Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 23 de abril de 2018 Páx. 21634

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

DECRETO 39/2018, do 5 de abril, polo que se modifica o Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, recolle o marco de distribución de competencias entre os diferentes órganos da consellería, atendendo aos principios de eficacia, suficiencia e racionalización que debe presidir a actuación administrativa.

Non obstante, durante o tempo de vixencia do actual decreto e por mor das novas necesidades xurdidas, revelouse a necesidade de fortalecer a estrutura da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar como consecuencia da condición de organismo intermedio de certificación, e as novas funcións e tarefas que reforcen e garantan un idóneo desenvolvemento e execución das súas actuacións, derivadas do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e se derroga o Regulamento (UE) núm. 1083/2016 do Consello, recolle a designación das autoridades de xestión, de certificación e de auditoría por parte dos Estados membros.

O programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, correspondente ao período 2014-2010 e aprobado pola Comisión Europea o 17 de novembro, recolle as disposicións de execución deste programa e inclúe a identificación das autoridades de xestión, certificación e auditoría, así como dos organismos intermedios da autoridade de xestión e da de certificación, entre os cales se atopa o organismo intermedio de certificación da Comunidade Autónoma de Galicia. A partir do 2017 as funcións de organismo intermedio de certificación recaen na Consellería do Mar e, en concreto, na Secretaría Xeral Técnica.

Por outra banda, na actualidade, a Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, está a acometer un programa de equipamentos nos portos pesqueiros de Galicia no marco do artigo 43 do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) 2014-2010. Este programa identifica as necesidades, os retos e liñas que se deben seguir para un posicionamento competitivo e sustentable da pesca e portos pesqueiros dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, definindo as actuacións previstas e/ou necesarias en materia de infraestructuras e dotacións en portos e ancoradoiros. Trátase dun programa de carácter transversal, dado que afecta as organizacións do sector, outros organismos da consellería como Portos de Galicia e as competencias doutras consellerías, polo cal é fundamental o desempeño dun axeitado labor de coordinación. Neste contexto, e tendo en conta a dita transversalidade, para un mellor exercicio das funcións de coordinación, é necesario o Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro –o cal pasará a depender directamente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro– ao cal se lle asignarán as funcións de coordinación, programación, execución, seguimento e control das infraestruturas e equipamentos portuarios pesqueiros derivadas do Programa de equipamentos pesqueiros nos portos de Galicia.

Por estas razóns, a principal novidade que se introduce coa modificación é a inclusión dun novo servizo na Secretaría Xeral Técnica co obxectivo de desempeñar e cumprir adecuadamente as tarefas inherentes á súa condición de organismo intermedio de certificación, en concreto, o Servizo de Xestión de Fondos Comunitarios, dependente da Subdirección Xeral de Coordinación Orzamentaria e Contratación, así como unha reorganización no organigrama da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, facendo que o Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro pase a depender directamente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Finalmente, introdúcese unha nova disposición adicional con vocación transversal relativa á igualdade de xénero, co fin de integrar de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

En consecuencia, procede agora aprobar a modificación da estrutura orgánica da Consellería do Mar, tendo en conta o disposto no capítulo II do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Mar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do cinco de abril de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

Un. O artigo 7 do Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, queda modificado como segue:

«Sección terceira. Subdirección Xeral de Coordinación Orzamentaria e Contratación

Artigo 7. Funcións e estrutura

1. Correspóndenlle as funcións de elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería, a súa execución, seguimento e control, a xestión coordinada da contratación administrativa, a xestión económica, a coordinación, o seguimento e control dos fondos procedentes doutras administracións ou institucións e as funcións relativas á súa condición de responsable do organismo intermedio de certificación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario, ao cal corresponderá:

a) A elaboración, en coordinación cos órganos afectados, do anteproxecto de orzamentos da consellería, e a coordinación, o seguimento e o control da súa execución.

b) A tramitación dos expedientes de modificación dos créditos consignados no orzamento de gastos da consellería.

c) A xestión e tramitación de expedientes de gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

d) O impulso na tramitación económico-administrativa de expedientes de gasto e propostas de pagamento.

e) A planificación, a habilitación e o seguimento da provisión de créditos para gastos de mantemento dos distintos órganos e unidades administrativas que se lle asignen, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamento para xustificar.

f) O aprovisionamento, o mantemento e a renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da consellería.

g) A xestión de taxas e de prezos públicos da consellería e a coordinación con todos os órganos, unidades e centros dependentes.

h) O control da seguranza na utilización do programa de xestión contable da Xunta de Galicia (Xumco).

i) Calquera outra función análoga que, por razón da súa competencia, lle sexa encomendada pola Secretaría Xeral Técnica.

