Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 17 de abril de 2018 Páx. 20764

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 19 de febreiro de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual número 9 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Curtis.

O Concello de Curtis remite a modificación puntual referida mediante a que se solicita a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 60.13 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Logo de analizar a documentación presentada, datada en marzo de 2017 e subscrita polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Curtis conta cun PXOM aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 19.9.2007.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental fixo pública a súa Resolución do 18 de xaneiro de 2017 pola que formula o informe ambiental estratéxico que non somete esta modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria mediante anuncio no DOG do 16 de febreiro. No trámite de consultas recibíronse informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do Instituto de Estudos do Territorio e da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

3. A secretaria-interventora e arquitecta técnica municipal emitiron informes o 26.5.2017 (artigo 60.6 da LSG e artigo 144.6 do seu regulamento).

4. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 2.6.2017; foi sometida polo concello a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 6 de xuño de 2017, e DOG do 23 de xuño). Non se presentou ningunha alegación.

5. A Dirección xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe relativo ao resultado do trámite previsto no artigo 60.7 da LSG o 2.10.2017:

– Foron solicitados os informes sectoriais autonómicos preceptivos, constando:

a) Informe da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 4.7.2017.

b) Informe da Axencia Galega de Infraestruturas do 14.9.2017.

c) Informe do Instituto de Estudos do Territorio do 22.9.2017.

d) Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 8.9.2017.

Non consta a emisión do informe solicitado á Dirección de Augas de Galicia, tendo rematado o prazo previsto no artigo 60.7 para a súa emisión en data 28.9.2017, polo que se entende emitido en sentido favorable (artigo 60.7 da LSG).

– Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Aranga, Guitiriz, Mesía, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar. Ao día dese informe, 2.10.2017, responderan os concellos de Mesía e Vilasantar. Os restantes concellos contaban cun prazo para responder que finalizaba o día 24.9.2017, polo que puido continuarse o procedemento de aprobación da modificación (segundo parágrafo do artigo 60.7 da LSG).

6. A Deputación Provincial da Coruña emitiu informe favorable en materia de estradas o 17.11.2017.

7. A secretaria-interventora e arquitecta técnica municipal emitiron informes o 1.12.2017 (artigo 60.13 da LSG e artigo 144.13 do seu regulamento).

8. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordo do Concello en Pleno do 15.12.2017.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación ten como finalidades:

a) Mudar as aliñacións na rúa Manuel Ángel Terrón do núcleo de Curtis, axustándoas ás edificacións e á urbanización existentes.

b) Adaptar as aliñacións da rúa que desemboca á altura do número 38 da rúa Antón de Pepiño no núcleo de Teixeiro ás necesidades actuais derivadas da execución das obras de supresión do paso a nivel do ferrocarril de Carroipaz.

c) Modificar as aliñacións da rúa Uceira Nova, trazándoas paralelas ao eixo da vía co fin de atinxir de xeito proporcional os predios lindeiros.

d) Alterar a cualificación de sistema xeral do cemiterio existente no núcleo de Teixeiro e dos terreos lindeiros destinados á ampliación deste, que pasan a ser cualificados como dotación privada, xa que o ámbito pertence ao arcebispado de Santiago de Compostela.

III. Análise e consideracións.

1. A modificación xustifica as razóns de interese público exixidas polo artigo 83.1 da LSG polo mellor axuste do planeamento coa realidade existente.

2. Téñense corrixido as deficiencias que se sinalaban no informe emitido pola Dirección xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo relativo ao trámite previsto no artigo 60.7 da LSG o 2.10.2017, sen se observar ningunha outra.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións, corresponde á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 9 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Curtis.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do Solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a Normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a mesma no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta Orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio