galega de Innovación

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 17 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro), a Dirección da Axencia Galega de Innovación, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección dun efectivo de persoal laboral temporal para traballar na execución e xestión do proxecto europeo 0177_IMPACT_RIS3T_1_E, implementación de accións de cooperación transfronteiriza RIS3 na Eurorrexión.

Artigo 1. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase o proceso selectivo para a contratación dun efectivo, persoal laboral temporal con titulación de grao ou licenciatura.

O centro directivo é a Axencia Galega de Innovación adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria, aínda que o/a empregado/a terá que facer desprazamentos a países de Europa por mor do seu traballo.

A persoa seleccionada vai traballar na execución e xestión do proxecto europeo 0177_IMPACT_RIS3T_1_E, implementación de accións de cooperación transfronteiriza RIS3 na Eurorrexión. Trátase dun proxecto de colaboración entre rexións europeas que ten como obxecto a implementación das accións previstas no marco da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza (RIS3T) Galicia-Rexión Norte de Portugal, para potenciar as capacidades das entidades participantes no proxecto, aproveitando as sinerxías da Eurorrexión e optimizando os recursos públicos. En concreto a persoa seleccionada contrátase para a realización das funcións de apoio a Gain na realización das tarefas propias dun xefe de fila para a coordinación e xestión dun proxecto transnacional, utilizando o galego, castelán e inglés como lingua de traballo e con dispoñibilidade para desprazarse ás reunións e eventos relacionados co proxecto e a súa difusión que se celebren tanto na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como noutras rexións europeas.

Entre as tarefas que se realizarán inclúense as seguintes:

1. Preparar, organizar e dinamizar as reunións de traballo, seminarios, obradoiros, eventos de brokerage e similares que teñan carácter transnacional e que se realicen co resto dos socios do proxecto e outros axentes implicados, así como a súa participación en calquera das rexións europeas en que teñan lugar. O seu idioma de traballo será o galego, o castelán e o inglés.

2. Representar a Gain nas reunións dos diferentes foros, redes e organismos europeos que teñan relación co proxecto nos países en que se celebren, así como a interlocución con outros axentes públicos e privados europeos relacionados co proxecto. O seu idioma de traballo será o galego, o castelán e o inglés.

3. Coordinar e realizar, en galego, castelán e inglés, informes, publicacións e comunicacións de actividades e resultados do proxecto, así como calquera outro documento necesario para o desenvolvemento e difusión do proxecto.

4. De acordo coa normativa, regulamentación e prácticas dos proxectos europeos, desenvolver metodoloxías de control do proxecto, así como indicadores de seguimento deste.

5. Participar na xestión do Observatorio de I+D+i da Eurorrexión, así como na análise de documentación e fontes de información relacionadas.

6. Organizar encontros e grupos de traballo temáticos relacionados coas áreas estratéxicas de colaboración da RIS3-T.

7. Elaborar a xustificación anual do proxecto.

8. Calquera outra función non definida aquí e considerada desde a Gain relacionada coa execución e coordinación do proxecto 0177_IMPACT_RIS3T_1_E.

1.2. Retribucións.

As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, e nas instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2018.

1.3. Modalidade de contrato.

A persoa seleccionada asinará un contrato de traballo de obra ou servizo determinado seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do RDL 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ao abeiro do Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

Segundo o disposto polo artigo 2 do Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, polo que se desenvolve o artigo 15 do Estatuto dos traballadores en materia de contratos de duración determinada, a duración do contrato será a do tempo exixido para a realización do proxecto 0177_IMPACT_RIS3T_1_E.

De acordo co artigo 15 da Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.

1.4. Incompatibilidades.

As persoas contratadas estarán sometidas ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Artigo 2. Requisitos dos/das aspirantes

Para seren admitidos/as no proceso de selección os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.7, que deberá acreditarse no momento da contratación.

2.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os/as cónxuxes dos/das españois e dos/das nacionais doutros estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do/da seu/súa cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros/as non incluídos/as nos puntos anteriores.

2.2. Idade.

Teren cumpridos dezaseis anos de idade.

2.3. Titulación académica.

Estar en posesión dunha titulación de grao ou licenciatura.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá acreditar que está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será obrigatorio para os/as aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.4. Competencia lingüística.

Dispor dun manexo competente e fluído do inglés a nivel profesional oral e escrito, con capacidade para liderar reunións de traballo no dito idioma e realizar presentacións en xornadas, foros ou similares. Deberá acreditarse a posesión dun certificado, como mínimo, de nivel B2 ou equivalente, de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER).

2.5. Dispoñibilidade para viaxar.

Ter dispoñibilidade para desprazarse tanto na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como a calquera país europeo para participar en reunións, xornadas, foros ou similares relacionados coas actividades do proxecto e a súa difusión.

2.6. Coñecemento do idioma galego.

Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.

2.7. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.8. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros estados, non estar inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Artigo 3. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais dos/das posibles candidatos/as seleccionados/as polo Servizo Público de Emprego ao cal cursarase oferta xenérica do posto obxecto desta convocatoria, todas aquelas persoas que desexen formar parte no presente proceso selectivo, deberán presentar a documentación que a seguir se sinala, tendo en conta que no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:

a) Instancia. Segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.

b) Curriculum vitae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c) Fotocopia compulsada das titulacións académicas obtidas, que no caso de se obteren no estranxeiro deberán estar homologadas en España.

d) Acreditación da posesión dun certificado, como mínimo, de nivel B2 ou equivalente, en lingua inglesa, de acordo coa táboa de equivalencia de certificados e a súa correspondencia co Marco común europeo de referencia para as linguas (MCER).

e) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

f) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán, que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

g) Fotocopia compulsada do título acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

O enderezo que figura nas instancias considerarase o único válido para os efectos de notificacións, e serán responsabilidade exclusiva do/da candidato/a, tanto os erros na consignación deste, como a comunicación de calquera cambio do dito domicilio.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán) ou en inglés. No caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas ou nun país estranxeiro, para que teñan validez deberán estar redactados en castelán ou en inglés, ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente.

A presentación da solicitude farase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.

As solicitudes para participar na presente convocatoria presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Innovación (praza de Europa, nº 10-A/6º B, Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso deberá remitirse por fax ao seguinte número: 981 54 10 39, e antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude rexistrada e a relación individualizada dos méritos que se aleguen.

Unicamente se terán en conta aqueles requisitos e méritos alegados e cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Para calquera aclaración ou información adicional os/as interesados/as poderán dirixirse a Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación no número de teléfono 981 54 10 78 ou no correo electrónico persoal.gain@xunta.gal (indicar no asunto do correo «proceso 0177_IMPACT_RIS3T_1_E»).

Artigo 4. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/das aspirantes que corresponda á acreditación de méritos establecida nas presentes bases, aplicarase o seguinte baremo:

4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 5 puntos.

1. Por cada mes de servizos prestados na Xunta de Galicia na mesma categoría á que se pretende acceder: 0,15 puntos/mes.

2. Por cada mes de servizos prestados noutras administracións públicas na mesma categoría e referidos aos últimos 5 anos: 0,10 puntos/mes.

3. Por cada mes de servizos prestados nas empresas privadas na mesma categoría e referidos aos últimos 5 anos: 0,05 puntos/mes.

4.2. Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta e organizado e impartido directamente por unha institución oficial, como pode ser a Escola Galega de Administración Pública, Fegas, Academia Galega de Seguridade Pública, INAP, Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Inem, cursos de formación continua do AFCAP, segundo a relación de materias que se establezan na convocatoria: ata un máximo de 1 punto:

1. Cursos de ata 25 horas: 0,1 puntos.

2. Cursos de máis de 25 horas e menos de 75 horas: 0,2 puntos.

3. Cursos de 75 horas ou mais: 0,3 puntos.

4.3. Polo coñecemento acreditado do idioma galego (só se valorará o grao superior alegado) e que sexa superior ao establecido como requisito de acceso: 1 punto.

Só se concederá validez, polo que á acreditación do galego se refire, aos cursos ou titulacións homologadas polo órgano competente en materia lingüística da Xunta de Galicia.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

Artigo 5. Tribunal de selección

O tribunal de selección será nomeado mediante resolución da directora da Axencia Galega de Innovación e será constituído unha vez publicada na web http://gain.xunta.gal a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e á actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Artigo 6. Desenvolvemento do proceso de selección

6.1. Expirado o pazo de presentación de solicitudes farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal/) a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, así como as causas da súa exclusión.

Poderanse formular alegacións contra a listaxe provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Innovación (praza de Europa, nº 10-A/6º B, Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste último caso deberá remitirse por fax (número: 981 54 10 39) antes da finalización do prazo, aviso da súa presentación.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase a resolución pola que se aproba a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión dos requisitos exixidos na presente convocatoria. Cando da documentación que se debe presentar no caso de superar o proceso de selección se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

6.2. Valoración de méritos:

A puntuación máxima da fase de méritos será de sete (7) puntos.

O tribunal procederá a unha baremación provisional dos méritos alegados polos/as aspirantes con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de puntuación.

Poderanse formular alegacións contra esta puntuación provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Innovación (praza de Europa, nº 10-A/6º B, Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste último caso deberá remitirse por fax (número: 981 54 10 39) antes da finalización do prazo, aviso da súa presentación.

O tribunal de selección, se é o caso, e para os sólos efectos de aclarar posibles dúbidas sobre a documentación achegada, poderá requirir a presenza dos/das aspirantes que considere oportuno.

A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva do proceso.

Transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal procederá á puntuación definitiva con expresión desta nunha orde decrecente, que será elevada á Dirección da Axencia Galega de Innovación para que dite resolución.

6.3. O/a primeiro/a aspirante da lista definitiva publicada será o/a candidato/a seleccionado/a para a cobertura da praza obxecto desta convocatoria, deberá presentar no prazo de cinco (5) días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación ante a Axencia:

– Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

– Certificado médico oficial ou informe de saúde en que se acrediten os aspectos sinalados no artigo 2.7.

– Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para os efectos de acreditar os aspectos sinalados no artigo 2.8.

O tribunal poderá solicitar a documentación orixinal que acredite os méritos recoñecidos da persoa seleccionada.

6.4. Se o/a candidato/a seleccionado/a non presenta a documentación indicada no punto anterior no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á súa contratación para o posto para que foi seleccionado/a (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar nun novo prazo de cinco (5) días hábiles contado desde o remate do anterior, a documentación citada no artigo 6.3. Procederase desta forma ata que un/unha candidato/a presente en prazo e, validamente, a súa documentación.

6.5. Logo de que o/a candidato seleccionado/a presente a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, procederase á formalización da contratación obxecto da convocatoria.

Artigo 7. Norma derradeira

7.1. Todas as resolucións do proceso de selección publicaranse na páxina web da Axencia Galega de Innovación no punto de procesos selectivos.

7.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que sendo de trámite decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2018

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file