2.2. Servizo de Contratación e Réxime Patrimonial, ao cal corresponderá:

a) As funcións inherentes á preparación, licitación e adxudicación dos expedientes de contratación administrativa da consellería, así como as súas modificacións.

b) O inventario, a xestión e control dos bens adscritos á consellería.

c) A xestión dos vehículos asignados á consellería coa tramitación de altas, modificacións, baixas, partes de sinistros e necesidades de inspección técnica de vehículos.

d) A xestión e control das comunicacións telefónicas.

e) Calquera outra función análoga que, por razón da súa competencia, lle sexa encomendada pola Secretaría Xeral Técnica.

2.3. Servizo de Xestión de Fondos Comunitarios, ao cal corresponderá:

a) A coordinación, o seguimento e o control dos fondos procedentes da Unión Europea e dos fondos finalistas do Estado.

b) As tarefas e funcións inherentes ao Organismo Intermedio de Certificación (OIC) do programa operativo para Galicia do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), por delegación da Autoridade de Certificación (AC) e de acordo co convenio asinado con esta para o efecto, en concreto: elaborar e remitir á Autoridade de Certificación a proposta de certificación parcial de gastos e solicitude de pagamentos intermedios e saldo parcial efectuados para todas as liñas de acción do FEMP, logo de asegurarse de que son o resultado de sistemas de contabilidade fiables, que se basean en documentos acreditativos verificables e que foron verificados polos organismos intermedios de xestión (OIG); remitirlle á Autoridade de Certificación a información económica e financeira das operacións financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) que executan os organismos intermedios de xestión no ámbito das súas competencias, a través da aplicación informática deseñada para o efecto; realizar verificacións sobre unha mostra aleatoria dos pagamentos declarados na petición de reembolso para garantir que os datos informados son correctos, están pagados e se axustan ao previsto na normativa; elaborar, no seu ámbito, as contas do artigo 59.5.a) do Regulamento financeiro; ter en conta, ao elaborar e presentar as propostas de solicitudes de pagamento, os resultados de todas as auditorías levadas a cabo pola autoridade de auditoría ou baixo a súa responsabilidade e levar unha conta dos importes recuperables, dos importes recuperados e dos importes retirados tras anularse a totalidade ou parte da contribución a unha operación».

Dous. O artigo 9 do Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, queda modificado como segue:

