Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 26 de abril de 2018 Páx. 22388

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2018, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, autorizada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de febreiro de 2018.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 8 de febreiro de 2018, adoptou, por proposta da Consellería de Facenda e por iniciativa da Axencia de Turismo de Galicia, os acordos polos cales se autorizaba a modificación dos artigos 2 e 22 dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, dos artigos modificados dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2018

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio

ANEXO

Artigo 2. Obxecto social

1. Constitúe o obxecto da sociedade a realización de actividades dirixidas á xestión dos servizos comúns da rede de albergues da Comunidade Autónoma de Galicia e do resto do seu patrimonio social, así como a coordinación de actuacións específicas relacionadas co Camiño de Santiago e a cultura xacobea, planificar, programar, propoñer e de ser caso executar, actuacións para a promoción e organización dos actos que se desenvolvan con motivo dos anos santos xacobeos, así como apoiar os distintos departamentos, entidades e comisións da Xunta de Galicia para o desenvolvemento das súas funcións neste ámbito.

2. En concreto, constitúe o obxecto da sociedade a realización das seguintes actividades:

a) A xestión dos ingresos e gastos derivados do funcionamento da rede pública de albergues e do resto de edificios da entidade.

b) A coordinación das actuacións en materia de dotacións de albergues, de conservación, sinalización e recuperación do Camiño, así como a execución das encomendas de xestión que se poidan realizar nestas materias.

c) As relacións coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago.

d) A coordinación de actuacións específicas relacionadas coa cultura xacobea, en especial as exposicións, así como a execución das encomendas de xestión que se poidan realizar nestas materias.

e) A planificación, programación, proposta e de ser o caso, execución, de actuacións para a promoción e organización dos actos que se desenvolvan con motivo dos anos santos xacobeos.

f) O apoio aos distintos departamentos, entidades e comisións da Xunta de Galicia para o desenvolvemento das actuacións que leven a cabo con motivo dos anos santos xacobeos.

Artigo 22. Conselleiros/as delegados/as e creación de comisións

1. Por proposta da Presidencia, o Consello de Administración poderá nomear un ou varios conselleiros/as delegados/as coas facultades que se determinen no correspondente acordo.

Cando un membro do Consello de Administración sexa nomeado conselleiro/a delegado/a ou se lle atribúan funcións executivas en virtude doutro título, será necesario que se celebre un contrato entre este e a sociedade que deberá ser aprobado previamente polo Consello de Administración co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus membros. O conselleiro/a afectado deberase abster de asistir á deliberación e de participar na votación. En todo caso, a remuneración axustarase ao previsto no Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

2. O Consello de Administración poderá constituír comisións ou comités con carácter permanente ou ocasional e coa composición, atribucións, réxime das reunións, requisitos dos acordos e garantías que máis conveñan á mellor e máis recta xestión e administración dos intereses sociais.

Os comités e as comisións serán presididas polo presidente/a e, na súa falta, polo conselleiro/a de maior idade.

3. As actas que, de ser o caso, se redacten, serán autorizadas polo secretario/a do Consello.