Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 13 de abril de 2018 Páx. 20436

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2018, do Servizo Provincial de Ourense, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción mellora da seguridade viaria na OU-105-Seixalbo, de clave OU/16/247.06, no concello de Ourense.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu ordinal 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

O 15 de decembro de 2017, apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción mellora da seguridade viaria na OU-105-Seixalbo, de clave OU/16/247.06.

Con data do 18 de xaneiro de 2018 a Xunta de Galicia declarou de utilidade pública e urxente ocupación os bens e dereitos necesarios para os efectos de expropiación para a mencionada obra, mediante o Decreto 5/2018, publicado no Diario Oficial de Galicia do 25 de xaneiro.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do Regulamento para a súa aplicación, este servizo, en uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do concello de Ourense, para que comparezan no lugar, a data e a hora que se detallan a continuación co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Ourense.

Lugar: local social Asociación de Veciños de San Breixo de Seixalbo.

Data: 16 de maio de 2018, desde as dez horas trinta minutos ata as once horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos no concello de Ourense e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Ourense (r/ Sáenz Díez, nº 1).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome e xuntaren os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, podendo facerse acompañar pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido nos artigos 17, 18 e 19 da Lei de expropiación forzosa e do 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante un prazo de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación da presente resolución e ata o momento do levantamento da acta previa correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Ourense (r/ Sáenz Díez, nº 1), as alegacións que consideren pertinentes para os efectos previstos na regulación referida.

Tamén se comunica que deberán comparecer ao acto achegando as escrituras de propiedade dos predios e o documento nacional de identidade, así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria.

Conforme establece o artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado servirá como notificación aos posibles interesados que non puidesen ser identificados, aos titulares de bens e dereitos que sexan descoñecidos, a aqueles dos que se ignore o seu domicilio, ou ben a quen, intentada a súa notificación, non se puidese practicar.

Ourense, 23 de marzo de 2018

Marcos Buide Pollán
Xefe do Servizo Provincial de Ourense