«1. Á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro correspóndelle a ordenación do marisqueo, o establecemento das condicións para o exercicio da actividade marisqueira e a conservación, protección e xestión sustentable dos recursos marisqueiros. Así mesmo, terá ao seu cargo o fomento da organización sectorial, a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de extensión pesqueira, ensino e titulacións náutico-pesqueiras e de lecer, a investigación mariña, que se desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico e a programación e coordinación das infraestruturas e equipamentos portuarios pesqueiros.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro, ao cal lle corresponden a coordinación, programación, xestión e execución do desenvolvemento pesqueiro e da promoción das comunidades pesqueiras; a coordinación, programación, execución, seguimento e control das infraestructuras e equipamentos portuarios pesqueiros; a coordinación, programación e execución de accións de fomento das actividades marítimas e pesqueiras; a coordinación, programación e execución das actividades de divulgación e de transferencia tecnolóxica nas comunidades pescadoras e litorais; a programación, supervisión, realización e difusión de publicacións e outro material científico e didáctico e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais, á cal lle corresponden as actividades de fomento da programación e coordinación do ensino náutico-pesqueiro nos centros dependentes da consellería, a coordinación da formación, o asesoramento ás organizacións sectoriais, así como a programación e xestión administrativa, económica e orzamentaria da dirección xeral e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.2.1. Servizo de Coordinación e Apoio á Xestión, ao cal lle corresponden a planificación, a xestión, o seguimento e a coordinación administrativa da execución dos orzamentos da dirección xeral; a tramitación dos expedientes de gasto de investimentos e axudas e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.2. Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras, ao cal lle corresponden a coordinación, a programación e a xestión das ensinanzas náutico e marítimo-pesqueiras nos centros dependentes da Consellería do Mar; a elaboración de estudos sobre funcionamento das ensinanzas e perfeccionamento do profesorado; a elaboración da memoria das actividades dos centros; servir de canle nas relacións entre os centros, a Administración educativa e outras entidades públicas e privadas; a programación e a execución da formación e a reciclaxe dos/das profesionais do sector; a emisión e o rexistro das titulacións náuticas de pesca e lecer; e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.3. Servizo de Apoio e Relación coas Organizacións Sectoriais, ao que lle corresponden a asistencia técnica ás confrarías de pescadores/as e asociacións relacionadas co sector; recibir información das actividades das confrarías de pescadores/as; servir de canle ás relacións entre os distintos órganos do departamento e as confrarías e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.3. Subdirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, á cal lle corresponden a programación, xestión e execución do desenvolvemento pesqueiro, incluídos a supervisión, a xestión e o control dos grupos constituídos para o desenvolvemento sustentable do litoral, as actividades de fomento da organización sectorial; a extensión pesqueira, a programación, a coordinación e o seguimento das actuacións en materia de ordenación do marisqueo, velar pola aplicación da normativa sobre a actividade marisqueira; a colaboración na defensa e promoción dos intereses galegos en materia de marisqueo e a planificación e o seguimento de instrumentos de xestión sustentable dos recursos marisqueiros. Así mesmo, correspóndenlle en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.3.1. Servizo de Xestión dos Recursos Marisqueiros, ao cal lle corresponden a planificación, a coordinación, a execución e o control das medidas e actuacións en materia de marisqueo; a xestión dos instrumentos de planificación da actividade marisqueira; a xestión dos títulos administrativos habilitantes para o marisqueo; o seguimento da actividade marisqueira e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.3.2. Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca, ao cal lle corresponden o asesoramento, fomento e apoio do asociacionismo e da organización do sector; a extensión pesqueira; impulsar a formación, por parte dos axentes socioeconómicos das zonas costeiras, de iniciativas e programas de desenvolvemento e diversificación; dinamizar e coordinar os grupos constituídos para o desenvolvemento sustentable do litoral; difundir as políticas e medidas para o desenvolvemento costeiro aplicables en cada momento; e a supervisión, valoración e control da actividade dos grupos constituídos para o desenvolvemento sustentable do litoral.

2.4. Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico, á cal lle corresponden a programación, a coordinación e o seguimento de medidas en materia de conservación e protección dos recursos mariños; o seguimento de instrumentos de xestión sustentable dos recursos mariños, a realización de estudos previos á elaboración da normativa sobre a actividade pesqueira, a coordinación e a xestión do programa tecnolóxico sectorial de investigación mariña no marco do Plan galego de I+D+I; o apoio á xestión do Centro de Investigacións Mariñas (Cima), así como de calquera outra actividade relacionada co fomento da coordinación na investigación mariña de Galicia; o seguimento e control de proxectos I+D+I no marco de instrumentos financeiros comunitarios, nacionais e autonómicos e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.4.1. Servizo de Xestión de Proxectos, ao cal lle corresponde a xestión das medidas e actuacións de interese colectivo en materia de conservación e protección dos recursos mariños e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.4.2. Servizo de Planificación, ao cal lle corresponden a xestión de medidas de conservación e protección da fauna e da flora acuáticas en áreas de interese pesqueiro; a xestión de actuacións en materia de estudo, avaliación ou seguimento dos recursos mariños naturais e da actividade pesqueira, marisqueira e da acuicultura; e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.5. Dependendo funcionalmente da dirección xeral e con nivel orgánico de servizo, o Centro de Investigacións Mariñas (Cima) exercerá as funcións relativas á actividade investigadora e, particularmente, as referidas ás áreas de procesos oceanográficos costeiros, recursos mariños, acuicultura e patoloxía. O Cima está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo.

A este centro correspóndenlle a coordinación, a programación e a xestión das infraestruturas e medios dispoñibles, tanto en equipamento como en persoal, dedicados á investigación mariña; a xestión e o control de gastos de funcionamento e execución dos proxectos de investigación; o fomento da coordinación interinstitucional e a integración interdisciplinar para unha optimización do rendemento da investigación mariña en Galicia; e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.6. Dependerán funcionalmente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro os centros públicos de ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras:

– Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa).

– Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

– Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

– Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol».

Tres. Introdúcese unha disposición adicional terceira no Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

«Disposición adicional terceira. Dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes

No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería do Mar para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de abril de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar