Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 16 de abril de 2018 Páx. 20635

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2018 pola que se determina a composición da mesa de contratación permanente da Universidade de Vigo.

Mediante Resolución reitoral do 5 de xullo de 2010 (DOG núm. 140, do 23 de xullo) estableceuse a composición permanente da mesa de contratación da Universidade de Vigo e fixáronse as súas normas de funcionamento.

O 9 de marzo de 2018 entrou en vigor a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público. Nesta lei establécese que, excepto no caso en que a competencia para contratar corresponda a unha xunta de contratación, nos procedementos aberto, aberto simplificado, restrinxido, de diálogo competitivo, de licitación con negociación e de asociación para a innovación, os órganos de contratación das administracións públicas estarán asistidos por unha mesa de contratación. Asemade, e ao respecto tanto da composición como do funcionamento da mesa de contratación, a lei establece unha serie de limitacións en canto ás persoas que a poden integrar ou emitir informes.

Polo tanto, faise necesario modificar a dita resolución reitoral co obxecto de acomodar a composición da mesa de contratación ao novo marco xurídico creado pola referida lei.

Por todo o anteriormente exposto, acórdase ditar a seguinte resolución, mediante a cal modifícase o punto primeiro da Resolución do 5 de xullo de 2010 (modificada pola Resolución reitorial do 26 marzo de 2018, que queda sen efecto) pola que se fai pública a composición e funcionamento da mesa de contratación permanente da Universidade de Vigo que queda redactada nos seguintes termos:

«Primeiro. Composición da mesa de contratación

Desígnanse con carácter permanente os membros da mesa de contratación da Universidade de Vigo que se sinalan a seguir:

– Presidente/a: a persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Contabilidade, Orzamentos e Tesouraría, que poderá ser suplida en caso de vacante, ausencia ou enfermidade pola persoa que designe o reitor.

– Vogal: a persoa que ocupe a Vicexerencia en materia económica e que poderá ser suplida en caso de vacante, ausencia ou enfermidade pola persoa que designe o reitor.

– Vogal: o/a presidente/a do Consello Social ou persoa en que delegue.

– Vogal: a persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Asesoría Xurídica ou letrado/a dela.

– Vogal: o/a xefe/a do Servizo de Control Interno ou funcionario/a do servizo que o substitúa.

– Secretario/a: o/a xefe/a de Servizo de Xestión Económica e Contratación ou funcionario/a do servizo que o substitúa.

Esta designación enténdese sen prexuízo das que de xeito específico se poidan efectuar para a adxudicación de determinados contratos».

Esta resolución entra en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 10 de abril de 2018

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo